|
Actualidade
A Coruña, 9 de outubro de 2007
Os traballadores recrimínanlle a estes
dous sindicatos que non reclamen a aplicación do Plan Miner II para as auxiliares da conca
Os mineiros de Meirama recórdanlle a CCOO e UGT que a folga foi acordada en asemblea
| |
 |
| Os mineiros das auxiliares de Meirama reafirman
a súa vontade de negociación, “mais levamos máis de dous anos de conflito agardando a que
Limeisa e o Ministerio de Industria atendan as nosas reclamacións”, conclúe Alejandro Barreiro. (Foto: “Auxiliares de Limeisa solución xa”, corte
de vía na estación de Meirama no pasado abril. ©galizacig.com). |
| |
Alejandro Barreiro, presidente do Comité
de Masa Galicia en Meirama, recórdalle a CCOO e UGT que a convocatoria de folga na mina foi determinada
polos propios traballadores en asemblea. Recrimínalles, tamén, que se contenten só coas alternativas
propostas por Masa Galicia mentres renuncian a reclamar a aplicación do Plan Miner II para os traballadores
das auxiliares de Meirama.
“O incumprimento que fan UGT e CCOO da decisión
da asemblea é indecente e inmoral”, indica Barreiro. “No seu momento dicían que ían apoiar
toda decisión dos traballadores e, acto seguido, faltan ao seu compromiso”, asevera.
O portavoz dos traballadores das auxiliares afirma
que UGT e CCOO se conforman coas alternativas que propón Masa Galicia para a mina que, “ademais de seren
unha pequenez, son as mesmas que presentou hai un ano”. “Están a xogar ao despiste (en alusión a
UGT e CCOO) pois reivindican alternativas insatisfactorias como a de Masa para eludir o problema principal, que
é a nosa exclusión do Plan Miner”. “UGT e CCOO seguen a ignorar que en Meirama estamos discriminados,
xa que somos a única mina de todo o Estado na que non se vai aplicar o Plan Miner II”.
Barreiro repróchalle novamente aos dous
sindicatos españois que se estean a mobilizar en León e Asturias polo cumprimento do Plan Miner II,
“cando aquí a situación é moito máis grave, pois non hai contempladas nin recolocacións
nin prexubilacións e faltan pouco máis de dous meses para que peche a mina”.
Por último, os mineiros das auxiliares
de Meirama reafirman a súa vontade de negociación, “mais levamos máis de dous anos de conflito
agardando a que Limeisa e o Ministerio de Industria atendan as nosas reclamacións”, conclúe Alejandro
Barreiro.
|