Actualidade / EntrevistaVolver a Actualidade


Vigo, 16 de outubro de 2007

Entrevista con Xosé Xoán Melón
Apoiado por ampla maioría o Preacordo que pon fin á folga da Construción

 

Zélia García-

zelia@galizacig.net


  Asemblea de ratificación do Preacordo do Convenio da Construción; clic para aumentar
O Preacordo foi ratificado por ampla maioría nas asembleas de traballadores que se desenvolveron desde as 20:00 horas nos locais da CIG (Vigo, O Porriño, A Guarda, Cangas, Pontevedra, Vilagarcía e A Estrada). (Foto: ©galizacig.com 15/10/2007).
 
Este luns 15 de outubro tiñan lugar asembleas ás oito da tarde nos locais comarcais da CIG para debater e dar a coñecer o Preacordo para un novo Convenio provincial da Construción en Pontevedra, asinado na madrugada do 11 de outubro, para desconvocar a folga que afecta aos 45.000 traballadores do sector desde o pasado 2 de outubro, ao conseguir un “Convenio histórico” para este sector, conquerindo moitas das súas demandas.

O Preacordo foi ratificado por ampla maioría (e mesmo por asentimento nalgunhas) nas asembleas de traballadores que se desenvolveron desde as 20:00 horas nos locais da CIG (Vigo, O Porriño, A Guarda, Cangas, Pontevedra, Vilagarcía e A Estrada).

Con estas asembleas os traballadores apoiaron o resultado das negociacións, que tiveron como froito unha suba salarial lineal do 5 por cento para todas as categorías, á que hai que sumar un complemento de 4 euros no caso dos axudantes, 8 euros para os oficiais de segunda, e 12 euros para os oficiais de primeira. Ademais, estableceuse unha cláusula de revisión salarial, que é independente dos complementos, no caso de que o IPC supere o 2,7 por cento en 2007, o tope é do 2,6 por cento en 2008, e do 2,5 por cento no último ano de vixencia do Convenio.

  Preacordo Convenio provincial Construción Pontevedra; clic para aumentar
Preacordo Convenio provincial Construción Pontevedra; clic para aumentar
Preacordo Convenio provincial Construción Pontevedra; clic para aumentar
Texto do Preacordo para o Convenio provincial da Construción de Pontevedra.
 
Un peón deste sector cobra actualmente na provincia de Pontevedra 13.365 euros brutos e, con ese acordo pasará a cobrar 13.900 en 2007, 14.644 euros en 2008, e 15.330 euros en 2009.

Outras das melloras conquistadas teñe que ver coas dietas, os ascensos, permisos e licenzas ou a xubilación. Con respecto á porcentaxe de traballadores fixos nos persoais, deberá ser de 25 por cento en 2008 e do 35 por cento en 2009.

Por outra banda, fixouse un complemento de incapacidade temporal de ata o cento por cento da base de cotización en caso de enfermidade común desde o primeiro día e até os 90 días, e tamén en caso de hospitalización ou intervención cirúrxica.

A continuación reproducimos unha entrevista realizada á voz principal neste conflito, o secretario nacional da Federación da Construción da CIG, Xosé Xoán Melón.



“Conseguimos acadar melloras que até o de agora non se conseguiran con ningún convenio da Construción”


Zélia García: Que se conseguiu con esta folga e este preacordo?

Xosé Xoán Melón: En materia salarial, é evidente que desde o 5% que vai conseguir a categoría máis baixa, até un 6,30% que vai recibir un oficial de primeira son cantidades moi superiores ao que se viña asinando en convenios anteriores. Os mellores convenios foran do 3,25%. En aspectos sociais conseguiuse toda unha cadea de melloras que eran todas moi sentidas polos traballadores, como a cuestión do ascenso automático, que o traballador non este condicionado por un empresario para que lle de ese ascenso. No convenio establecese que aos 3 anos de antigüidade ascendes á categoría inmediatamente superior.

As licenzas aparecen até en seis apartados novos, que son moitos para o que é a dinámica de negociación colectiva.

Ten a súa relevancia a cuestión da xubilación parcial, que é un tema moi sentido pola maioría do sector. Este é un sector onde a xente chega, polas peculiaridades do sector, moi deteriorada aos 60 anos, e coa redacción actual do convenio estabas condicionado a que o empresario tivera a ben concedercho ou non concedercho. Agora xa non depende do empresario, e se este se nega vai á comisión paritaria do convenio, e hai un acordo de que a comisión paritaria lle dé para diante a todas as solicitudes dos traballadores.

Tamén está o tema das dietas, que por primeira vez hai dietas que son axeitadas, e este era un tema sempre de moitísimo debate, e por primeira vez, tanto nas medias dietas como nas dietas, pódese andar por aí fora e comer dignamente.

Outra conquista é o complemento da incapacidade temporal no caso do accidente laboral cando hai hospitalización desde o primeiro día e até 90 días, que até agora o que había era un debate sobre a interpretación do texto que aparecía no anterior convenio, e con isto aclárase a situación.

  Xosé Xoán Melón; clic para aumentar
Xosé Xoán Melón: “Isto foi un primeiro paso, e dicir, despois de moitos anos que o tren da negociacion colectiva ia nun sentido, colleu o sentido contrario e o que fixemos foi pararnos na primeira estacion, na primeira estación houbo un bo acordo, pero se a xente nos segue a dar o apoio, en dous anos botaremos andar o tren para seguir até a segunda estación”. (Foto: ©galizacig.com 15/10/2007).
 
Hai unha redución de seis horas de xornada para a vixencia do convenio. Neste convenio só aparece unha declaración de intencións do que é a xornada continuada, porque di que as partes poderán consensuar pactar unha xornada intensiva no verán. O debate está creado, e imos aproveitar os dous próximos anos para demostrar que estamos cheos de razón, no sentido de que alí onde temos delegados nós imos pedir a xornada continuada, e aí imos ver se hai vontade ou non a hai. Esta vai ser unha das batallas centrais do próximo convenio.

Conseguimos o complemento de posto, que era unha reivindicación central do noso anteproxecto, e a consecuencia directa disto é que até o de agora había unha diferenza entre un oficial de primeira e un peón de só 42 euros, e con este convenio conseguimos duplicar esta cantidade. Conseguimos con este convenio acadar melloras que até o de agora non se conseguiran con ningún convenio da Construción.

A estabilidade no emprego fíxase nun 35%, e isto é importante porque até o de agora non se fixaba ningunha, e polo menos agora marcas un mínimo. No próximo convenio mirarase de ir incrementando gradualmente esta porcentaxe.

Zélia García: Cal foi a actitude da patronal neste conflito?

Xosé Xoán Melón: A patronal pensaba, cando fomos nós sos en maio á folga, que isto era unha arroutada da CIG e non tomou en serio o tema, pero a resposta da xente foi definitiva para que eles se tiveran que adaptar ao novo escenario. Ver que a CIG en solitario, despois de 18 anos, conseguía mobilizar a tanta xente de maneira satisfactoria, foi o primeiro aviso importante.

Cando rompen as negociacións en setembro de maneira definitiva sitúanse á expectativa. Pero se nós xa tiñamos claro que ía haber resposta, co apoio formal (máis que efectivo) dos outros sindicatos, tíñamos seguro que ía ser un éxito seguro a folga, e de feito así se foi consolidando día a día.

Na mesa negociadora, posterior á mediación da Consellaría, tamén a CIG demostrou estar á altura das circunstancias, e cando nos querían meter un acordo moi por debaixo das nosas pretensións, nós levantámonos da mesa, e deixamos ben claro que se querían asinar un acordo tiñan que asinalo coa maioría, que somos nós, e que por aí non íamos pasar. Marchamos e volvemos o pasado xoves, onde a patronal tiña dous camiños: que insistira na súa irresponsabilidade e intransixencia, ou aparecer cunha proposta diferente e que se achegara a nós. Esta última posibilidade foi a que aconteceu, e a patronal trouxo unha proposta económica moi cercana ao que sabían que era a cantidade pola que menos non íamos pasar, e iso facilitou o preacordo.

É certo que fixeron declaracións nos medios moi agresivas cara a CIG, a modo de xustificación da realidade, e que deixaban entrever unha fixación coa CIG, que mesmo rozaba a obsesión enfermiza, e estaba claro que isto non era cousa da CIG, senón que recollía un sentir moi maioritario dos traballadores.

Zélia García: Que papel xogaron os sindicatos CCOO e UGT na folga?

Xosé Xoán Melón: A estes dous sindicatos non lles quedou máis remedio que sumarse á dinámica, xa que sería escandaloso que despois de estar lanzada unha folga como estaba, sabendo que pola base a xente demandaba facer presión neste convenio, pois eles non podían quedar fora. Tiveron sempre actitude moi de segundo nivel, nun segundo plano. Todos sabemos o que deu cada quen nesta convocatoria de folga, e o peso moi maioritariamente foi da CIG, algo de CCOO e de UGT apenas se notou a súa presenza efectiva tirando da folga.

O que é o mundo ao revés, e que agora despois de asinar o preacordo UGT veña a criticalo, porque é utilizar unha dobre linguaxe. De feito, é a mesma táctica que utilizaron co convenio do Metal, e en vez de expresar as súas diferenzas onde teñen que facelo, agardan a ter un micrófono diante para manifestar este tipo de cousas, sobre todo cando son pura demagoxia, xa que no caso de UGT e CCOO asinaron un convenio estatal por cinco anos hai dous meses que fixa o incremento salarial máximo no 3,5%, moi por debaixo do preacordo de Pontevedra.

Zélia García: Outro dos axentes importantes na folga da Construción foi a Administración, como respondeu?

Xosé Xoán Melón: Nunca saberemos o papel real que xogou a Administración. Imaxino que terían que moverse nestas augas turbulentas, xa que había uns sindicatos que perderan a maioría e eran receosos do acordo, había unha patronal moi mal acostumada de convenios atrás e cambiar o paso tiña dificultades, e a Administración non tivo un traballo sinxelo.

Algo tivo que haber entre a ruptura do martes, cunha posición intransixente da patronal, e aparecernos xa cunha posición moi cercana as nosas pretensións. Aí tivo que moverse algo, non sei en que termos, pero aí a Administración cumpriu co seu labor de mediación, e non sabemos en que medida forzaron ou non forzaron, pero a súa intervención, con dous días de mediación, deu para que o conflito se dera por rematado. Cabe destacar a participación da Consellaría de Traballo e da Administración central pola Inspección de Traballo.

Zélia García: E como dirías que foi a participación dos traballadores?

Xosé Xoán Melón: Moi positiva. Foi fundamental, porque por moito que planifiques se despois a inmensa maioría non esta pola labor, non vas para ningún lado. Aquí foi fundamental a participación nos piquetes, o respaldo e consolidación do día a día na convocatoria de folga, de menos a máis. A presenza da xente a pesar de haber represión e moita presenza policial foi moi significativa, e ía a máis. Ten unha valoración máis alá do concreto do acordo e do conseguido, porque isto nos dá pé a que no futuro por este tema ou por outros, chámese negociación colectiva, chámese emigración, chámese sinistralidade, contamos cun sector que se pode mobilizar.

Zélia García: Que avaliación fai a CIG deste preacordo?

Xosé Xoán Melón: O acordo no seu conxunto é un bo acordo, por todo o que falamos, polo número de temas que se tratan, é a primeira vez que se tratan tantos temas e con tanta profundidade; e é certo que algún deles quedan pendentes e dámonos dous anos para traballalos máis.

Isto foi un primeiro paso, e dicir, despois de moitos anos que o tren da negociacion colectiva ía nun sentido, colleu o sentido contrario e o que fixemos foi pararnos na primeira estacion, na primeira estación houbo un bo acordo, pero se a xente nos segue a dar o apoio, en dous anos botaremos andar o tren para seguir até a segunda estación.

Zélia García: A que novos retos despois desta mobilización se pode enfrontar o sector?

Xosé Xoán Melón: A negociación como toda as negociacións colectivas son pasos, este foi o primeiro paso, e hai máis. Agora está a dinamica un pouco lanzada. Xa todas as partes medimos as forzas.

Pero non todo na Construción é negociación colectiva, hai outros temas de fondo importantes: o da sinistralidade, onde temos vontade de marcar campañas de mobilización para que o descenso da sinistralidade sexan máis que palabras feitas, mensaxes mediáticos, senón ir á obra e facer campañas de sinistralidade na obra e na práctica, non por fora e desde arriba.

Está despois o tema da subcontratacion, ao que hai que entrar xa a regulamentar e poñer orde.

E por último, está a cuestión da inmigracion, que nós queremos dunha vez ter unha campaña concreta sobre este tema e inmediato. Utilízanse a estas persoas migrantes, como forma parte deste mundo subterráneo para que a economía vaia ben, e hai un deixar facer por parte da Administración, e nós a iso querémoslle poñer na medida en que poidamos, sempre que teñamos o apoio da xente, regulalo, controlalo, para que os traballadores que veñan de fóra teñan os mesmos dereitos e deberes que os de aquí.

Zélia García: E que podedes ver desde a vosa Federación sobre a posíbel crise da economía na Construción?

Xosé Xoán Melón: Nós, a día de hoxe, temos que estar en contra porque os dados, mesmo económicos que dan os medios de comunicacion, din que efectivamente a nivel de Estado parece que hai unha recesión, pero aquí os dous primeiros trimestres do ano en comparación aos dous primeiros trimestres do ano pasado hai un incremento do 5,4 e do 5,8 en cada un dos trimestres respectivo da incidencia do sector da contrución na economia con respectos a eses trimestres.

Son datos obxectivos, non o dicimos nós, que o din os datos da macroeconomía. Pero é que hai máis, que é a enquisa da poboacion activa. Comparativamente está a aumentar o número de traballadores no sector. Se vai mal, non é lóxico que aumente.

Como economía periférica que é Galiza, os ciclos desenvólvense aquí máis tarde que no resto do Estado; e dicir, de maneira que a bonanza da Construción chegou máis tarde que noutras partes do Estado, a recesión, de habela, non vai a vir, porque vai chegar máis tarde.

Ademais sabendo que aquí hai en perspectiva moi cercana plans xerais de urbanismo de grandes cidades como Vigo, que se se desbloquean, vai producir que se equilibre en todo caso a recesión, se se dá.

 
Descarga, imprime, difunde...
 
pdfPreacordo para o Convenio provincial da Costrución de Pontevedra

 
 


Zélia García,
membro de CIG-Comunicación.
(Máis artigos/entrevistas...)

  Zélia García
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/10/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta