|
Actualidade CIG-Comunicación-
O Ministerio de Educación e Ciencia (MEC) vén de publicar no BOE do 30 de outubro o Real Decreto polo que se estabelece a nova ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, para así adaptarse ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) antes de 2010. Esta nova ordenación vai supor unha nova estrutura das ensinanzas e das titulacións universitarias que deberá implicar un cambio na metodoloxía docente cunha atención máis personalizada e práctica derivada do Sistema Europeo de Transferencia e Acumulación de Créditos (ECTS) que obriga a reducir as rateos profesorado/alumnado en estudos masificados. Hoxe, hai facultades que chegan a ter até 300 alumnos/as novos en cada curso escolar, con aulas de 125 alumnos/as. É preocupante que, ante esta realidade, en lugar de estar artellando medidas conducentes a reducir o número de alumnado por aula se estean buscando argumentos tendentes a xustificar o peche de titulacións. É inaceptábel que a Consellaría de Educación non se marque como obxectivo conseguir un financiamento económico adicional que se achegue ao 1,5 do PIB para que o Sistema Educativo Universitario Galego poida enfrontar cun mínimo de garantía a nova ordenación do ensino universitario. Para a CIG-Ensino, a adaptación ao Espazo Europeo de Ensino Superior debería reforzar o labor titorial, a diminución do traballo burocrático do profesorado, a creación de novas titulacións sen suprimir as actuais e evitar a reconversión e a mobilidade do profesorado. Sen redución de alumnado por aula e maior financiamento, non se garante unha docencia máis innovadora e personalizada, alicerce imprescindíbel para mellorar a calidade da docencia e da investigación na Universidade galega. Para a CIG-Ensino, a defensa dunha universidade pública galega entra en contradición cunha visión mercantilizadora, baseada en criterios economicistas e non en función do papel que os estudos superiores deben cumprir para a sociedade galega que non son outros que favorecer estratexicamente o desenvolvemento, a investigación e innovación. Para a CIG-Ensino, o lóxico e normal sería que a Consellaría retirara o actual documento, convocara a Mesa Sectorial de Universidades, na cal están representadas as tres universidades, a Consellaría e os sindicatos, e, a partir de aí, se fixaran as liñas básicas de adaptación das titulacións existentes ao Espazo Europeo do Ensino Superior. Neste sentido, a CIG vai solicitar da Consellaría a convocatoria da Mesa de Universidades. |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 07/11/2007 |
||||
|