|
Actualidade CIG-Comunicación-
Este martes 2 de outubro desenvolveuse a primeira xornada na folga polo Convenio provincial da Construción en Pontevedra. Os sindicatos CIG, organización maioritaria da provincia neste sector, CCOO e UGT convocaron unha folga para esta xornada e os próximos días 3, 4, 9 e 10 deste mes, e que, de non chegarse a un acordo coa patronal, farase indefinida e continuada a partir do 16. O sector, formado por uns 45.000 traballadores en Pontevedra, iniciou os paros en protesta pola ruptura das negociacións coa patronal sobre as melloras provinciais do convenio marco asinado a nivel nacional. Entre as principais reivindicacións do sector están as melloras salariais e o aumento da estabilidade laboral, a posibilidade de que o traballador poida elixir xubilarse de forma anticipada ou a xornada continuada de verán, entre outros aspectos.
Na cidade de Vigo, os distintos piquetes informativos repartíronse distintas áreas como Cabral e O Calvario, as rúas Aragón e Travesía de Vigo, a zona de Travesas e Gran Vía, a zona de Castrelos, Matamá e o campus universitario, así como Navia, Bouzas e Alcabre, “onde nos atopamos a maioría do traballo feito” sinalaba o responsábel comarcal da Construción de Vigo, Alberte Fernández. Desde a Federación da Construción da CIG da Comarca de Pontevedra, Xaquín Agulla subliñou a escasa intervención dos piquetes informativos durante toda a mañá, o que “amosa a elevada concienciación dos traballadores ante a súa situación laboral, e que en boa medida se debe á folga anterior de dúas xornadas no mes de maio convocada en solitario pola CIG”. Os piquetes nos días vindeiros percorrerán a zona rural das comarcas de Vigo, Pontevedra e doutras localidades da provincia, xa que neste primeiro día se centraron nas obras de construción e grandes obras públicas.
Desde as doce da mañá, e durante máis dunha hora e media, centos de traballadores cortaron o tráfico entre a rúa Policarpo Sanz e a Porta do Sol, diante da sede da patronal da Construción. Deste xeito, e con apupos á patronal e asubíos, os traballadores que ao longo da mañá percorrían moitos dos centros de traballo da provincia, encontrábanse no centro neurálxico da cidade de Vigo. Alí, Xosé Xoán Melón, secretario nacional da CIG Construción incidía “na vital importancia deste momento, porque nos queren botar un pulso e temos que ser firmes, para termos o mellor convenio da historia para os traballadores de Pontevedra”, así como fixo un chamamento a continuar coa mesma forza os próximos días. |
||||||||||||||||||||||||||||||
Informacións relacionadas
|
||||||||||||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 03/10/2007 |
||||||||||||||||||||||||||||||
|