|
Actualidade CIG-Comunicación-
O sector de Telemárketing dá emprego na Galiza a 8.000 persoas e gran parte dos postos de traballo están ameazados pola deslocalización das empresas cara a países do terceiro mundo. Na reunión da Mesa Negociadora do Convenio de Telemárketing do día 22 de novembro, os sindicatos centralistas CCOO e UGT veñen de poñer en escena a sinatura dun preacordo que non garante os postos de traballo e que contribuirá a precarizar aínda máis o sector do Telemárketing ampliando a temporalidade. Hai que destacar que a patronal solicitou que se incluíra no Convenio unha nova denominación para que o sector se chame “Contac-center”. Hoxe por hoxe falar na rúa de Telemárketing é falar de precariedade, de explotación e temporalidade en estado puro, e pretenden agochar esta realidade cun simple troco de denominación. Con este acordo, o persoal de operacións ten garantida unha perda salarial de 164 euros no ano 2007. Os salarios, que se sitúan de media nos 12.348 euros anuais, subirá estritamente co IPC, por baixo dos 611 euros mínimos necesarios para paliar a perda de poder adquisitivo. Para os anos 2008 e 2009 o convenio prevé unha suba do IPC + 0,25 puntos, polo que semella difícil que se poda recuperar poder adquisitivo. Pero o punto máis grave é a ampliación da duración máxima da contratación eventual por causas da produción, CCOO e UGT están de acordo coa Patronal en ampliar a precariedade no sector que ten a maior taxa de temporalidade. Como contrapartida CCOO e UGT terán 18 liberados sindicais (persoas do sector que non deberán acudir ao centro de traballo). Estas liberacións xustifícanse coa creación de dúas Comisións de Estudio, unha de Clasificación Profesional e outra de Formación. No anterior convenio xa existiu a Comisión de Clasificación pero nunca se chegou a reunir. Para a CIG este convenio supón un paso atrás, non garante os 8.000 postos de traballo existentes na Galiza, aposta polos baixos salarios e amplía a temporalidade. O peche en falso do convenio, xunto coas duras condicións de traballo e a deslocalización anuncian un incremento da conflitividade nas empresas durante os vindeiros anos.
|
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 24/11/2007 |
|||||||
|