|
Actualidade
Santiago, 12 de outubro de 2007
Colgaron unha nota informativa na entrada
do Centro Sociocultural de Sergude
O ADIF anula os actos de sinatura das actas de expropiación de terreos para construír o trazado do
TAV
| |
 |
| Os traballadores anunciaron que volverán
a concentrarse en Sergude o martes, mércores e xoves da próxima semana, para evitar que se poida
efectivizar, caso de intentalo, a entrega e sinatura de actas de expropiación de terreos da mina. Tamén
manteñen a convocatoria de folga anunciada para o próximo día 25 de outubro. (Foto:
“Por cen anos máis”, lema de pancarta da concentración en Compostela do 21 de abril en demanda dun
cambio de trazado do Tren de Alta Velocidade ao seu paso polos concellos de Vedra e Boqueixón. ©galizacig.com). |
| |
Tras dos numerosos e infrutuosos intentos por
entregar e asinar as actas de expropiación de terreos da mina de Serrabal afectados pola construción
do trazado do Tren de Alta Velocidade, os representantes do ADIF desistiron. Nas xornadas do días 10 e 11
de outubro colgaron unha nota á porta do centro Sociocultural de Sergude, onde estaba prevista a entrega,
anunciando que esta quedaba suspendida.
Malia este anuncio, os traballadores de Ramsa,
empresa que ten a concensión de explotación da mina de Serrabal, e os traballadores de Ferroatlántica
en Cee e Sabón, permaneceron concentrados diante do centro nestas dúas xornadas que transcorreron
con absoluta normalidade.
Alén diso xa anunciaron que volverán
a concentrarse en Sergude o martes, mércores e xoves da próxima semana, para evitar que se poida
efectivizar, caso de intentalo, a entrega e sinatura de actas de expropiación de terreos da mina. Os traballadores
tamén manteñen a convocatoria
de folga anunciada para o próximo día 25 de outubro.
Unha folga coa que queren denunciar novamente
as graves consecuencias que terá para os postos de traballo a construción do trazado do Tren de Alta
Velocidade por riba do principal filón de silicio solar e, sobre todo, as repercusións que terá
a expropiación, a maiores, dos 45.000 metros cadrados anunciados no BOE hai non máis dun mes.
Anxo Noceda, secretario comarcal da CIG, manifesta
a súa sorpresa pola posición que mantén o Parlamento galego ante esta situación. Os
grupos parlamentarios aprobaran, por unanimidade, o pasado mes de xuño, unha proposición non de lei
na que se instaba á Xunta de Galiza a promover unha xuntanza coas partes afectadas para recoller todos os
datos necesarios para saber cal é a afectación real do trazado sobre a mina e sobre o emprego. Pedíase
tamén que as conclusións desta xuntanza fosen trasladas ao Parlamento galego para coñecer
as garantías sobre os postos de traballo e a afectación ao desenvolvemento dunha industria con importantes
pespectivas de futuro como é a industria solar.
Porén, malia non coñecerse as conclusións
ás que chegou o Parlamento e aparecer o dato de 45.000 metros cadrados máis de terreo da mina afectado,
“mantense o silencio e permítese que veñan os representantes do ADIF a expropiar”, afirma Noceda.
Quen engade que “non entendemos que se poida aprobar unha resolución unánime e que non se diga nada
malia non terse aínda concluído co comprometido nela. Tampouco entendemos que Touriño e María
Xosé Caride non se ateñan a ela”.
|