|
Actualidade / Artigo Unha ollada sindical ao desenvolvemento da
URSS Centro de Estudos Sindicais de Moscova-
Cando nos atopamos cos asalariados nos colectivos de traballadores, os militantes sindicais ou simplemente coa xente do común, eles nos formulan con crecente frecuencia –sobre todo, nos últimos tempos– as mesmas cuestións: “Por que está sendo obxecto de tan violentas críticas todo o que está ligado á historia da Revolución de Outubro de 1917 e a da Unión Soviética? A quen beneficia isto? É que todo o realizado foi realmente tan malo? Porque temos que realizar agora unha nova revolución a inversa: do socialismo ao capitalismo? Etc...”. Os nosos amigos do estranxeiro formulan, e nós tamén o facemos, as mesmas preguntas, ás que resulta difícil responder brevemente. Porén, intentaremos facelo, xa que sen isto non poderemos comprender o que está a ocorrer actualmente nos países da Comunidade de Estados Independentes (CEI) que cobre o territorio da antiga Unión Soviética. Lembremos algunhas delas:
Recordemos, así mesmo, en que estado de desolación se chegou a atopar en Rusia ao rematar a Primeira Guerra Mundial, a posterior guerra civil e a intervención armada das potencias occidentais. E igualmente o punto a partir do cal deberon comezar a edificar o socialismo os nosos pais e os nosos avós, nunhas condicións de vida particularmente duras e o seu destino con frecuencia complexo. Víronse obrigados a buscar e atopar as solucións óptimas para construír o socialismo nas condicións do momento. Estas transformacións chegaron a ter unha dimensión heroica e, á vez, tráxica, pois foron marcadas por grandes perdas e amargos fracasos. Lembremos tamén algunhas loitas despiedadas, libradas en relación coa industrialización e, máis tarde, coas modalidades da transformación socialista do campo. A oposición considerou estas medidas como demasiado apresuradas para as condicións de Rusia, subestimando, nos anos das décadas do 20 e o 30, a importancia do factor tempo. Un ben pode imaxinar o que lle tería ocorrido máis tarde ao noso pobo e ao noso país se todas estas cuestións non se resolvesen antes do comezo da guerra coa Alemaña fascista… Nun breve período de tempo foi creada de punta a cabo a industria pesada (siderurxia, construcións mecánicas, enerxía e industria de armamento). E, a finais da década dos 30, a Unión soviética colocouse, pola súa produción, no primeiro lugar de Europa e no décimo do mundo. Ou sexa, que o sector público aseguraba entón máis do 99 por cento das actividades económicas so país. Isto constituíu unha proeza e unha gran conquista da clase obreira e de todo o pobo. Pero este período estivo tamén marcado por enormes perdas, erros, abusos de poder e represión en masa. O poder non foi suficientemente atento ás necesidades do campesiñado, aliado da clase obreira. O que tería sido necesario entón é unha alianza do campesiñado pequeno e medio nas campañas contra os kulaks, os explotadores. Na loita contra estes últimos, numerosos campesiños medios foron represaliados. E coa colectivización forzosa foi o principio da cooperación voluntaria no agro o que se puxo en tea de xuízo. E nese terreo o Estado Socialista, coa súa economía planificada, demostrou tamén a súa potencia, pois conseguiu mobilizar todos os recursos do país para estiñar rapidamente as feridas de guerra. Foi entón cando comezou unha nova etapa de desenvolvemento, a cal se caracterizou pola prioridade dada ao desenvolvemento social e económico e a mellora das condicións de vida do pobo, desenvolvendo, ao mesmo tempo, o potencial defensivo do país. Só durante os 25 anos que se cualificaron como “período de estancamento” (de 1960 a 1985):
Todo isto permitiu levar a cabo un amplo programa social:
Baixo a dirección dos sindicatos construíronse durante ese período centros terapéuticos e profilácticos, casas de repouso, centros turísticos e hoteis cunha capacidade de 750.000 prazas. Só en 1985 se aloxaron, descansaron ou se curaron neles a prezos moi vantaxosos, ou de balde, máis de 58 millóns de traballadores. O número de nenos que frecuentaron os “campos pioneiros” (campamentos de verán) administrados polos sindicatos, aumentou máis de catro veces, para alcanzar a cifra de 17.5 millóns de escolares en 1985. 5. Así mesmo durante o período que se deu en chamar “período de estancamento”, o país progresou pola vía das transformacións e o desenvolvemento socialistas. E se se fixese un balanzo do camiño percorrido durante todos estes anos de poder soviético, poderíase dicir:
Os sindicatos esforzáronse neste período por cumprir con éxito a súa dobre tarefa, consistente en favorecer o desenvolvemento da produción e asumindo a súa función de defensa dos traballadores, consistente en mellorar as súas condicións de traballo e as condicións de vida das súas familias (vivenda, saúde, descanso, etc). Xa na década do 30, o Estado Soviético confiou aos sindicatos, co acordo destes últimos, algunhas funcións e prerrogativas que eran da competencia dos poderes públicos: xestión do Fondo de Seguridade Social; organización da protección do traballo; xestión dos centros sanitarios e recreativos; organización do turismo social e os deportes a nivel da empresa; supervisión dos círculos de innovadores e racionalizadores; tutela dos círculos científicos e técnicos. Todo isto permitiu aos sindicatos converterse nunha forza moi influínte na sociedade. Na época da “perestroika”, estas prerrogativas concedidas aos sindicatos foron cualificadas de “estatización dos sindicatos”. Crítica que persiste até os nosos días. Aínda que os sindicatos renunciaron a moitas destas funcións que incumben ao Estado, en numerosos casos os Gobernos dos novos Estados independentes da CEI restituíron aos sindicatos (malia a oposición e as protestas desta) o control de institucións tales como a Seguridade Social e a Inspección de Traballo. Así, nas condicións da economía de mercado, as tarefas dos sindicatos cambiaron moito. As súas actividades oriéntanse actualmente, ante todo, á defensa e á representación dos intereses dos seus membros e dos traballadores fronte á patronal, ás institucións económicas e ao Goberno. Mais nas condicións concretas do socialismo era obxectivamente xusto que os sindicatos incorporasen os traballadores á xestión do Estado, das cousas públicas e ao desenvolvemento da autoxestión na sociedade. Actualmente, no noso país ao igual que no estranxeiro, somos testemuñas de múltiples intentos de revisar e denigrar a nosa historia. Pero a historia é unha, única e irreversíbel. A este respecto, cómpre subliñar que o socialismo é unha teoría creadora e non un conxunto de dogmas e de receitas rematadas. Esta concepción exixe unha profunda reflexión e desenvolvementos científicos permanentes. Pero hai que recoñecer abertamente que, durante os anos de edificación do socialismo e de transformacións socialistas (moi particularmente nas décadas dos 70 e dos 80), este foi o maior defecto. Durante este período conseguimos vitorias e éxitos, pero cometemos tamén graves erros de cálculo e toleramos grandes lagoas que, tanto no plano interior como no internacional, frearon o desenvolvemento do país pola vía do socialismo. Durante este período, a burocracia floreceu en numerosas esferas, entrañando unha dexeneración política e moral dalgúns dirixentes, cadros e militantes de base. A propiedade do Estado non se converteu nunha propiedade verdadeiramente popular. O pobo (no seu conxunto) estaba alienado desta propiedade colectiva. O sistema de reparto igualitario das riquezas por mediación do Estado e o sistema de protección social enxendraron comportamentos parasitarios. Moitos traballadores chegaron a perder o sentido da responsabilidade e esqueceron o que é un traballo realizado a consciencia. Os ingresos da poboación experimentaron un aumento máis rápido que a produtividade do traballo. Reforzouse a centralización do poder a expensas dos dereitos das rexións e dos órganos locais. Subestimáronse os particularismos locais, o que suscitou movementos de protesta nas repúblicas e as rexións. Velaí o porqué de que fosen absolutamente indispensábeis transformacións radicais para dar un novo ímpeto ao desenvolvemento do país. 1. A perestroika concibiuse a comezos de 1985 como unha etapa histórica do desenvolvemento do socialismo, como unha restauración teórica e práctica da concepción leninista do socialismo. A perestroika tiña por obxectivo principal o relanzamento do crecemento económico e o desenvolvemento social do país. Isto chegou a ser indispensábel, debido ao atraso que a URSS comezara a levar en comparación co Occidente a nivel dos índices de crecemento, dos ritmos de introdución de novas técnicas e a produción de artigos sofisticados, capaces de facer fronte á competencia nos mercados internacionais. A economía xa non estaba en condicións de abastecer de produtos alimentarios e de consumo en cantidades suficientes para satisfacer as necesidades crecentes da poboación. Os desequilibrios no medre económico en detrimento do mercado de consumo persistían. Para remedialos decidiuse, pois:
Durante os dous primeiros anos (1986-1988) produciuse un verdadeiro rexurdimento económico, o índice de crecemento pasou do 2.3%, en 1985 ao 5.5%, en 1988. E foi na esfera social onde a mellora foi particularmente sensíbel. A agricultura rexistrou un crecemento da produción de cereais, legumes e carne. Na etapa seguinte da “perestroika” (1989-1991) os dirixentes do Estado negáronse a asumir directamente a xestión económica do país e exixiron que o Goberno radicalizase a reforma económica facendo, practicamente, deixación da planificación a nivel das empresas e introducindo rapidamente (apresuradamente) os mecanismos de mercado nas relacións entre as empresas. Este foi o primeiro grave erro cometido no curso da perestroika. En numerosos encontros internacionais, os dirixentes occidentais –particularmente os de Estados Unidos- gabaron as reformas económicas emprendidas polo Sr. Gorbachov e os seus achegados. Incitáronos incluso a aceleralas e proceder a reformas políticas no país legalizando, practicamente, a oposición irredutíbel, que presumía de ser a cantora da democratización da sociedade. Incluso antes de levar a cabo as medidas de relanzamento do crecemento económico apoiándose no sistema de xestión e as estruturas xa existentes, a dirección do Partido e do Estado apresurouse a proclamar que no sucesivo se daría prioridade ás reformas políticas, a unha reestruturación radical do sistema electoral, etc. Ese foi o segundo craso erro da dirección do país, xa que así debilitou a realización das reformas. Recorrendo a receitas populistas, numerosos políticos –que con frecuencia carecían de experiencia política- conseguiron que fosen elixidos como deputados a nivel federal e local. Así instalouse, a nivel federal e local, unha oposición aberta que utilizaba en gran medida os medios de comunicación de masas, o Parlamento e os Soviets locais, aos que Gorbachov e os seus achegados fixeran múltiples concesións. O segundo semestre 1989 estivo marcado por folgas masivas de mineiros e outro sectores de traballadores apoiados pola oposición. Por primeira vez, o Goberno e Gorbachov –en tanto que Presidente e xefe do Partido- se viron confrontados con reivindicacións políticas (dimisión do Goberno, abandono do artigo 6 da Constitución sobre o papel dirixente do Partido Comunista, incompatibilidade do cúmulo de cargos do Presidente da URSS e de máximo dirixente do Partido, etc.). Todas estas reivindicacións obrigaron á dirección do país a consagrar máis tempo aos problemas políticos internos que á solución dos problemas económicos e sociais. De xeito que en 1990 o país rexistrou, por vez primeira, un descenso da produción industrial do 1.1%, en lugar dun aumento. En 1991, este descenso alcanzou xa un 7.8% e apareceron os primeiros síntomas dunha crise económica, mentres a evolución do país deviña cada vez máis incontrolábel. O nivel de vida da poboación comezou entón a baixar. As impulsas medidas tomadas pola dirección do país non deron os resultados apetecidos, o que suscitou na sociedade, os sindicatos e os colectivos de traballadores dúbidas sobre a xusteza da vía elixida, orixinando a pregunta: “Fixo falta a perestroika?”. Os acontecementos de agosto de 1991 viñeron a agravar aínda máis a situación. E en decembro de 1991, por iniciativa dos dirixentes de tres repúblicas (Rusia, Bielorrusia e Ucraína) unha declaración adoptada conxuntamente puxo fin a existencia da Unión Soviética en tanto que gran potencia. Se se fixese un balanzo da perestroika, habería que dicir que a causa principal do seu fracaso non radica na inexistencia dunha concepción clara, nunha falta de comprensión e incluso na “resistencia da base” (para utilizar os termos do Sr. Gorbachov) senón máis ben na dirección torpe deste proceso. A crise que se desenvolveu non foi o resultado da “perestroika” senón das torpezas cometidas e da falta de eficacia das medidas tomadas durante este proceso. A insuficiente atención prestada ás cuestións económicas, a precipitación na realización das reformas políticas, a parálise do poder, a escalada dos separatismos, o crecente papel das forzas destrutivas, o constante aprazamento da toma de decisións responsábeis ás concesións feitas ás forzas populistas conduciron, finalmente, non só ao fracaso da perestroika, senón tamén ao esboroamento dunha gran potencia, con todas as consecuencias que se coñecen.
|
||||
| As opinións vertidas nos artigos de opinión, enviados polos nosos colaboradores ou tiradas doutros meios, non teñen porque ser necesariamente compartidas pola CIG. | ||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 07/11/2007 |
||||
|