|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
Esta negativa do Executivo de Rodríguez Zapatero inclúe un rotundo non ao traspaso de competencias como as de seguridade marítima ou loita contra a contaminación mariña. Case nada se temos en conta xa non só o que significou o catástrofe ambiental do vertido de fuel do ‘Prestige’, senón tamén o longo historial que padecemos de sucesos similares, nun litoral coma o noso, de tanta riqueza ecolóxica e mesmo produtiva mais tamén tan vulnerábel e desprotexido. A crise desatada hai cinco anos, coas máis de sesenta mil toneladas de chapapote que o ‘Prestige’ deu en verter nas costas galegas, puña de manifesto o histórico desamparo que viña soportando o noso país no que ten a ver coa seguridade marítima e a protección do litoral. O desleixo dos diferentes Gobernos do Estado fíxose máis unha vez patente cando o Executivo de Aznar (e de Mariano Rajoy, cómpre lembralo) tivo que afrontar a situación do ‘Prestige’ e amosou tal grao de deixadez e incompetencia. Deixadez e incompetencia que desta volta tivo unha amplísima contestación social, vehiculizada a través da plataforma cidadá ‘Nunca Máis’ ‘Nunca Máis’ converteuse nunha poderosa ferramenta do pobo galego para reivindicar, dunha parte, solucións ao gravísimo problema dos vertidos do ‘Prestige’ e, doutra, garantir mudanzas estruturais en materia de seguridade marítima e defensa das costas galegas. Á vez, ‘Nunca Máis’ era o berro de dignidade dos galegos e galegas ante uns poderes públicos que desertaran das súas responsabilidades e ante un Estado central que tantas décadas levaban esquecendo os problemas e preocupacións desta vella nación do noroeste ibérico. Cinco anos despois é certo que o berro de ‘Nunca Máis’ é apenas un eco, mais un eco que aínda resoa moi dentro en moitos galegos e galegas. É máis, sen o seu concurso como movemento que activou unha protesta social de tamaña magnitude, dificilmente se tería dado o cambio político-institucional que se deu en Galiza, coa derrota nas urnas do Partido Popular do outrora presidente Fraga Iribarne. E posibelmente sen a aprendizaxe que significara ‘Nunca Máis’, desmontando as mentiras do poder político na crise do ‘Prestige’, o PP conservaría nas mans o Goberno do Estado, amparado nas súas propias teorías acerca dos atentados ‘yijadistas’ de Madrid do 11 de marzo de 2003. Mais naquela altura, houbo a capacidade de reacción suficiente na cidadanía española para non tragar con máis trolas da gavela aznarista. Por estas razóns, non deixa de incomodar o triunfalismo con que algúns representantes do Goberno de Madrid se veñen referindo nos últimos días a este quinto aniversario do ‘Prestige’, non só dando por superados todos os efectos e consecuencias do vertido (iso que o fuel aínda segue manando do pecio do buque!) senón tamén obviando que desgrazadamente outro ‘Prestige’ aínda é posíbel, e polo tanto na súa responsabilidade está evitalo ou cando menos reducir ao máximo as posibilidades de que se produza un suceso similar. Tampouco o Goberno galego é que ande demasiado atinado a respecto desta cuestión, porque, malia que a parte nacionalista do Executivo galego está a incidir no traspaso competencial da seguridade marítima e a loita contra a contaminación mariña, como conxunto o Goberno bipartito nunca tivo na súa axenda política como prioridade abordar as cuestións pendentes derivadas da crise do ‘Prestige’, instando, por exemplo, ao Goberno central a un maior esforzo investidor en medidas preventivas e medios de protección. Das poucas iniciativas que se coñecen da Xunta de Galiza está unha, promovida pola Vicepresidencia e a Secretaría Xeral de Xuventude, para a realización dunha homenaxe aos voluntarios da maré negra, cadrando precisamente coa conmemoración do quinto aniversario do ‘Prestige’. Unha iniciativa que, aínda que paga en certa maneira unha débeda dos poderes públicos galegos coa xente que exerceu tarefas solidarias de carácter paliativo na maré negra, peca de conxuntural e cativeira, cando non de ser un acto con tintes populistas. Senón, u-los homes e mulleres do mar nese recoñecemento público?, u-la xente que se mobilizou reivindicando solucións? Onde o compromiso do actual Executivo galego para que os vertidos do ‘Prestige’ sexan os últimos, os derradeiros, nas nosas costas?
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 09/11/2007 |
||||
|