Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 9 de outubro de 2007

Traballadores autónomos dependentes: legalizar a fraude
 

Héctor López de Castro Ruíz-

hector@galizacig.net


  Quitando unha foto, clic para aumentar
O fotógrafo da sentenza, que viu felizmente recoñecida a súa relación laboral, sería hoxe, por obra e graza da LETA, expulsado do Dereito do Traballo. A irrupción do TRADE como nova figura legal santifica o que antes era considerado unha relación laboral mascarada como un contrato mercantil de arrendamento de servizos.
 
Agora que o propio Vaticano decidiu abolir o limbo –un tétrico lugar situado entre o ceo e o inferno, de acordo cunha tradición medieval católica–, as Cortes españolas tomaron por unanimidade a decisión de situar nunha zona xurídica igualmente etérea, entre o Dereito do Traballo e o Dereito Mercantil, un enorme colectivo de persoas que cabalmente debían ter a condición de traballadores por conta allea: son os chamados “autónomos dependentes”. E, contrariamente ao que acontecía no limbo do catolicismo, non lles oferecen a esperanza da redención.

O día 12 de outubro de 2007 entrou en vigor a Lei 20/2007, do 11 de xullo, reguladora do Estatuto do traballo autónomo (LETA). Coa escusa, máis retórica que real, de dispensar unha mellor protección xurídica aos xenuínos autónomos, a grande innovación da Lei é crear un tertium genus de traballadores, entre os asalariados e os autónomos, que son designados co oxímoro de “traballadores autónomos dependentes” (TRADEs). A finalidade desta figura é legalizar unha práctica fraudulenta ou, por outras palabras, converter o até agora ilegal “falso autónomo” nunha figura con pedigree xurídico.

Para constatarmos esta legalización da fraude, debemos confrontar a definición do TRADE do artigo 11.1 LETA co concepto legal de traballador suxeito ao Dereito do Traballo do artigo 1.1 do Estatuto dos Traballadores (ET). Este último precepto incorpora como criterio definitorio do traballador suxeito ao Dereito do Traballo o da “alteridade” (traballo por conta allea), un macroconcepto con varias facetas que nos serve para caracterizar as relacións laborais e distinguilas doutras realidades próximas pero diferentes. No que aquí interesa, é relevante a nota da “alteridade no mercado”, consistente en que a empresa (ou o verdadeiro traballador autónomo) se relaciona xuridicamente cos clientes (persoas que concorren ao mercado de bens e servizos), entanto que o traballador por conta allea non ten relación xurídica con eses clientes, senón que só se relaciona co empresario, através do vínculo xurídico do contrato de traballo.

Os redactores da LETA coidáronse ben de reservaren a denominación de “cliente” para designar a persoa física ou xurídica para a cal o TRADE traballa e da cal percebe, como mínimo, un 75 por cento das súas rendas profesionais. Trátase pois dun traballo en exclusiva (ou case en exclusiva, pois o pluriemprego non é contraditorio coa relación laboral), de tipo persoal, habitual e directo e polo cal o TRADE recebe unha remuneración, que non é diferente dun “salario a resultado” (figura regulada no artigo 26 ET). Polo tanto, ese suposto “cliente único” (ou case único) non é realmente un cliente, senón un xenuíno empresario, pois é el, e non o TRADE, o que organiza a actividade de producir e distribuír os bens ou servizos que coloca no mercado. Un mercado que si está integrado por verdadeiros clientes, cos cales o TRADE non se relaciona xuridicamente. Por iso o TRADE non é realmente un traballador autónomo, senón un traballador por conta allea.

A xurisprudencia oferece moitos exemplos da utilización do criterio de “alteridade no mercado” como termómetro para determinar se unha determinada relación ten o carácter de laboral ou mercantil. Podemos citar a sentenza do Tribunal Supremo do 31 de marzo de 1997 (RJ 3578), relativa a un fotógrafo que, con cámara e vehículo propios, facía reportaxes para un xornal que lle asignaba unha determinada zona, que seleccionaba as fotos que ía publicar e que pagaba unha cantidade fixa de diñeiro por cada foto. A sentenza conta ademais que este fotógrafo podía traballar para outras empresas se quería, aínda que non constaba que o fixera. Pois ben, o Tribunal Supremo considerou que había relación laboral con base no seguinte argumento: “Concorre no caso xulgado a nota da alteridade que caracteriza a prestación de servizos de réxime laboral. O colaborador ou repórter gráfico demandante non fai os traballos fotográficos por propia iniciativa e para si propio, con propósito de os oferecer máis tarde no mercado da información, senón que os realiza atendendo a precisas indicacións temáticas ou de obxecto dunha empresa xornalística, que ten a faculdade de seleccionar, por un prezo preestabelecido, as fotos que máis lle interesan das reportaxes realizadas, e que adquire así o principal resultado do traballo, que son os dereitos de explotación e publicación na imprensa das fotografías seleccionadas”.

O fotógrafo da sentenza, que viu felizmente recoñecida a súa relación laboral, sería hoxe, por obra e graza da LETA, expulsado do Dereito do Traballo. A irrupción do TRADE como nova figura legal santifica o que antes era considerado unha relación laboral mascarada como un contrato mercantil de arrendamento de servizos. Ademais, a contrapartida que se obtén en termos de dereitos laborais é, como mínimo, deprimente: uns “acordos de interese profesional” que son como convenios colectivos descafeinados (art. 13 LETA), dezaoito días hábiles de vacacións (art. 14.1 LETA), descanso semanal, feriados e xornada por contrato (art. 14.2 LETA), despedimento sen causas taxadas (art. 15.1.f) LETA) ou indemnizacións recíprocas por resolución inxustificada do contrato (art. 15.3 LETA). Faragullas insignificantes frente aos enormes beneficios que a patronal vai obter desta Lei, ao verse libre dos incómodos corsés xurídico-laborais que limitaban a explotación dos traballadores formalmente terceirizados.

A “má consciencia” do lexislador faise patente no artigo 17 LETA, que atribúe á xurisdición social a competencia para xulgar os conflitos individuais entre o TRADE e o seu “cliente”, así como os conflitos colectivos de aplicación e interpretación dos acordos de interese profesional. Coa agravante, ademais, de conceder lexitimación procesual perante a xurisdición social ás “organizacións de traballadores autónomos”, que teñen un sistema de determinación da súa representatividade moi pouco rigoroso (art. 21 LETA) e que ademais acollen no seu seo intereses de clase contraditorios, ao admitiren a afiliación tanto de TRADEs como de verdadeiros autónomos, mesmo con traballadores asalariados ao seu cargo.

En conclusión, a regulación do TRADE supón unha verdadeira fuxida do Dereito laboral, que legaliza a fraude dos “falsos autónomos” na senda da individualización das relacións laborais e o desamparo social. Un grande número de traballadores e traballadoras, nomeadamente do sector servizos, poden verse privados do manto protector do Dereito do Traballo. En contrapartida, o limbo.

 
 
  Héctor López de Castro Ruíz,
avogado da CIG.
(Máis artigos...)
  Héctor López de Castro Ruíz
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 09/10/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta