ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 30 de novembro de 2007

CCOO, UGT e patronal asinan un preacordo de Convenio que amplía a temporalidade e establece salarios de miseria
O 7 de decembro CIG e CGT convocan Folga no sector de Telemárketing
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  CIG e CGT convocan folga no Telemárketing para o 07/12; clic para aumentar
Ante esta situación CIG e CGT teñen chegado a un acordo de convocatoria conxunta de FOLGA para o vindeiro día 7 de decembro, en defensa dun Convenio Digno, contra a precariedade e a deslocalización. (Foto: ©Fernando Pol).
 
CCOO, UGT e a patronal ACE (Asociación de Empresas de Contac Center) teñen asinado un preacordo de Convenio para o sector de Telemárketing que amplía a temporalidade e establece salarios de miseria. Diante desta proposta CIG e CGT teñen anunciado a convocatoria conxunta de FOLGA. Agora non está claro que o Convenio chegue a asinarse xa que tamén seccións sindicais de CCOO e UGT nas grandes empresas teñen anunciado publicamente a súa oposición ao preacordo.

Parte da representación de Comisións Obreiras na Mesa Negociadora que pertence á Federación de Telecomunicacións ten anunciado tamén publicamente que non asinará o convenio, en tanto que outra parte que pertence a Comfia (federación que dirixe a polémica Mª Jesús Paredes) firmará o convenio.

Ante esta situación CIG e CGT teñen chegado a un acordo de convocatoria conxunta de FOLGA para o vindeiro día 7 de decembro, en defensa dun Convenio Digno, contra a precariedade e a deslocalización.

A continuación reproducimos o comunicado que a CIG está a repartir nas empresas do sector.



IV Convenio de Telemárketing
O 7 de decembro todos e todas á Folga

2 euros

Un café e un xornal, iso será o que poderemos mercar todos os meses co incremento salarial que pactaron CCOO e UGT para o ano que vén, no preacordo do Convenio Colectivo de Telemárketing.

Os salarios subirán o ano que vén o IPC + 0,25%. Subir o IPC é quedarnos co que temos, por riba do que hoxe cobramos os salarios subirán un 0,25% que aplicado sobre os 800 euros supón 2 miserables euros.

Por moito que se esforcen en mentir iso é o que gañaremos máis todos os meses co novo e flamante Convenio, un acordo que a CIG non asinará por cutre e miserento.

Rebelión a bordo de CCOO e UGT

As seccións sindicais de CCOO e UGT en varias empresas de Telemárketing (por exemplo en Eurocen e Atento A Coruña) teñen sacado comunicados en contra do preacordo e a Federación de Telecomunicacións de CCOO anunciou que non firmarán o Convenio, aínda que o faga a Federación de Banca de CCOO (Comfia). Consideran que o Convenio é insuficiente.

As empresas anuncian despedimentos

Non felices con rirse de nós, subíndonos os salarios dous euros ao mes, o día 27 de novembro o voceiro da patronal anunciaba no diario Cinco Días que as empresas planean despedimentos masivos asociados a deslocalizacion. Suma e segue.

Telemárketing en folga o 7 de decembro

O preacordo de Convenio está no aire, podemos conseguir que non se asine obrigando ás empresas a negociar un Convenio Digno que garanta o emprego, free a temporalidade e por uns salarios dignos. A maior parte dos 8.000 postos de traballo do Telemárketing en Galiza están en perigo debido á deslocalización.

Hoxe, máis que nunca, é preciso que os traballadores e as traballadoras do sector unamos as nosas forzas participando activamente na FOLGA que CIG e CGT convocamos para o vindeiro día 7 de decembro. En todo caso se finalmente CCOO e UGT se pregaran á patronal e asinaran o Convenio Colectivo esta FOLGA quedaría desconvocada. Ante esta posible circunstancia é importante que esteades en contacto cos delegados e delegadas na vosa empresa.

Pola nosa dignidade, contra a temporalidade, en defensa dos postos de traballo, o 7 de decembro todos e todas á FOLGA.

 
Descarga, imprime, difunde...
 
pdfO 7 de decembro todos e todas á Folga

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 30/11/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta