|
Actualidade
Santiago, 16 de outubro de 2007
Considera “abertamente insuficiente” o número
de salas en que se vai poder visionar
A Mocidade pola Normalización Lingüística anima a acudir aos pases en galego de Nocturna, novo
traballo de Filmax
| |
 |
| Como sempre que se estrea un filme nas nosas
salas con posibilidade de ser visionado no noso idioma, a Mocidade pola Normalización Lingüística,
sección xuvenil da Mesa, anima a todos os públicos, maiores e pequenos, a acudiren a calquera dos
cinemas onde Nocturna se exhibe en lingua galega. |
| |
Xa se pode ver nas salas de cinema de Galiza
o filme Nocturna, nova produción de animación da factoría Filmax especialmente dirixida á
xente máis nova. A fita poderá visionarse tamén en lingua galega nun total de catro salas
do país (Filmax de A Coruña, Filmax Fontiñas e Multicinemas Compostela na capital galega e
Multicinemas Norte en Vigo).
Como sempre que se estrea un filme nas nosas salas
con posibilidade de ser visionado no noso idioma, a Mocidade pola Normalización Lingüística,
sección xuvenil da Mesa, anima a todos os públicos, maiores e pequenos, a acudiren a calquera dos
cinemas onde Nocturna se exhibe en lingua galega. Para a Mocidade da Mesa trátase dun acto de compromiso
e reivindicación do idioma propio, nun ámbito esencial para a normalización da lingua como
o cinema e, en xeral, os espazos de lecer máis frecuentados pola poboación no seu conxunto; mais
trátase tamén dun xeito de desfrutar do cinema e de exercermos o dereito básico que nos asiste
a o podermos facer no noso propio idioma.
Porén, malia considerar sempre “como unha boa noticia” calquera estrea de cinema en galego, a Mocidade pola
Normalización Lingüística chama a atención sobre o escaso número de salas onde
se exhibirá en galego o novo traballo de Filmax. Así, mentres que Nocturna só poderá
verse no noso idioma en tres cidades galegas, poderá visionarse en castelán en calquera das sete
cidades e en máis do duplo de salas. “O galego segue así tratado como idioma de excepción
e como cousa anecdótica na súa propia terra”, sinalan desde as Mocidades da Mesa, “ben lonxe dunha
suposta ou teórica igualdade ou equilibrio co castelán”.
|