Actualidade / Entrevista Volver


Santiago, 26 de outubro de 2007

Fillo de Carmen Arias, a aia galega que criou a Ernesto Guevara
Entrevista a Alfredo Gabela: “A miña nai era a aia do Che Guevara”
 

Mónica Lázaro Jodar e Lois Pérez Leira-

cigmigra@arrakis.es



  Alfredo Gabela (fillo), clic para aumentar
Alfredo Gabela (fillo).
 
“A familia Gabela Arias tamén xogou un papel fundamental entre os anos 1956 e 1958 cando o Che estaba pelexando na guerrilla cubana contra a ditadura de Fulgencio Batista”.



Ao cumprirse o vindeiro 14 de xuño o 79º aniversario do nacemento de Ernesto Guevara de la Serna, Alfredo Gabela -fillo de Carmen Arias, considerada como a segunda nai do Che- decide contar a intensa relación que uniu ao líder revolucionario coa súa nai.

A primeira que mencionou a existencia de Carmen Arias foi a escritora Anisia Miranda na revista cubana Zunzún. Tamén o escritor Xosé Neira Vilas fixo nalgunha oportunidade referencia á aia galega do Che.

Carmen naceu en 1907 na aldea de Bade, parroquia de Vilamaior, no concello de Sarria
  Carmen Arias, Carmencita e Ana María Guevara; clic para aumentar
Carmen Arias fronte ao Sierras Hotel de Alta Gracia ao carón de Carmencita (esquerda) e Ana María Guevara, no ano 1938.
Ernesto Guevara ao carón de Carmen Arias; clic para aumentar
Ernesto Guevara cando tiña dous anos, a carón de Carmen Arias, fronte ao Xardín Zoolóxico de Bos Aires.
 
(Lugo), segundo consta na súa partida de nacemento. Filla de Benigno Arias e de Dolores López, era a segunda de oito irmáns. Os seus pais dedicábanse a labrar a terra pero a situación de atraso que vivía Galiza non lles permitía progresar. Cando Carmen chegou á adolescencia, un día, en procura dun futuro máis promisorio, decidiu emigrar. En 1923 abandonou o seu Bade natal e embarcou cara á Arxentina xunto a unha irmá do seu pai.


Os comezos dunha gran amizade

Alfredo Gabela mergulla na súa memoria para relatar o momento en que a súa nai empezou a traballar coa familia Guevara de la Serna. “A miña nai foi contratada por Celia de la Serna e Ernesto Guevara Lynch en xullo de 1928, días despois do nacemento de Ernesto. Eles había uns meses que vivían en Porto Caraguatay, provincia de Misións, onde o pai do Che explotaba unha plantación de herba mate. Cando Celia estivo para ter ao seu primeiro fillo, viaxaron a Rosario e o Che naceu alí. Logo trasladáronse a Bos Aires onde contrataron á miña nai, quen os acompañou á selva misioneira. Debido á gran cantidade de insectos que había nesa paraxe e ao perigo destes, miña nai vestía a Ernesto con roupa liviá que o cubría por completo. Ela foi quen lle puxo o alcume de ‘Teté’, nome que só coñecían os seus familiares e amigos. Viviron alí ata que o Che tivo case dous anos e despois regresaron a Bos Aires onde se instalaron en San Isidro. Miña nai ía con Ernestito e Celia sempre ao club náutico onde esta se bañaba no Río de la Plata; ela contoume que unha mañá moi fría de maio Ernestito contraeu bronquite aguda o que derivou no seu primeiro ataque de asma, enfermidade que o acompañou toda a súa vida”.

Gabela relembra que cando a súa nai coñeceu a seu pai, un asturiano do cal leva o seu nome, esta continuou traballando cos Guevara. “Mamá acompañou os Guevara aos distintos lugares onde estes viviron porque, buscando un clima máis apropiado para tratar a enfermidade do Che, a familia deambulou por diversos barrios da Capital Federal e viviu once anos na localidade de Alta Gracia, provincia de Córdoba. En 1933, cando os Guevara decidiron estabelecerse en Córdoba, Ernestito non quería afastarse de Carmen, por iso lle pregaron ao meu pai que lle permitise ir con eles. O meu pai accedeu pero tempo despois propúxolle matrimonio e ela tardou en aceptar. A principios de 1934 decidiu casar, nova que significou un duro golpe para os Guevara. Con todo, a
  Alfredo Gabela (pai) e Carmen Arias; clic para aumentar
Alfredo Gabela (pai) e Carmen Arias.
 
miña nai seguiu vendo a Ernesto e á súa familia: cando a miña irmá maior naceu, os seus padriños foron os pais do Che e cada vez que podía viaxaba con ela a Alta Gracia e quedaba un mes en casa dos Guevara. A miña irmá gozaba xogando co Che e os seus irmáns e viaxando na “catramina”, un vello e medio desfeito automóbil pertencente á familia. Durante a Guerra Civil construían trincheiras nun terreo ao fondo da casa, onde se divertían representando uns ao bando republicano e outros ao franquista. En canto a min, o Che influíu enormemente na miña vida, en primeiro lugar porque el e a súa irmá Celia son os meus padriños de bautismo; sempre me tratou como un verdadeiro afillado e durante as súas viaxes por Latinoamérica enviábame postais onde contaba a situación política e económica que atravesaban os países que visitaba. Coido que a miña nai foi sempre moi importante para o Che; recordo que cando el estaba cursando a carreira de medicina estudaba regularmente na nosa casa, ademais todas as semanas viña comer as pastas que miña nai preparaba. O día que se obtivo a licenciatura de medicina, á primeira á que lle deu a nova foi a mamá, e cando chegaba dalgunha das súas viaxes, sempre ía inmediatamente a visitar a Carmen”.


  Postal enviada polo Che Guevara a Alfredo Gabela; clic para aumentar
Postal enviada polo Che Guevara a Alfredo Gabela; clic para aumentar
Anverso e reverso dunha postal enviada polo Che Guevara ao seu afillado Alfredo Gabela desde Puebla, México.
 
O compromiso de Carmen e Alfredo cos Guevara

A familia Gabela Arias tamén xogou un papel fundamental entre os anos 1956 e 1958 cando o Che estaba pelexando na guerrilla cubana contra a ditadura de Fulgencio Batista. “Como nesa época en Arxentina había un Goberno militar, o Che enviaba cartas escritas en clave dirixidas a meu pai para que este llas entregase a Celia de la Serna; ao que as recibía, papá saía apresuradamente a levarllas a Celia. O Che continuou enviando cartas en clave durante os primeiros tres anos do triunfo da Revolución Cubana, e en agosto de 1961, con motivo da reunión da OEA en Punta de Este (Uruguai), na que Cuba estivo representada polo Che, que era ministro de Industrias dese país, papá viaxou a Uruguai para se ver con el. Días despois, o 18 de agosto, Ernesto viaxou secretamente a Arxentina para se reunir co presidente Arturo Frondizi, quen presionado por EEUU desexaba convencer ao Goberno cubano -representado polo Che- de lograr un entendemento con Norteamérica para evitar a exclusión de Cuba do sistema interamericano. Nesa oportunidade, aínda que permaneceu só dúas horas no país, non deixou de visitarnos”.

Para rematar, Alfredo lembra que “en outubro de 1967, cando se decatou de que mataran ao Che no lugar de Higuera, en Bolivia, Carmen sufriu moito e nunca se repuxo totalmente desa gran perda”, finaliza conmovido.

 
 

 Mónica Lázaro Jodar e Lois Pérez Leira.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 26/10/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta