|
Actualidade CIG-Comunicación-
O despedimento dunha candidata da CIG nas eleccións sindicais xa fora anulado polo Xulgado do Social nº 1, que recoñeceu que obedecía a un móbil antisindical, o que obrigou á empresa a readmitila e a pagar unha indemnización de 3.900 euros. Agora, o Xulgado do Social nº 3 de Ourense vén de ditar outra sentenza sobre o despedimento de outra traballadora do Hotel Auriense (Casa de Lincora SA) que declara nulo o despido e condena á empresa á readmisión da traballadora en iguais condiciós e a unha indemnización de 4.000 euros. Esta traballadora presentárase como testemuña no xuízo da candidata despedida. A sentenza recoñece que “se debe estimar a demanda de despido nulo, ao acreditarse vulneración de garantía de indemnidade e actitude represiva por parte da empresa, desde que a demandante acudiu a testificar a favor da traballadora que fora despedida, vulnerando o dereito de liberdade sindical e, sobre todo, tras reclamar os días de descanso e que se lle explicaran as razóns polas que deixara de ser encargada”. Noutro dos fundamentos de dereito a sentenza declara que “procede a declaración de nulidade e, polo tanto, a inmediata readmisión e abonando dos salarios deixados de percibir desde xuño. A indemnización solicitada, procede a vista da conduta tan desproporcionado e pouco razoábel da empresa, vulnerando os dereitos fundamentais da traballadora e os anos de antigüidade na empresa”. Esta sentenza favorábel a outra traballadora “deixa de novo en evidencia á empresa”, explica Etelvino Blanco, secretario comarcal da CIG de Ourense, quen subliña que “pon ao descuberto a súa práctica antisindical, polo que consideramos que desde a Inspección e Delegación de Traballo deben adoptarse medidas sancionadoras no grao máximo que obriguen ao Hotel Auriense a respectar a liberdade sindical e os dereitos dos traballadores e traballadoras”. A CIG considera que esta sentenza debe servir para lembrar a algúns empresarios que a vulneración dun dereito fundamental como é a liberdade sindical “é castigado polo poder xudicial e polas institucións públicas”. |
|||||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 12/10/2007 |
|||||||||
|