|
Actualidade CIG-Comunicación-
A unidade é total no cadro de persoal, que non desiste na consecución da readmisión dos dous operarios despedidos, “condición sen a cal os traballadores non pensan entrar a negociar o resto de reivindicacións”, afirma Alfonso Losada, secretario comarcal de Lugo da CIG-Construción e Madeira. “Ou estamos todos na mesa ou non avanzaremos”, engade. O sindicalista fai un chamamento á sociedade e ás autoridades para que o conflito non se prolongue no tempo, “pois podería supor que non se atendese debidamente o servizo que estes traballadores prestan”. “Que ocorrería se o pasado 17 de outubro, por desgraza, houbese un accidente na A-6?” -pregúntase Losada- “Pois sinxelamente que non podería acudir ninguén a sinalizalo ou limpar a calzada, xa que os tres traballadores que facían os servizos mínimos (un vixiante e un retén de dúas persoas) estaban en Baamonde sinalizando o emborcamento na calzada dunha viga de grandes dimensións”, conclúe. Alfonso Losada responsabiliza a patronal da situación e acúsaa de levar o conflito a unha calexa sen saída, “pois se pecha en banda e non acepta a readmisión dos dous traballadores despedidos polo único delito de reclamar, polas vías debidas, melloras nas condicións laborais para o cadro de persoal”. “Froito da responsabilidade e profesionalidade dos traballadores, que saben mellor que ninguén a importancia do servizo que prestan, chegamos a un acordo coa empresa para prorrogar os servizos mínimos unha semana máis”, informa o secretario comarcal lugués da CIG-Construción e Madeira. |
|||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 19/10/2007 |
|||||||
|