|
Actualidade CIG-Comunicación-
Máis de cincocentos delegados e delegadas asistiron á asemblea de Vigo, que contou coa participación do secretario comarcal, Xerardo Abraldes, de Anxo González Ferreira, membro da Executiva comarcal e responsábel de Formación, e da secretaria comarcal da Muller, Raquel Pazos, que explicou a “Guía de saúde laboral desde unha perspectiva de xénero”, ademais da campaña do sindicato para o 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia sobre as mulleres. Pola súa banda, González Ferreira debullou polo miúdo os abusos cometidos polas mutuas, que cualificou como “entidades patronais, obsesionadas en gastar o menos posíbel e lucrarse a costa da saúde dos traballadores”. Ao finalizar a asemblea de Vigo, os delegados e delegadas asistentes dividíronse para realizar dúas concentracións: unha fronte a mutua La Universal e a outra diante de Fremap. Na primeira, baixaron as persianas antes de que chegasen os manifestantes, aínda que o persoal seguía a traballar no seu interior. Simultaneamente, os delegados e delegadas da CIG concentrábanse e ocupaban a mutua Fremap. Ambas concentracións estendéronse até a unha e media da tarde.
Uns 120 delegados e delegadas participaron na asemblea de A Coruña. Ao seu remate, desprazáronse cara a mutua La Fraternidad, cuxas instalacións ocuparon por espazo dunha hora. Aos vinte minutos de terse iniciado a protesta, tres furgóns da UIP e un vehículo patrulla da policía española presentáronse no lugar e accederon a interior da mutua, onde se atopaba parte dos manifestantes. Cando rematou a ocupación, un axente da UIP dedicouse a anotar a matrícula dun vehículo, propiedade dun membro da CIG, que estaba estacionado diante de La Fraternidad. Esta actitude intimidatoria foille recriminada polos manifestantes á policía española, que pretendeu identificar arbitrariamente ao secretario comarcal, Paulo Carril.
Despois da asemblea, máis de 150 delegados e delegadas da CIG tomaron as rúas de Pontevedra con dous obxectivos: desenvolver a campaña do sindicato contra os abusos das mutuas e denunciar, mediante unha concentración fronte ás instalacións da Brilat, o acoso laboral brutal que sofren as traballadoras da cafetaría, cuxa empresa concesionaria é Aguinchos. Igualmente, o acto tamén serviu para protestar polos continuos despedimentos de empregadas afiliadas á CIG pois, de 22 persoas que traballaban nesta cafetaría, xa foron despedidas nove. Posteriormente, os delegados e delegadas desprazáronse cara as instalacións da mutua Asepeyo, onde denunciaron a actuación destas entidades como “axentes represivos contra a saúde da clase traballadora”. Tamén houbo ocupacións e actos de protesta en Compostela, Burela, Ferrol e Lugo. |
||||
Informacións relacionadas
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 13/11/2007 |
||||
|