|
Actualidade
A Coruña, 3 de outubro de 2007
Os dous sindicatos españois aseguraran
que ían respectar todo o que determinasen os mineiros das auxiliares do carbón
UGT e CCOO descólganse da decisión da asemblea de convocar a folga en Meirama
| |
 |
 |
| Os operarios das auxiliares de Meirama decidiron
convocar folga indefinida a partir do 15 de outubro na asemblea de persoal celebrada o pasado 29 de setembro, á
que acudiron ademais da CIG, representantes de UGT e CCOO. (Fotos:
©galizacig.com). |
 |
| “Esta nova espantada de UGT e CCOO súmase
a outras que fixeron desde o comezo do conflito en febreiro de 2006”, denuncia Paulo Carril, representante da CIG
na Mesa da Industria Auxiliar do Carbón da Xunta.
(Na foto: Alejandro Barreiro, esquerda, e Paulo Carril, centro). |
| |
UGT e CCOO incumpriron a decisión adoitada
en asemblea polos mineiros das auxiliares de Meirama de ir á folga a partir do 15 de outubro. Os dous sindicatos
españois faltaron novamente ao seu compromiso de respectar todo o que determinasen os traballadores da mina.
Os operarios das auxiliares de Meirama decidiron
convocar folga indefinida a partir do 15 de outubro na asemblea de persoal celebrada o pasado 29 de setembro, á
que acudiron ademais da CIG, representantes de UGT e CCOO. Esta determinación dos mineiros é consecuencia
da inexistencia dun plan de recolocacións e prexubilacións de acordo co contemplado no Plan Miner
II, que a día de hoxe non está previsto aplicar para o persoal das auxiliares de Meirama.
“Esta nova espantada de UGT e CCOO súmase
a outras que fixeron desde o comezo do conflito en febreiro de 2006”, denuncia Paulo Carril, representante da CIG
na Mesa da Industria Auxiliar do Carbón da Xunta. UGT e CCOO incumpriron e boicotearon sistematicamente
as diferentes xornadas de folga realizadas durante todo este tempo.
“A súa actitude (en referencia a UGT e
CCOO) vese agravada porque foron eles, xunto coa patronal e o Ministerio de Industria, quen asinaron en marzo de
2006 o Plan Miner II, que discrimina os mineiros das auxiliares do carbón de Meirama ao non contemplar para
eles recolocacións nin prexubilacións ante peche da mina o 31 de decembro deste ano”, indica Carril.
Malia este golpe de efecto de UGT e CCOO, a CIG
xa formalizou a convocatoria de folga en nome da asemblea de mineiros das auxiliares de Meirama.
“A actuación de UGT e CCOO en Meirama contrasta
coa acción sindical que están facendo estas dúas centrais en León e Asturias, onde
se están a mobilizar en protesta polo incumprimento do Plan Miner II por parte das empresas e do Ministerio
de Industria”, salienta Alejandro Barreiro, presidente do Comité de Masa Galicia en Meirama, principal auxiliar
desta conca. “Aquí o problema é moito máis grave porque nos exclúen do Plan Miner II,
mais semella que isto non lles importa nin a UGT nin a CCOO”.
|