|
Actualidade
Santiago, 3 de outubro de 2007
Denuncian que o ADIF pretende expropiar máis
terreo do previsto inicialmente
Os traballadores impiden a entrega das actas de expropiación de terreos da mina de Serrabal
| |
 |
| Con esta concentración, que se prolongou
durante toda a xornada, os traballadores de Serrabal e Ferroatlántica conseguiron o seu obxectivo: impedir
a entrega e sinatura das actas de expropiación dos terreos da mina afectados polo paso do trazado do TAV
aos representantes da empresa. (Fotos:
©galizacig.com 02/10/2007). |
 |
 |
 |
 |
 |
 |
 |
 |
 |
 |
 |
Os traballadores de Serrabal e Ferroatlántica
de Cee, Sabón e Dumbría impediron que os representantes do ADIF fixeran entrega das actas de expropiación
dos terreos afectados polas obras do TAV, aos representantes de RAMSA, empresa que explota a mina.
Nunca tanto movemento houbo no Concello de Vedra
como o martes 2 de outubro. Contra as oito da mañá traballadores de Cee, Sabón e Dumbría
apeábanse dos autobuses para impedir o acceso dos representantes do ADIF e da empresa de Villar Mir á
Casa do Concello. Por eles agardaban os traballadores da mina de Serrabal que acababan de baixar dunha caravana
de camións, de aproximadamente medio quilómetro, meticulosamente aparcados bloqueando a entrada principal
e ao longo da estrada.
Con esta concentración, que se prolongou
durante toda a xornada, os traballadores conseguiron o seu obxectivo: impedir a entrega e sinatura das actas de
expropiación dos terreos da mina afectados polo paso do trazado do Tren de Alta Velocidade aos representantes
da empresa. Un acto –ou mellor dito, dous, porque as citas estaban previstas para as 9:00 horas e para as 16:00
horas e en ningunha das ocasións puideron efectivizarse- que tería feito oficial a perda definitiva
dos terreos para a explotación do preciado silicio solar.
45.000 metros máis de zona afectada
polo trazado
Se para os traballadores eran xa graves as repercusións
que terían para a explotación mineira as obras do TAV, máis graves aínda o son agora.
Hai poucos días descubrían, con estupor, que ademais da zona afectada da que xa tiñan información
e pola que se estiveran a mobilizar durante estes anos, de súpeto 45.000 metros máis dos que ninguén
sabía nada tamén quedarían inutilizados.
O anuncio facíao o propio Boletín
Oficial do Estado e tras da súa publicación a propia empresa presentaba unha denuncia diante do Ministerio
de Fomento pola irregularidade cometida. Previo anuncio de expropiación definitiva os terreos afectados
teñen, obrigatoriamente, que pasar polo trámite de exposición pública e dar a posibilidade
de presentar posíbeis alegacións, pero neste caso semella que a alguén se lle esqueceu facer
pública esa información.
Florentino Castro, membro do Comité de
Empresa de Serrabal, afirma que “coa expropiación destes terreos queda directamente afectado o filón
no que estamos a traballar xusto neste intre. Ao ser o filón que se está a explotar agora as repercusións
serían inmediatas sobre o traballo que se desenvolve na mina, sobre a futura viabilidade da mina, sobre
os plans de traballo en Cee, Sabón e Dumbría e sobre a explotación de silicio solar”.
A propia renovación da concesión
da explotación mineira, concedida pola Consellaría de Industria á empresa, quedaría
en entredito xa que o plan de viabilidade presentado ante a Administración non contemplaba a perda destes
terreos que, por outra banda, non se sabe moi ben nin cales son. “Polo que publicaron sabemos cales son as fincas
afectadas, pero non sabemos que parte desas fincas será, en concreto, a expropiada”.
Con este novo ingrediente, sumado ao conxunto
de confusas informacións que se foron coñecendo a respecto deste tema, os traballadores o único
que teñen claro a estas alturas é que non permitirán que se poñan en perigo nin os
actuais postos de traballo, nin os que se puideran crear no futuro.
Por iso, nesta xornada (mércores 3 de outubro),
seguirán tratando de impedir a entrega de actas de expropiación, tanto en Vedra como, a primeira
hora da tarde, no centro sociocultural de Sergude, en Boqueixón, onde volverán desfilar os camións
para pechar outravolta o paso aos representantes do ADIF.
|