|
Actualidade CIG-Comunicación-
Na manifestación participaron unha trintena de organizacións que representan a todas as rexións e países da UE, e foi convocada pola Coordinadora Europea da Vía Campesina, a Coordinadora Labrega Europea (CPE) e a Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG). As e os participantes partiron da Praza de Meeûs ás 10:30 horas, e camiñaron ata Schuman, onde se atopan as institucións comunitarias. Esta mobilización coincidiu, simultaneamente, coa reunión do Consello Agrícola da Unión Europea en Bruxelas xusto nun intre no que se está a debater a reforma da PAC, coñecida como “revisión médica”, que se vai realizar en 2008. Para reivindicar esa PAC alternativa, deseñada en base a persoas e explotacións, e que garanta un mundo rural vivo, unha delegación dos manifestantes mantivo unha entrevista con Jaime Silva, presidente do Consello Agrario Europeo, e cunha representación do Parlamento comunitario. Para o 4 de decembro está prevista unha reunión coa Comisaria de Agricultura, Mariann Fischer Boel. Segundo o responsábel de relacións internacionais do Sindicato Labrego, Xosé Ramón Cendán, “esta reforma vai a afectar de cheo ao medio rural en xeral, coa redución drástica dos fondos económicos neste capítulo dos orzamentos comunitarios, ou a sectores agrarios tan importantes para Galiza como o leiteiro, coa anunciada liberalización do mercado ao suprimirse o control das cotas, ou o vitivinícola, cunha reforma da organización común de mercado (OCM) en beneficio dos intereses das grandes empresas e multinacionais”. Contra isto, o SLG avoga por un control da produción leiteira baseado nun reparto xusto e solidario do dereito a producir, por unha vitivinicultura de calidade que respecte e potencie a produción labrega, as diversidades xeográficas e as nosas denominacións de orixe, e por uns prezos xustos para todos os sectores que cubran os custes de produción nas explotacións e remunere dignamente o traballo de labregos e labregas. |
|||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 27/11/2007 |
|||||||||
|