Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 25 de setembro de 2007

Alén de auga e rocha, lembrar ao almirante-poeta
Paio Gómez de Chariño

O Castelo da Lúa
 

Manuel Mera-

fs@galizacig.net


  Castelo da Lúa (Rianxo); clic para aumentar
Castelo da Lúa (Rianxo); clic para aumentar
Castelo da Lúa (Rianxo); clic para aumentar
Castelo da Lúa (Rianxo); clic para aumentar
Castelo da Lúa (Rianxo); clic para aumentar
Castelo da Lúa (Rianxo); clic para aumentar
Arredores do Castelo da Lúa (Rianxo); clic para aumentar
Arredores do Castelo da Lúa (Rianxo); clic para aumentar
Arredores do Castelo da Lúa (Rianxo); clic para aumentar
Arredores do Castelo da Lúa (Rianxo); clic para aumentar
Castelo da Lúa e arredores (Rianxo). (Fotos: ©galizacig.com).
 
Preto da vila de Rianxo, ao carón da Ría de Arousa, na confluencia co río Té, nun lugar fermoso, mandou construír no século XIII Paio Gómez de Chariño o Castelo da Lúa. O señor de Rianxo (varias fontes danlle ademais o titulo de almirante) participou canda Fernando III na conquista de Sevilla ao mando de naves galegas, tendo un papel importante na rendición da cidade (despois de 15 meses de cerco). Estes méritos, a súa relación con Sancho IV déronlle á súa cidade natal, Pontevedra, varios privilexios reais que sempre lle agradeceu ao señor de Rianxo.

Gómez Chariño morreu asasinado en Cidade Rodrigo no ano 1295, nunha etapa na que tomara partido polos que querían recuperar a independencia do Reino. O almirante era nese intre adiantado maior. Estes feitos acontecen cando morre Sancho IV, e a nobreza castelá impón a Fernando IV. A ruptura con Castela produciríase pouco despois cando se fixo un acordo de división pactada pola nobreza, polo que o infante Xoán (que contaba co apoio do rei Dinís de Portugal e do musulmán de Granada), rexería o Reino de Galiza, ampliado co de Sevilla. Deste xeito disólvese a federación galego-castelá feita sesenta e seis anos antes; separación que desta volta durará pouco tempo (cinco anos), aínda que serán moitos os intentos posteriores pra facela realidade.

Paio Gómez Chariño foi asemade poeta e pódenselle atribuír (dos cancioneiros coñecidos na actualidade) 28 composicións, das que 19 son cantigas de amor, 6 cantigas de amigo, e 2 cantigas de escarnio, incluíndo a “tentación cun señor” non nomeado, e unha última cantiga non encuadrábel en ningún dos xéneros anteriores. “Chariño pertence, sen dubida, aos grandes cantores do mar” (Escolma de poesía galega).

Andando o tempo o Castelo da Lúa pertencería ademais á Orde do Temple e despois á Mitra Compostelá, sería derrubado polos Irmandiños de 1465 e reconstruído por Suero Gómez de Soutomaior. Ficou totalmente abandonado arredor do ano 1600.

No século XVIII fíxose no lugar o primeiro forno alfareiro pra unha produción industrial, razón pola que se recolleron durante as escavacións miles de pezas da época. Estamos polo tanto diante dun monumento no que hai dúas vertentes importantes –dicíanme os arqueólogos- e preguntábanse, coa conciencia daquel que aprecia o traballo que realiza e non quere facer as cousas ao chou, cales delas conservar máis?, onde está o equilibrio pra respetar o valor histórico?...

Chamoume a atención deste castelo, que conta con dous muros de proteción e tiña un peirao pola banda do río (que aínda existe). O seu emprazamento sobre unha grande rocha arrodeado por auga por tres bandas semellóuseme a algúns castelos escoceses e ingleses que se ven tanto nas películas; polo outro lado tiña un foxo, hoxe cheo de terra que seica se pretende retirar. A situación da fortaleza tiña como finalidade, dinme que con moita seguridade, cobrar o transporte que se facía polo río Té, e formaba con outras torres existentes moi preto un sistema defensivo da Ría.

A escavación no Castelo da Lúa faise coa axuda da Consellaría de Cultura e esta primeira fase vai rematar nestes días e, seica, continuará até recobrar este monumento pra facer atractiva á súa visita e sobre todo “pra que a xente do lugar se sinta orgullosa da súa historia”, afirmaba un dos arqueólogos. Contra as caracterizacións apresuradas que as veces se fan, as máis das veces ateigadas de prexuízos a respeito do rural, o certo é que os veciños apoiaron e colaboraron coa escavación en todo momento. Un exemplo. En todo caso tamén hai un mérito importante naqueles arqueólogos e historiadores que fan traballo de campo, que nunca está abondo recoñecido.

Galiza ten unha longa e atractiva historia nacional, chea de todo tipo de feitos bos e algúns malos, como todos os países, mesmo poderíanse facer centos de películas épicas, de fidalgos e labregos, de loitas entre os poderosos e da rebeldía campesiña, de todo houbo. Recuperar dolmens, castros, castelos, mosteiros, as primeiras industrias, trebellos de calquera época, é recoñecérmonos no noso pasado pra enfrontármonos mellor o futuro. Iso tamén é memoria histórica, agora que se fala tanto do tema. As escavacións que se están a facer e recuperación do Castelo da Lúa reflicte que, se hai vontade e medios, hai moito máis recuperábel do que se olla a simple vista. Hoxe, nunca deixarei de repetilo, o que se adica a revalorizar a nosa identidade, mesmo na cultura, é un grauciño comparado cos medios que conseguen outras iniciativas noutros eidos. E mudar isto é fundamental.



Bibliografía:

O Reino Medieval de Galicia; Anselmo López Carreira, Edicións A Nosa Terra.

Galería de gallegos ilustes; Teodosio Vesteiro Torres; Ediciones Galicia.

La Insumisión Gallega, Mártires y Rebeldes; Emilio González López; Editorial Citania.

Historia de Galicia; Benito Vicetto; Alvarellos Editora.

Dicionario da Literatura Medieval, Galega e Portuguesa; Giulia Lanciani e Giuseppe Tavani; Editorial Caminho.

Escolma de poesía galega; Xosé M. Álvarez Blázquez; Galaxia.

 
 
  Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e
Comunicación da CIG.
(Máis artigos...)
  Manuel Mera
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/10/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta