ActualidadeVolver a Actualidade


A Coruña, 22 de novembro de 2007

Campaña nacional da CIG con motivo do 25 de Novembro
Rematar co machismo é tarefa de homes e mulleres

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  María Carme López Santamariña; clic para aumentar
A campaña nacional do 25 de Novembro foi presentada en A Coruña por María Carme López Santamariña, secretaria confederal da Muller e Servizos Sociais. (Foto: ©galizacig.com 21/11/2007).
 
A Secretaría da Muller da CIG presentou a campaña nacional do 25 de Novembro, Día Internacional contra a Violencia sobre as Mulleres, baixo o lema “Párao, denuncia, actúa; rematar co machismo é tarefa de homes e mulleres”. A central deu a coñecer tamén a “Guía dos dereitos das mulleres vítimas de violencia de xénero”, elaborada polo sindicato en colaboración coa Xunta.

A campaña nacional do 25 de Novembro foi presentada en A Coruña por María Carme López Santamariña, secretaria confederal da Muller e Servizos Sociais. De seguido reproducimos o comunicado difundido pola Secretaría da Muller da CIG.


«Desde a Secretaría da Muller da Confederación Intersindical Galega non queremos máis minutos de silencio polas mulleres asasinadas. Non máis condescendencia contra o patriarcado que ven exercendo un xenocidio silencioso que todas e todos debemos parar xa. As mulleres e homes que formamos parte da CIG temos a obriga moral, cívica e sindical de responder individual e colectivamente ante a violencia de xénero.

  25 de Novembro: Día Internacional contra a Violencia de Xénero; clic para aumentar
Cartaz da campaña “Párao, denuncia, actúa; rematar co machismo é tarefa de homes e mulleres”.
 
Sabemos que o problema non é sinxelo, que require actuacións en diversos ámbitos: recursos de atención e medidas preventivas, campañas de concienciación e información, medidas coeducativas en materia de igualdade e de prevención de condutas violentas, medidas para rematar coa imaxe sexista das mulleres que difunden os medios de comunicación, etc, mais debemos comezar polo lugar máis próximo: o centro de traballo.

Con este fin, desde o gabinete técnico da Secretaría Confederal da Muller vimos de publicar, en colaboración co Servizo Galego de Igualdade da Xunta de Galiza unha Guía dos dereitos das mulleres vítimas de violencia de xénero, co obxecto de axudar ás mulleres que sofren unha situación deste tipo, ofrecéndolles a elas e ao seu círculo máis próximo unha recompilación de recursos accesíbeis de organismos públicos e privados onde acudir. Por outra banda, a guía é unha fórmula que a nosa central sindical emprega para ofrecer información a todas e cada unha das nosas afiliadas e afiliados, ao respecto dos trámites e recursos en materia de dereitos laborais das vítimas, co obxecto de crearmos entre todas unha rede social de mulleres e homes, a través da cal rachemos con esta espiral de violencia.

A campaña deste ano leva o título de PÁRAO, DENUNCIA, ACTÚA. Rematar co machismo é tarefa de homes e mulleres. Así, as mulleres e homes que formamos parte da central sindical comprometémonos a loitar contra a violencia de xénero a todos os niveis e propoñémonos conseguir que na negociación colectiva as empresas implanten medidas efectivas para paliar os efectos desta lacra social. Porque para nós o sindicalismo que defende a liberdade, a xustiza e a igualdade debe involucrarse na loita contra todo tipo de discriminación e particularmente contra a que representa a violencia contra as mulleres».

 
Descarga en pdf
 
pdfGuía dos dereitos das mulleres vítimas de violencia de xénero
pdfTríptico da campaña “Párao, denuncia, actúa; rematar co machismo é tarefa de homes e mulleres”
pdfCartaz da campaña “Párao, denuncia, actúa; rematar co machismo é tarefa de homes e mulleres”

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/11/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta