|
Actualidade CIG-Comunicación-
Este luns 1 de outubro centos de persoas agardaban á chegada dos técnicos de urbanismo do Concello, que tentarían executar a orde do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, pola que no bairro de Sampaio de Vigo, unha familia, por unhas supostas reformas ilegais na súa casa, recebe a orde de desaloxar a súa vivenda para ser derrubada. Na cidade de Vigo, onde hai máis de 2.000 edificios declarados ilegais, e no que a especulación é un dos principais problemas aos que se enfronta esta urbe, a “xustiza” decide que a principal prioridade é botar abaixo unha vivenda familiar dun traballador do Naval e unha caixeira de supermercado, por os nomeados cambios nesta casa.
As asociacións de veciños e veciñas da cidade de Vigo convocaron unha manifestación o pasado venres 28 de setembro para denunciar esta “inxustiza social”, apoiada tamén pola CIG, e contra o derrubo desta vivenda. A mobilización que saíu do bairro do Calvario ás 20:30 reuniu a máis de 1.000 persoas, que durante o traxecto reclamaron unha outra xustiza que “non fixera diferenzas de clase, entre os ricos e poderosos e os traballadores e humildes”. Esta mobilización rematou no Marco, na rúa do Príncipe, onde se agradeceu o apoio de todas as persoas alí presentes “porque sen vós, a nosa casa xa estaría derrubada”, así como se fixo un chamamento á solidariedade activa o luns 1 de outubro, que era a data na que o Concello executaría a orde de derrubo emitida polo Tribunal.
Este luns 1 de outubro centos de veciños e veciñas da zona, así como numerosos traballadores do Naval da ría de Vigo e persoas da CIG acudiron até a casa de Manolo e Charo para amosar o seu rexeitamento ao derrubo. Pasadas as once da mañá varios técnicos de Urbanismo do Concello e de Xerencia de Urbanismo, así como a concelleira de Urbanismo, acompañados da Policía local, acudiron até o lugar no que unha grande concentración os agardaba. Os representantes do Concello non puideron achegarse á casa ante a resposta popular e os berros de indignación que lles fixeron recuar na súa tentativa de levar adiante a orde xudicial. A Policia local viuse na obriga de levantar a acta que sinala “a imposibilidade de executar a sentenza”. |
||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 02/10/2007 |
||||||||||||||||
|