Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 2 de outubro de 2007

Sindicalismo nacionalista e cooperativismo
 

Manuel Mera-

fs@galizacig.net


  Marisqueo nunha praia da Pobra do Caramiñal; clic para aumentar
A cativeza das explotacións individuais agrarias, o carácter común da propiedade do monte ou das praias dedicadas ao marisqueo, só poden ser aproveitadas adecuadamente a través da asociación na produción e comercialización, da unión de recursos materiais e humanos. Aumentar o rendemento destas actividades permitirá aforrar custos e manter a competitividade, tan importante neste intre de globalización e neoliberalismo.
 
Introdución

O cooperativismo é en esencia a colaboración entre os habitantes dun lugar para facer un traballo, do que se van obter un beneficio tanto as persoas que o realizan como a comunidade. A súa orixe é posibelmente tan antiga coma a do home e muller racional. Na nosa nación hai unha morea de traballos realizados en común que aínda perviven no rural, e que non hai nin trinta anos, cunha economía predominante de subsistencia, tiñan un peso moito maior. Cando falo disto, penso: na colaboración para facer a casa dun veciño, a malla do millo, a construción dun camiño ou unha nova traída da auga para a aldea. Mesmo aínda subsisten, malia os múltiples intentos de privatización, formas comunitarias de explotación nun gran parte da masa forestal do país.

Porén, cando falamos hoxe de cooperativismo non estamos pensando só nestas formas de traballo comunitario, senón nunha alternativa de propiedade e produción achegada ao contorno económico e social actual, distinta do capitalismo, ou sexa, alternativa á propiedade privada individual sobre os medios de produción. Esta opción enfrontada ao capitalismo nace co socialismo utópico, como rexeitamento á terríbel explotación que se realiza sobre a masa traballadora. Non hai dúbidas de que esta proposta xorde da observación das formas de produción e colaboración rurais primitivas, que daquela aínda subsistían en Centroeuropa, aínda que pretenden adaptarse á nova realidade industrial.

En gran medida, o movemento cooperativo ten unha relación directa coa revolución industrial, que deixa a un gran número de traballadores/as sen emprego, reduce salarios e aumenta as xornadas laborais (proceso este que vai unido á emigración do agro á cidade, ao librecambio e á importación de produtos alimentarios a baixo custo...).


Anarquismo, socialismo e social-catolicismo

Un socialista utópico, pre-anarquista, como Robert Owen, nado en Gales en 1771 e que morre no ano 1858, xunto con Fourier, Derrion, Cavet e outros son os que divulgan as ideas cooperativistas, que deste xeito aparecen unidas á emancipación da clase obreira. Owen comeza por facer das súas empresas de tecidos unha colonia industrial ideal (ensino, redución da xornada laboral, aumento dos salarios, construción de vivendas, especial atención ao traballo infantil e feminino, economatos, etc.). Esta experiencia acontecía en Escocia na primeira década do 1800. No período de 1812-1815 intenta xeneralizar esta experiencia creando comunidades obreiras autosuficientes. Por diversos motivos estas experiencias fracasan, aínda que terán unha grande influencia sobre o movemento obreiro, que até 1870 aproximadamente fará bandeira das comunidades ou cooperativas de produción, que pretenden substituír a competencia individualista pola cooperación social.

Nesta etapa o socialismo utópico non propugna a toma do poder, nin a modificación da propiedade dos medios de produción, senón que pretende erguer alternativas desde a base que constrúan un novo modelo económico e social. Nomeadamente, a respecto de Owen dirá Lenin no seu artigo Sobre o cooperativismo: “por iso temos razón ao ver no socialismo cooperativista unha pura fantasía, algo romántico e mesmo trivial polos seus soños de transformar, mediante o sinxelo axuntamento da poboación en cooperativas, aos inimigos de clase en colaboradores de clase, e á guerra de clases en paz entre as clases (a chamada paz social)”. Pola súa parte Engels, en Do Socialismo Utópico ao Socialismo Científico tratará extensamente este tema e analizará as “comunas” de Owen, tamén dun xeito crítico, sen deixar de recoñecer que son os primeiros pasos para unha alternativa distinta.

Con Marx e a Comuna de París, o movemento obreiro, ou unha parte importante del, pon en primeiro plano a cuestión do poder. Deixa de ser polo tanto a creación de cooperativas ou comunidades obreiras a andaina fundamental para a construción dun modelo alternativo; e mesmo en certos períodos, especialmente entre os futuros partidos comunistas, hai unha clara oposición á súa divulgación “porque confunden ao movemento obreiro”.

Porén, cando os bolxeviques toman o poder en Rusia, Lenin expón en varias oportunidades a súa postura favorábel ás cooperativas; así, nun discurso pronunciado na xuntanza de mandatarios da Cooperativa Obreira Central de Moscova, en novembro de 1918, di: “A cooperativa é unha enorme herdanza cultural que temos que apreciar e aproveitar.”... E nun documento de xaneiro de 1923, na época da NEP, titulado Sobre as Cooperativas indica: “Agora temos que comprender, para obrar en consecuencia, que o réxime social ao que debemos prestar hoxe en día un apoio extraordinario é o cooperativista”. Así e todo, cando fala da economía social no marco capitalista afirma: “É indubidábel que as cooperativas nun Estado capitalista son institucións capitalistas colectivas”....”No capitalismo privado, a diferenza existente entre empresas cooperativas e empresas capitalistas é a mesma que hai entre empresas colectivas e empresas privadas. No capitalismo de Estado, as empresas cooperativas diferéncianse das empresas capitalistas de Estado, primeiro, en que son empresas privadas e, segundo, en que son empresas colectivas”.

O anarquismo mantén sempre unha postura máis achegada ao cooperativismo. Sobre a postura de Proudhon a respecto deste tema di James Joll no seu libro Os anarquistas: “Nos anos 60 (no século XIX) os discípulos de Proudhon poñen en práctica os principios de asistencia mutua e autoformación (...) Varlin funda en París, por exemplo, vastas cociñas en réxime de cooperativa (...) Non todos permaneceron nos vieiros do anarquismo, malia que as ideas proudonianas de cooperación e descentralización colleron no socialismo francés considerábel importancia, reflectíndose máis tarde, a principios do século XX, nos antagonismos que caracterizaron os movementos socialistas francés e alemán”... Pola súa parte Bakunin fai das comunas o alicerce do réxime económico e administrativo da sociedade comunista libertaria, aínda que as contrapón ao cooperativismo que considera reformista e fracasado como medio para o cambio social. Teorías que Majno intentou aplicar en Ucraína coa constitución de agro-vilas, durante o período que vai de 1918 a 1921, até que foi derrotado polo Exército Vermello.

Posteriormente, o movemento social cristián achégase ao cooperativismo como forma de produción, sérvelle como alternativa fronte ao capitalismo salvaxe e un movemento marxista cada vez máis poderoso, que propugna o colectivismo por medio da estatificación dos medios de produción e unha dirección centralizada, como a saída máis axeitada para a clase traballadora. Este movemento, moi ligado á igrexa e a unha parte do sindicalismo belga e alemán, representa a terceira vía, que tanta influencia política vai ter despois de 1930 en Europa e América Latina. Sen dúbida o gran impulsor desta alternativa social-católica é León XIII, que na encíclica Rerum Novarum en 1891, sobre a condición obreira, propón unha orde cristiá que se basee na xustiza social. Anos antes, en 1878, na encíclica Quod Apostolici, combate o socialismo.

En poucas palabras, o cooperativismo como alternativa á propiedade privada dos medios de produción está relacionado desde o primeiro momento co movemento obreiro, e por tanto co sindicalismo. Desde os sindicatos, tanto de influencia anarquista como socialista, impúlsanse as cooperativas de produción e servizos, especialmente durante todo o século XIX e a primeira parte do XX. Agora ben, a medida que a maioría do movemento obreiro, tanto marxista como anarco-comunista, a partir de principios do século XX, propugna posturas dun colectivismo máis radical, desde a igrexa apóstase polo cooperativismo voluntario que non cuestiona, aínda que critique, a hexemonía das formas de produción capitalista.


Os primeiros pasos en Galiza

De La Sagra, un socialista utópico nado en 1798 na Coruña, que viviu longos períodos en Cuba, Madrid e París, introduciu as concepcións socialistas no noso país, e incidiu sobre o grupo de intelectuais e estudantes que formarían parte do Batallón Literario da Revolución do 1846 (este grupo tiña como medio de expresión El Porvenir, desde onde se divulgaron as ideas asociativas).

Haberá outra corrente importante, moi ligada ao socialismo utópico e ao anarquismo, como é a dos republicanos federais, que teñen como figura sobranceira o catalán Pi y Margall, que darán pulo tamén ao mutualismo e ao cooperativismo. Pi y Margall, seguidor de Hegel e Proudhon, propuña: un campesiñado independente xunto con pequenas industrias rexidas por cooperativas obreiras, unidas por federacións libres, ás que un Estado descentralizado proporcionaría créditos. Seguidores de Pi y Margall son algúns galegos sobranceiros, como: Eduardo Chao, Curros Enríquez e o anarquista Ricardo Mella. Chao realiza un proxecto de constitución para un Estado Federal, durante a Primeira República.

Paz Novoa nun folleto editado en Ourense no ano 1872, baixo o titulo de “Los Foros de Galicia”, trata da emancipación do campesiñado galego ao que cualifica de proletario dos campos “afundido na miseria e subordinado a influencia nefasta do cacique”. Para a eliminación dos foros haberá que esperar a 1926, durante a ditadura de Primo de Rivera, un século despois dos primeiros debates sobre conveniencia de mantelo no agro galego, tanto para rematar coa proletarización existente como para xerar unha base económica e social de pequenos propietarios.

Neste contexto a proposta cooperativista non ten alicerces económicos e sociais para se consolidar como unha alternativa con peso no imaxinario colectivo, por máis que o traballo comunitario fose normal na aldea galega. Despois, axiña, a revolta militar, as persecucións, o recuar do mercado interno, a emigración, non son un escenario propicio para o cooperativismo. Só houbo unha década realmente para lle dar pulo antes da ditadura franquista, e unha parte deste tempo baixo a outra ditadura militar, a de Primo de Rivera.

Non por iso a proposta cooperativa e asociativa deixa de ficar presente. Por exemplo, Ricardo Mella no seu El Problema de la Emigración en Galicia, do ano 1884, afirma sobre o cooperativismo: “Así, as causas da emigración basta con opoñer unha soa idea, un pensamento, e levalo á practica, é: a asociación dos labregos galegos.” O seu cooperativismo ten un xeito máis integral, xa que ve a libre unión a nivel local como un paso básico para que esta asociación se amplíe a niveis superiores.

Anarquistas, republicanos federais e galeguistas significáronse na fundación e organización de asociacións agrarias que chegaron ter unha gran importancia na loita contra os foros, aínda tamén no relativo á parcería, formas de explotación da terra, montes, etc. Asociacións que en moitos casos naceron como sociedades de axuda mutua. Sobre este tema di a Enciclopedia Gallega: “Os primeiros síntomas dun movemento agrario galego ofrécense a partir do século XX. A Asociación Campesina é, desde logo, o indicio máis sobresaínte. Iniciada con timidez no 1868, expandida con carácter de mutua de axuda ante a adversidade (morte do gando, filoxera, epizootias...) a súa expansión era notábel en 1904”. A finais do século XIX nacen as primeiras cooperativas: A “Cooperativa del Ejército y la Armada” en Ferrol en 1884; a “Sociedad Cooperativa Militar y Civil” na A Coruña en 1890; a “Cooperativa Cívico Militar” de Santiago de Compostela en 1895...

Foron principalmente republicanos federais os que levaron estas ideas asociativas e cooperativistas ás colonias de emigrantes galegos na América Latina, especialmente despois da fracasada insurrección en Ferrol de 1872, que provoca a fuxida ou emigración de moitos deles para evitaren a súa detención. Atopan alí entre os emigrantes do rural, afeitos ao traballo en común en moitos aspectos da súa tarefa cotiá, unha predisposición á asociación e ao mutualismo.

Nacen deste xeito asociacións na Habana e Bos Aires, que teñen primeiro como finalidade promover a construción de escolas e manter aos mestres en Galiza, e despois axudar a aqueles galegos que morren no exterior sen medios económicos, ou que necesitan unha achega urxente. Teñamos en conta que tanto o anarquismo como os republicanos federais entenden que a instrución é unha tarefa fundamental para redimir os obreiros e os sectores máis pobres da sociedade.

Baixo este prisma será baixo o que as asociacións galegas no exterior adquiren un carácter cultural e mutualista. Organizan debates e charlas, manteñen xornais e publican libros, contan con grupos de teatro e baile, realizan clases para aprender a ler e escribir aos afiliados/as, constrúen hospitais e, nalgúns casos, panteóns nos cemiterios..., todo coa finalidade de atender aos emigrantes galegos que carecen de medios, especialmente durante os primeiros tempos da súa chegada ao novo país de residencia.

Porén, non fica só no mutualismo a experiencia asociativa dos galegos na América Latina, senón que se estende ás áreas produtivas. Por exemplo en Bos Aires e Montevideo, aínda hoxe, en sectores como a hostalaría e o transporte, cunha enorme presenza de galegos, unha gran parte dos “colectivos” (autobuses), bares, hoteis, etc., son propiedade de varios socios que se axuntan para poderen mercar e utilizar en común os medios de produción. Podería parecer que isto non é máis que unha sociedade mercantil normal, malia que non xurdiu con esa estreita finalidade. Ante todo debemos ter en conta que este proceso se inicia a finais do século XIX, e aínda co capitalismo non usaba daquela como algo normal este tipo de asociacións de capitais incorporando o traballo manual dos socios, que son neste caso: obreiros, artesáns e labregos pobres.

Dise en Bos Aires que os inventores do “colectivo” son os galegos. O proceso de adquisición dos autobuses era o seguinte. Varios paisanos asócianse para mercar un “colectivo” e traballar con el transportando viaxeiros a distintos lugares da cidade. Son sociedades de traballo común, onde se reparten os beneficios a partes iguais entre os asociados, que a nivel individual carecían de capital suficiente para mercar este medio de traballo. O propio pasa con bares e hoteis. Ás veces, son máis de vinte ou trinta os asociados. Así nace CUTCSA, hoxe a maior empresa do transporte urbana do Uruguai. Este xeito de traballar, en común, moi estendido en América Latina entre os nosos emigrantes, racha co tópico que pretende facer ver que os galegos e galegas son individualistas e insolidarios, cousa que non é certa.

Sería errado pensar que estas ideas asociativas e mutualistas foron a América só da man dos intelectuais galegos. Como no caso de Xosé María Cao, o famoso debuxante e republicano federal, fundador do primeiro Centro Galego de Bos Aires; ou Waldo Álvarez Insua, galeguista, impulsor do Centro Galego da Habana. Así mesmo, non poucos emigrantes foron gañados para estas ideas nos centros urbanos de América Latina, onde conviviron con xentes procedentes de toda Europa. E algúns dos que retornaron a Galiza, como Lugrís Freire e Alonso Ríos, salientaron por fomentar o asociacionismo agrario. En todo caso, sen dúbida, a emigración favoreceu a potenciación das ideas mutualistas e cooperativistas na sociedade galega. Houbo unha retroalimentación.

Como xa se dixo, tamén desde o social-catolicismo se apoiou o cooperativismo como alternativa fronte ás posturas socialistas e ao capitalismo (moi unido ao liberalismo, e que provocaba en Galiza a destrución de formas de vida e emprego tradicionais). Porén foi especialmente a partir da Lei de sindicatos agrícolas de 1906 cando os sindicatos católicos colleron auxe en Galiza. Sobre este tema, o do social-catolicismo, di Alberto Martínez López, no seu libro O Cooperativismo católico no proceso de modernización da agricultura galega 1900-1943: “este concíbese como un sistema alternativo global, tanto contra o Socialismo como fronte ao Capitalismo. En realidade trátase de preconizar unha especie de Capitalismo popular”.

Os sindicatos agrarios social católicos chegan ter unha importante presenza, cun máximo en 1920, cando contan cuns 40.000 afiliados/as, para posteriormente ir decaendo. Estes sindicatos, aínda que minoritariamente, axudan á modernización do agro en Galiza. No aspecto cooperativo desenvolven especialmente formas de economía social no consumo, insumos agrícolas, fertilizantes e maquinarias, e en proporcións cativas na merca de gando e terras. As cooperativas de transformación, que tiveron o seu máximo expoñente no matadoiro do Porriño, foron un fracaso.

En síntese: a presenza das ideas cooperativas expándese con forza na sociedade galega, desde diversas correntes de opinión que pretenden distintos fins, de xeito paralelo ao que acontece en Europa. A súa importancia amósase en artigos e programas políticos nos que se consagran como unha alternativa. Concretamente Avelino Pousa Antelo en ¿Valen ou non as cooperativas de esplotación comunitaria pra o campo galego? (Galaxia, 1971) dinos que xa no Congreso Agrícola e Gandeiro de 1906 en Lugo, así como no Primeiro Congreso da Economía Galega, tamén en Lugo, en 1925, se trataron con amplitude os problemas agrarios do país e expúxose como alternativa o cooperativismo. Neste último congreso entre as conclusións había unha referida ás cooperativas que dicía así: “Cada parroquia rural galega constitúe unha cooperativa de produción, cuxos acordos se tomarán por maioría dos veciños cabeza de familia, que representen a maior parte das terras e gando da parroquia”.


Economía social e galeguismo

O nacionalismo galego desde os seus primeiros pasos (a etapa provincialista) promove o cooperativismo como un dos alicerces da futura economía do país. Aínda que nuns casos se considera como complementario do desenvolvemento capitalista ou do colectivismo, e noutros como a base fundamental do desenvolvemento económico.

Alfredo Brañas critica o capitalismo por individualista e o socialismo por negador da liberdade, aínda que anhelando as formas artesanais de produción corporativa e a sociedade tradicional. Porén, cualifica de “sapientísima” a encíclica de León XIII, na que se formula a alternativa social da igrexa. Hai que destacar que este cooperativismo é esencialmente de consumo e servizos (entre eles as Caixas rurais, laborais ou populares... tan defendidas polo anarquista Proudhon); considérase sobre todo que a propiedade debe ser privada, se cadra por iso non se pula polas cooperativas de produción, como si se fixo desde o socialismo utópico e unha parte do anarquismo e socialismo.

Figuras do arredismo galego, como Fuco Gómez, no seu libro Naciones Ibéricas, publicado na Habana en 1930, no apartado “Preceptos do noso Nacionalismo” di o seguinte: “Estabelecemento de zonas colectivas de cultivo, de granxas de experimentación agrícola e industrial, de escolas de Náutica e Veterinaria, de Artes e Oficios onde homes e mulleres poidan aprender aquelo polo que sintan máis vocación”.

Para o Partido Galeguista, tanto o sector conservador como liberal (ou socialdemócrata) e o marxista, o cooperativismo é a mellor alternativa para o sector agrario e mariñeiro de Galiza. Desde o sector neotradicionalista e moderado, tendencia herdeira do rexionalismo de Brañas e moi ligado a un catolicismo militante e ás ideas social-cristiás da época, proponse o cooperativismo como a alternativa ao socialismo e ao capitalismo. Está representado por figuras como Vicente Risco, Otero Pedrayo, Filgueira Valverde, Iglesia Alvariño, Noguerol, López Cuevillas, Losada Diéguez...

O sector demócrata e liberal (que chamaríamos hoxe socialdemócrata ou socialista moderado), representado por Castelao, Peña Novo, os irmáns Vilar Ponte, Bóveda, Luís Porteiro Garea, Peña Novo, Del Riego, Paz Andrade, etc., inclínanse polo cooperativismo e o apoio á pequena propiedade. Nomeadamente Castelao afirma: “A solución do problema da terra en Hespaña está no coleitivismo; en Galiza está no cooperativismo”.

Figuras cunha traxectoria obreira e de pensamento marxista, como Suárez Pícallo, incansábel defensor do labregos e mariñeiros de Galiza nas Cortes da Segunda República, formula o cooperativismo como unha alternativa ao minifundismo agrario que se coida como un freo para o desenvolvemento económico. Choca neste aspecto con aqueles que só ven virtudes no sistema de pequeno empresario (unha diferenza ideolóxica e/ou ademais de visión da realidade con outros militantes galeguistas?). Concretamente Suárez Picallo afirma nun dos seus escritos, onde se aprecia algunha incidencia anarquista sobre este tema, o seguinte:

“Ao colectivismo, polos vieiros da cooperativa integral. Cooperativas de produción -da terra e do mar- industrialización de productos, de distribución e de consumo. Velaí a consiña da nosa Revolución que levara a Galicia ao nivel dos máis grandes experimentos sociais contemporáneos...”.

Sen dúbida, o tema da propiedade da terra e a loita contra os foros mediatizou prioridades, e polo tanto a expansión e o debate sobre o cooperativismo como xeito de produción máis racional nun territorio con pequenas explotacións agrícolas. O cooperativismo pasou a ser un complemento da solución do problema agrario que estaba na concentración parcelaria, na modernización das explotacións, na compra e venda en común, na transformación das producións (coa construción de matadoiros, por exemplo), na mellora das infraestruturas. Desde a opción de Suárez Picallo o cooperativismo ten un senso máis amplo e colectivista que o que defendían outros sectores máis conservadores ou liberais do Partido Galeguista. A súa era unha proposta que abranguía ademais a todos os sectores produtivos (agro, pesca e marisqueo, industria...).

Xa en plena ditadura franquista, no ano 1959 e na Revista de Economía de Galicia, editada por Galaxia, publicábase un artigo sobre cooperativismo no que se dicía: “O cooperativismo é, certamente, unha auténtica solución social, unha fórmula racional e concreta da superación dos máis dispares antagonismos ideolóxicos. Máis, en Galiza, é un trebello único de produtividade, e o seu campo de aplicación e rendemento parece inesgotábel”.

Desde o nacionalismo, na década dos 70, apoiáronse alternativas cooperativistas, como o caso de COGALCO en Vigo, cando menos mentres non se perdeu forza na súa dirección. Unha experiencia da que fala Manuel Lima moi por riba no libro Camilo Nogueira e outras Voces. Xosé Manuel Beiras no seu libro O atraso económico de Galicia, publicado por Editorial Galaxia en 1973, dicía verbo da economía social: “Non se pode matinar nun desenvolvemento do medio rural galego sen a extensión de fórmulas de cooperación social”. Pola súa parte a UPG no seu Primeiro Congreso, de agosto de 1977, definía no seu programa para a etapa democrático-popular medidas sobre o tema: “O Estado estimulará a cooperativización das pequenas empresas agrarias, e as cooperativas rexeranse democraticamente... Para efectos de favorecer o proceso de cooperativización o Estado concederá preferencia e millores condicións ás cooperativas na concesión de axudas...”.


A situación actual

O cooperativismo non está moi estendido hoxe en Galiza, e na maioría dos casos máis que como unha alternativa fronte ao capitalismo vese como un complemento deste ou unha saída transitoria ante a perda de emprego, polo peche da empresa ou falta dun posto de traballo asalariado. Concretamente, nos 10 anos que van desde 1986 até 1995, constituíronse en Galiza apenas 466 cooperativas con 11.420 socios/as; cunha media de 25 socios por cooperativa, sendo 1988 e 1989 os anos con maior auxe de constitucións. Na década actual, desde pasouse de 880 cooperativas no ano 2000 a 924 no ano 2006, aínda que neste último ano foron máis as que pecharon (118) e menos as que se fundaron (99).

Mesmo na actividade agraria e pesqueira, sectores ideais para a economía social pola presenza de pequenas explotacións e o carácter autónomo dos traballadores, as cooperativas de traballo común son mínimas, e só hai unha certa dimensión naquelas que transforman a produción ou teñen unha finalidade comercial e de servizos (subministradoras de inputs ou de consumo).

O cooperativismo, que tería sido unha saída evidente a graves problemas do agro galego, permitindo agrupar leiras e evitando o desbaldimento de capital en maquinaria, chocou desde un principio coa falla de apoio desde as institucións e a sangría humana e de medios que causaba a emigración, que se presentaba desde o sistema como a saída máis segura fronte á situación de pobreza existente.

No agro o cooperativismo puido servir para conseguir explotacións agrarias rendíbeis que permitan unha produción competitiva e asegurar a comercialización no mercado, aínda naqueles máis afastados. Na década dos 60 e 70, na que se realiza unha gran transformación no agro galego aparecendo un sector agrario moderno, baseado na produción de leite e carne, o cooperativismo non conseguiu estenderse como o modo de produción predominante, ficando como un elemento complementario. Impediu a súa expansión, como xa se dixo, a falla de apoio das institucións, aínda que tamén a deformación que significaron as cooperativas provinciais de comercialización, xurdidas durante o franquismo.

Desde as cooperativas de comercialización agraria actuouse, en moitos casos, como unha empresa capitalista, controlada por un grupo de persoas, que utilizaba como enganche unha prédica de economía social e garantía de emprego. Os beneficios quedaron así en moi poucos petos. Algunhas destas cooperativas mesmo pularon por un desenvolvemento de certas actividades produtivas (leite, viño, carne de porco, aves...), aínda que con grandes custos para moitas familias labregas engaioladas polas promesas realizadas, que remataron en fracaso. Penso por exemplo nas granxas de porcos en Ourense na década dos 60.

Aínda hoxe moitas cooperativas téxtiles, máis cunha alternativa comunitaria de produción, onde se intenta levantar un modelo distinto ao capitalista, agachan formas de traballo con menor remuneración, xornadas máis extensas, inexistencia de contratación, etc., e serven de subcontrata a grandes empresas transformadoras ou comerciais con prestixio e dimensión dentro do mercado (por exemplo, Inditex). Estas empresas capitalistas, que así completan o ciclo, obteñen deste xeito a maior parte do valor engadido. Estamos, nestes casos, ante un complemento do sistema capitalista onde se precariza o traballo, báixanse os custos salariais e auméntanse os beneficios.

Estes tipos de cooperativismo deformado, tan arredado do modelo alternativo que propugnaron no seu día socialistas utópicos e galeguistas, é o que crea desacougo entre labregos, mariñeiros e traballadores da industria e os servizos. Por iso cando se fala dunha cooperativa, especialmente de produción, sempre se xeran mil dúbidas e unha actitude pesimista respecto do seu futuro, e óllase só como alternativa límite para conseguir un medio de vida momentáneo.

Como xa se dixo desde as diversas administracións non se potencia abondo o cooperativismo como saída alternativa, senón que se ve como un complemento e unha axuda ao desenvolvemento capitalista. Por iso, apóstase por este modelo en sectores con grandes problemas e altas taxas de desemprego, en áreas como comercialización e servizos. Hai unha predisposición ideolóxica a que os medios de produción sexan de propiedade individual. Son poucas as cooperativas de produción, e no caso concreto do sector industrial poténcianse as SAL (Sociedades Anónimas Laborais), que están máis preto dunha empresa capitalista que dunha de traballo comunitario. Esta visión subordinada do cooperativismo tamén se dá na esquerda, aínda que especialmente nas forzas conservadoras tal como o recoñecía, en xullo de 1996, un xornal como El Mundo, que baixo o título de “La cara bonita del capitalismo” apuntaba que había un auxe de constitución destas empresas de economía social e as denominadas de traballo asociado no Estado español.

Hai tamén experiencias positivas, onde a economía social se foi abrindo paso, por exemplo no sector leiteiro, cárnico, vinícola. E fóra do noso país hai algúns proxectos positivos de gran dimensión. Tres exemplos.

· Mondragón (Euscadi), Corporación Cooperativa. O contributo á economía vasca alcanza o 3,7% do PIB e o 3,8% do emprego. Sobre o seu futuro teoriza o seguinte: “a creación de emprego vai seguir sendo un obxectivo prioritario da Corporación. Isto exixirá intensificar a promoción empresarial en todos os estamentos da organización e enfocar a innovación como unha ferramenta esencial para desenvolver produtos de máis valor engadido e empregos de maior cualificación, preferentemente de carácter cooperativo. Así o entendeu o IX Congreso Cooperativo, celebrado en outubro de 2005, que apostou claramente pola innovación e a promoción empresarial como a mellor forma de garantir o futuro”.

Mondragón foi capaz de crear un importante tecido produtivo e milleiros de empregos, fundamentais dentro da economía de Euscadi, e constituír un modelo alternativo de produción, aínda que nos últimos anos cada vez máis as relacións laborais son as dunha empresa capitalista xa que unha gran parte da man de obra está conformada por non cooperativistas.

· Banco Credicoop (Arxentina). O Banco Credicoop Cooperativo Limitado é dende a súa orixe unha xenuína organización cooperativa. Foi creado en 1979 pola fusión de 44 Caixas de Crédito Cooperativo, algunhas con máis de 60 anos de traxectoria. Credicoop é unha institución sen fins de lucro que, con base no principio solidario de axuda mutua, ten por obxecto prestar servizos financeiros a todos os seus socios e socias. Credicoop está dirixido polos/as seus/súas propios/as socios/as, os/as cales elixen, baixo o principio de “un/unha socio/a, un voto”, o Consello de Administración. Ademais, cada socio/a pode participar na vida institucional do banco a través das Comisións de Asociados que funcionan en cada filial e que colabora co Consello de Administración. O Banco Credicoop conta hoxe en día con 232 filiais en todo o país, e é o banco cooperativo máis importante de América Latina. Credicoop está asociado na Arxentina ao Instituto Mobilizador de Fondos Cooperativos e a ABAPPRA (Asociación de Bancos Públicos e Privados da República Arxentina). Tamén é membro da ACI (Alianza Cooperativa Internacional) e da CIBP (Confederación Internacional de Bancos Populares).

· FUCVAM ( Uruguai). É a maior e máis activa organización social uruguaia de acción no eido da vivenda popular e o desenvolvemento urbano. Esta Federación está constituída por máis de 330 cooperativas de base con presenza en practicamente todas as cidades do país. FUCVAM foi fundada o 24 de maio de 1970. A instancia fundacional representou a culminación dun proceso orixinario na problemática común da cooperativas pioneiras, que foran obxecto de análise en sucesivos encontros e asembleas intercooperativas ata lograr estabelecer unha plataforma común. Desde o principio foron definidos tres das características fundamentais da Federación:

1. A identidade de clase como organización de traballadores. 2. A vocación de defensa gremial dos dereitos do movemento cooperativo e intercambio solidario. 3. A proxección nacional do proxecto federacionista.
Os obxectivos principais de FUCVAM son:

1. Defender os dereitos comúns das cooperativas de vivenda por axuda mutua. 2. Brindar a persoas e cooperativas as bases e instrumentos para a súa promoción social nun sentido integral. 3. Promover a creación de novas cooperativas, institucións gremiais e organismos do estado na busca de alternativas de solución o problema da vivenda. 4. Propiciar sistemas ou plans tendentes o abaratamento, mantemento e confort da vivenda e servizos complementarios.


Unha alternativa desde o sindicalismo

Sen dúbida o sindicalismo nacionalista actual é herdeiro en gran medida desas dúas correntes ás que faciamos referencia nas páxinas anteriores, por unha banda o marxismo e, pola outra, o galeguismo de esquerda. As teorías que estes mantiñan sobre o cooperativismo están presentes hoxe no conxunto do nacionalismo, mesmo ás veces contraditoriamente, de aí esa falta de definición sobre o seu papel na economía e na sociedade ou consideralo exclusivamente como unha liña máis de apoio institucional.

No sindicalismo galego actual a experiencia co cooperativismo foi máis forzada polo peche de empresas, e a falta de emprego substitutivo, que produto dunha reflexión sobre a súa conveniencia. Daquela, que se concentre especialmente no sector téxtil. A alternativa nestas situacións límite son o cooperativismo ou as SAL (Sociedades Anónimas Laborais). Non se trata dunha postura reflexiva e alternativa ante o capitalismo e a explotación individual.

Malia este déficit teórico e práctico, no Primeiro Congreso da CIG, avánzase unha postura sobre o tema:

“PROMOCIÓN DA ECONOMÍA SOCIAL: Que segue a ser unha materia pendente das distintas administracións. O cooperativismo non é só unha alternativa para o campo nin para o seu control electoral. Ten que se espallar e consolidar tamén na industria e nos servizos, para todo o cal se precisa o apoio programado dun goberno que aposte pola solidariedade e polo emprego. Os aspectos financeiros, de asesoramento técnico e de análise de mercado terán que estar necesariamente contemplados”.

A CIG vén apoiando nos últimos anos algúns proxectos cooperativos, especialmente no sector téxtil e na comarca de Vigo. Foron unha saída á falta de emprego alternativo, ante o peche de talleres no sector. A organización destas empresas atopou múltiples problemas: falta de apoio financeiro, atrancos burocráticas, carencia de cadros pra dirixir a cooperativa, descoñecemento do funcionamento dunha empresa deste tipo polos traballadores, control do mercado por grandes grupos económicos...”.

Porén, alén das declaracións programáticas e destas experiencias illadas, segue faltando -como xa se dixo- unha análise máis extensa sobre os comportamentos do cooperativismo. Tanto respecto dos problemas laborais dentro das empresas de economía social e cales serían os mecanismos pra solucionalos, como que tipo de contradicións e coincidencias hai cos sindicatos e os asalariados en xeral.

Se tomamos como referencia a actuación doutras organizacións políticas e sindicais temos en case que todas un apoio ao cooperativismo, mesmo desde ideoloxías ben distantes.

Concretamente o Partido Comunista Portugués (PCP) no seu documento “Uma nova Política: uma política de esquerda para Portugal” di no referente á política agrícola: “apoio ao cooperativismo e asociativismo agrícola, tendo en conta o aumento de rendimento dos agricultores...”. E nun texto específico sobre cooperativismo indica que 23 das 500 maiores empresas de Portugal son cooperativas. E láiase de que desde os sucesivos gobernos se producise un auténtico boicoteo ás cooperativas malia estaren consagradas pola Constitución, e fai mención ao auxe que tiveron despois da Revolución do 25 de Abril. En iguais termos maniféstase a CGTP-Intersindical Portuguesa.

A CUT do Brasil (Central Unitaria de Traballadores), afiliada á CIOLS, propón no seu Vº Congreso, no ano 1994, sobre a agricultura: “Incentivar e priorizar o cooperativismo e asociativismo”.

Pola súa parte a CLAT (Central Latinoamericana de Traballadores; integrante da CMT, ligada a sectores social-cristiáns) propón como modelo económico no que o “sistema de propiedade social non estatal, acade gradualmente un lugar sobranceiro no aparello produtivo”, que estaría formado por propiedade estatal ou pública e propiedade privada (“Neoliberalismo e movemento dos traballadores”, X Congreso da CLAT, Brasil 1993).

Non parece existir polo tanto hoxe razóns de tipo ideolóxico para apoiar ou oporse aos xeitos cooperativos de produción.


Teorizando sobre o tema

Desde o meu punto de vista, o cooperativismo, aínda coas limitacións e deformacións producidas polo marco capitalista hexemónico, e a súa incidencia no imaxinario colectivo e individual, é un medio de produción e servizos que mantén vantaxes (a maioría das veces) respecto da propiedade individual, sobre todo cando esta é mediana ou pequena. Non falo de situacións xenéricas senón da Galiza actual.

A cativeza das explotacións individuais agrarias, o carácter común da propiedade do monte ou das praias dedicadas ao marisqueo, só poden ser aproveitadas adecuadamente a través da asociación na produción e comercialización, da unión de recursos materiais e humanos. Aumentar o rendemento destas actividades permitirá aforrar custos e manter a competitividade, tan importante neste intre de globalización e neoliberalismo.

No sector da transformación, comercio e servizos, o empresariado privado galego é moitas veces incapaz de competir en medios e oferta coas grandes empresas estranxeiras. Produto da súa cativeza de capital, da falla de apoio institucional, da carencia de infraestruturas e da debilidade do propio mercado interno que impiden a tecnificación e unha maior investigación. Hai casos nos que desde a Xunta se poden crear empresas públicas que axuden a comercializar e investigar, aínda que noutros a asociación e o cooperativismo poden cubrir estes déficits ou resultar máis proveitoso.

Porén, para que o cooperativismo xogue un papel máis positivo neste contexto cómpre: un maior apoio informativo e financeiro desde as institucións, especialmente a Xunta de Galiza; leis que defendan as empresas de economía social da voracidade capitalista e da utilización fraudulenta das cooperativas polas empresas privadas; información e difusión do cooperativismo na sociedade, como alternativa ao capitalismo; preparación de dirixentes e técnicos para as empresas cooperativas e formación dos socios...

De todas as maneiras, de moi pouco vale todo isto, mesmo leis e decretos, se non hai unha postura clara en amplos sectores sociais, e grupos organizados do país, que orienten as cooperativas nesta dirección, ou sexa na de disputa ao capitalismo dun espazo na economía galega. Trátase de gañar un espazo colectivista ou ficar esmorecendo como colchón amortecedor das situacións sen saída.

O cooperativismo non impide, nin moito menos, a loita por un modelo socialista de sociedade, xa que mesmo pode dinamizar e dar folgos á oposición ao capitalismo e as multinacionais, e por conseguinte favorecer a construción dun novo bloque histórico. Con seguridade ten máis contradicións co capital, mesmo ideolóxicas, que as que amosa o pequeno e mediano empresario disposto sempre a imitar e converterse nun patrón máis forte, e que así mesmo está directamente enfrontado aos asalariados en temas relacionados coas condicións laborais. Non ten porque existir unha oposición do cooperativismo á existencia dun sector público forte, mesmo hexemónico, especialmente cando isto non implica (senón todo o contrario) a desaparición da economía social, ou unha competencia directa nos sectores nos que esta sexa preponderante. En definitiva estamos falando dunha distribución do papel dentro da economía de cada forma de propiedade, sempre na procura de facer unha economía competitiva e sustentábel, aínda que fundamentalmente cun criterio distributivo e respectuoso das condicións de traballo. Agora ben, a economía social non é imparcial, depende de quen a oriente, e por tanto de quen a fomente e dinamice.

Así mesmo, neste momento non se suscita unha pugna dentro da esquerda entre a prioridade na toma do poder e a transformación posterior da sociedade, ou a transformación da base social para cambiar a estrutura do poder. Os cambios propúgnanse desde todas as tendencias como máis lentos, cunha necesidade de maior acumulación de esforzos sociais e modificacións pola base, malia que tamén mediante a loita política e social polo control da superestrutura, da construción das ideas e do imaxinario colectivo, da hexemonía nas institucións, nos mecanismos de poder. Estamos bebendo das teorías de Marx, das contribucións de Lenin, e tamén de Proudhon e Bakunin, e moi especialmente de Gramsci e outros pensadores máis próximos no tempo e na realidade xeográfica.

O desenvolvemento económico pódese deixar só nas mans da administración ou do empresario individual? Nestes momentos, nos que se condena e sataniza desde a maioría dos medios de información e da intelectualidade calquera forma de propiedade pública e todo se privatiza, aceptar esta tendencia significaría deixar a economía en mans duns poucos. Neste marco as propostas de economía social poden ser un bo medio pra abrir alternativas a formas de produción máis solidarias e a ideas menos individualistas e cobizosas. Porén, así mesmo, non podemos esquecelo, o cooperativismo pode resolver problemas, evitar que a sociedade siga esperando o empresario salvador ou un cambio a fondo que se presenta como afastado, e que necesita da construción cotiá e da participación social.

Non se trata de que o cooperativismo sexa no futuro a forma económica fundamental e maioritaria de produción na sociedade galega; isto sería difícil de imaxinar no contexto actual -máxime considerando a debilidade da economía social en Galiza-, senón de que esta cubra espazos máis amplos, especialmente substituíndo o pequeno e mediano empresario, incapaz de competir hoxe. Desde o punto de vista da CIG o papel de locomotora do desenvolvemento económico de Galiza ten que xogalo o sector público, que conta con medios económicos e empresas modernas no país, agora limitadas na súa produción, como o sector naval, por decisións da Unión Europea, que neste caso non aplica a política de libremercado. Ademais a Xunta pode, e debe, empregar todos os medios económicos cos que conte para deixarmos de ser un país esencialmente exportador de materias primas, enerxía, aforros e man de obra, para terminar internamente o ciclo produtivo e substituír custosas importacións. Para conseguilo a administración galega debe investir en actividades produtivas, aínda a custo de se enfrontar aos intereses do Goberno Central e da UE, que desexan preservar as súas vantaxes de partida no sector privado, xa que controlan as grandes empresas multinacionais.

Agora ben, penso que este esforzo de divulgación e de apoio á economía social corresponde esencialmente aos partidos políticos e organizacións de pequenos produtores ou autónomos. Os sindicatos de obreiros e empregados, que teñen como finalidade específica a defensa do posto de traballo e acadar melloras nas condición de vida dos asalariados, poden, iso si, exixir un tratamento máis xusto por parte da administración e informar os traballadores/as desempregados/as para que saiban como poden constituír unha cooperativa. Non por apostar desde fóra pola economía social deixamos de comprender o importante papel que na nosa sociedade pode xogar o cooperativismo, tanto na creación de riqueza como na xeración de emprego, e sobre todo na xeración dunha consciencia máis solidaria, o que en definitiva redunda en mellores condicións de vida para os/as asalariados/as e unha sociedade máis xusta.


(Primeira redacción xaneiro de 1997, corrección e ampliación en xuño de 2007).

 
 
  Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e
Comunicación da CIG.
(Máis artigos...)
  Manuel Mera
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 02/10/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta