Actualidade / ArtigoVolver


A Coruña, 9 de outubro de 2007

Ernesto Che Guevara in memoriam
 

Xurxo Martínez Crespo-

xurxomartinez@cantv.net


  Sofía e o Che; clic para aumentar
Sofía na Universidade Central de Venezuela. Caracas. (Foto: Xurxo Martínez Crespo).
 
Escribir sobre o Che... canto non se ten escrito xa sobre o comandante Guevara de la Serna. Pasou de conciencia dun continente a camiseta, cartaz de adorno, lema e marca de vodka.

A súa foto seria, coa mirada penetrante, é a imaxe máis reproducida do mundo. O Che non era alemán nin xaponés nin español nin inglés. Non por casualidade era latinoamericano, condición xeográfica, histórica e mental que fixeron deste heroico home moito máis ca un guerrillerio ou un líder político revolucionario, tornándose nunha conciencia omnipresente nas masas populares latinoamericanas, aquelas que sen talla, con sede e con agradecemento fixeron do Che o seu comandante e letra das súas cancións e poemas.

É precisamente nesas masas nas que Ernesto non é un reclamo publicitario nin unha camiseta sen máis ou un rostro nunha xícara de tomar café. Teño convivido anos da miña infancia e mocidade en mugrosos autobuses dos arrabaldos limeños. Lembro o rostro do Che acompañando o espello retrovisor do condutor. Os garda lamas levaban o seu rostro. As fibelas de bronce dos cintos dos cholos tiñan a súa cara e a súa boina. Esperando este pobo coa pegada da desnutrición física e moral de 500 anos agarda un mesías metralleta en man que comparta a fame e a asma con eles.

Desmitificar a Ernesto con biografías e análises que o levan a ser un home coma os outros homes. Fillo dunha familia burguesa extravagante e aloucada a súa procura rematou coa súa morte.

Queren deturpar o espírito de desexo de xustiza cunha arroutada de aventuras, pero non pode existir aventura posíbel cando se dá todo por nada. A teórica e suposta inconsistencia doutrinal ou ideolóxica de Ernesto. O seu pasado apolítico. A súa profesión nunca exercida. As súas mulleres e os seus fillos. A súa aventura no Congo. A súa sinatura nos billetes e a presidencia no Banco Central de Cuba fican en pequenas anécdotas dunha vida moito máis rica.

Os seus herdeiros nos suxos e desartellados autobuses de Lima, Quito, La Paz, Buenos Aires ou Caracas saben que o Che non está na pluma dos seus biógrafos, nas anécdotas secretas dos libros, nas revistas, nos europeos como Regis Debray que si pensaba que o Che era unha camiseta.

Chegará o día das análises “profundas” dos entendidos. Cando, se cadra, fagan doutra volta un lupanar cheo de meretrices Cuba. Lugar no que os nenos poderán compartir a rúa de Cuba para durmir cos soños dos nenos peruanos, arxentinos, colombianos, brasileiros... Dirán que esa é a derrota definitiva do Che, que morreu para, despois de tanto esforzo, compartir ese soño nas rúas cos millóns de indixentes que quería redimir. Ademais de presumido, intelixente, hábil, idealista, engadirán o de ditador, asasino, torturador...

Pero as imaxes do Che dos buses mugrosos e esmendrellados dos bairros do cinto de miseria de Lima observan os pasaxeiros e eles a el. Moitos veñen de durmir nas rúas, de pasar fame, de traballar por nada, de ser desprezados pola cor e pola raza. Ernesto acompáñaos na súa viaxe, ao final, sempre está el, e eles con el.

Condenados a ser felices á forza é a sentenza ditatorial que co dedo acusador e, mentres rin, engaden a Ernesto Guevara un atallo de cínicos. Esa forza de querer que todos sexan felices é a que acompaña a imaxe dos pobres homes e mulleres deste continente que non sabe máis que dar exemplos de dignidade revolucionaria sempre... até a vitoria.

 
 
  Xurxo Martínez Crespo.
(Máis artigos...)
  Xurxo Martínez Crespo
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 09/10/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta