|
Actualidade CIG-Comunicación-
En primeiro lugar aclarar que é radicalmente falso que a Sección Sindical da CIG en Caixanova negociase a súa entrada en CCOO, en todo caso foi un grupo de afiliados/as os que protagonizaron este caso de transfuguismo sindical en pleno proceso de eleccións sindicais e de costas ao resto da Sección e da afiliación. A Sección Sindical da CIG continúa activa en defensa dos intereses dos traballadores e das traballadoras de Caixanova. Aínda onte, 17 de outubro, celebrouse con toda normalidade unha Asemblea de afiliados/as en Ourense para explicar o preacordo do Convenio Colectivo e para ratificar as candidaturas das vindeiras eleccións sindicais. Hoxe, día 18 de outubro, celebrouse unha reunión dos delegados e delegadas da CIG para avaliar a situación e planificar o proceso electoral en Caixanova. Non nos corresponde dar explicacións, é responsabilidade de quen pasa a defender posicións sindicais nas antípodas das que ata o de agora dicían defender. Evolucionar ideoloxicamente é lícito, pero estamos ante unha manobra que só pretende perxudicar á CIG en pleno proceso electoral, nomeadamente na provincia de Pontevedra. Durante nove anos os traballadores e traballadoras de Caixanova non poideron elixir a súa representación sindical, as persoas que hoxe marchan asinaron coa empresa a paralización dos procesos electorais de costas ao resto dos delegados/as, da afiliación e da organización. Tamén se opuxeron durante nove anos a que os afiliados e afiliadas da CIG poideran elixir democraticamente ás persoas que debían estar á fronte da Sección Sindical. Por parte do grupo dos actuais tránsfugas, sabendo que non contaban co apoio da afiliación, solicitouse desta Federación aprazar o proceso de renovación ata despois das eleccións sindicais, polo que queda máis claro que o seu obxectivo foi en todo momento perxudicar á CIG. Tamén é necesario dicir que antes de recalar en CCOO mantiveron conversas con outras centrais sindicais nas que tentaron a súa incorporación sen que fosen admitidos. Máis alá das diferenzas ideolóxicas esgrimidas o único obxectivo destas persoas era perpetuarse a calquera prezo como representantes dos traballadores e traballadoras de xeito vitalicio. En todo caso, a Sección Sindical da CIG en Caixanova traballa hoxe contra reloxo, xunto co resto da organización, para impedir que a CIG quede fóra deste proceso electoral naquelas provincias onde as candidaturas quedaron afectadas. Nese sentido saben que a día de hoxe contan co apoio de toda a organización e por suposto da afiliación que está francamente indignada ante un proceso opaco e clandestino realizado no seu nome e sen a súa participación». |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/10/2007 |
||||
|