Actualidade / EntrevistaVolver a Actualidade


Vigo, 23 de novembro de 2007

Entrevista a Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, director do Centro de Estudos e Documentación da Cátedra Alexandre Bóveda
“Bóveda foi a peza central do soberanismo galego e do proxecto modernizador do país”

 

Zélia García-

zelia@galizacig.net


  Uxío-Breogán Diéguez Cequiel; clic para aumentar
Uxío-Breogán Diéguez Cequiel: “Bóveda foi a peza central do soberanismo galego e do proxecto modernizador do país no remate do primeiro terzo do pasado século, situando a autodeterminación da Galiza como eixo central dun grao de benestar inédito na historia galega. A este respecto, non en van, Bóveda deseñou un sistema tributario que gravaba favorecendo ás clases populares, é dicir, a maioría social”. (Foto: ©galizacig.com 20/11/2007).
 
Un Centro de Documentación e un premio de investigación impulsarán os estudos da figura de Alexandre Bóveda e daranlle un pulo ás ciencias sociais en Galiza. A súa sede será no Pazo da Cultura de Pontevedra e estará coordenado por Uxío Breogán Diéguez. Tamén se creará un premio de investigación Alexandre Bóveda, que terá unha dotación económica de 20.000 euros para o traballo premiado.

Uxío-Breogán Diéguez Cequiel (Madrid, 1978). Licenciado en Historia, Máster en Historia Contemporánea, está a redixir na actualidade a Tese de Doutoramento sobre a realidade ideolóxica do nacionalismo galego entre o golpe militar reaccionario do 1936 e o nacemento do BNG no 1982. É director de Murguía, Revista Galega de Historia, presidente da Asociación Galega de Historiadores e membro da Xunta Rectora da Fundación Alexandre Bóveda. Autor de dous libros, ponencias a diversos congresos, artigos en revista especializadas, agora dirixirá o Centro de Estudos e Documentación da Cátedra Alexandre Bóveda para estudar o galeguismo histórico que terá como sede o campus pontevedrés da Universidade de Vigo.


Zélia García: Que importancia ten que exista esta Cátedra a partir de agora?

Uxío-Breogán Diéguez Cequiel: De partida, dicir que coa posta en andaina desta Cátedra contribúese ao recoñecemento público de Alexandre Bóveda. Por outra banda, a nivel práctico bótase a andar un Centro de Documentación que porá en valor un inxente elenco documental que condensa boa pare da historia do nacionalismo galego.

  Monumento a Alexandre Bóveda; clic para aumentar
Monumento a Alexandre Bóveda na Praza de Curros Enríquez de Pontevedra. (Foto: ©Luis Miguel Bugallo Sánchez/Galipedia).
 
Zélia García: Un centro que dirixes ti, non é?

Uxío-Breogán Diéguez: Si. Un centro que se ocupará de catalogar e dixitalizar todos os fondos documentais do arquivo persoal de Alexandre Bóveda.

Zélia García: E outros proxectos ligados ao centro?

Uxío-Breogán Diéguez: Alén do dito, este centro será unha apoiatura para todas as investigadoras e investigadores do país que traballen arredor desta parte da nosa historia, en canto que contará cun persoal especializado na materia, así como unha biblioteca centrada na devandita temática. De facto, excedendo do propio centro, a Cátedra vai convocar un premio de Ciencias Sociais que será o de maior contía do país, na liña de impulsar estudos neste eido do coñecemento.

Zélia García: Que significa a figura de Alexandre Bóveda na historia de Galiza?

Uxío-Breogán Diéguez: Bóveda foi a peza central do soberanismo galego e do proxecto modernizador do país no remate do primeiro terzo do pasado século, situando a autodeterminación da Galiza como eixo central dun grao de benestar inédito na historia galega. A este respecto, non en van, Bóveda deseñou un sistema tributario que gravaba favorecendo ás clases populares, é dicir, a maioría social.

Zélia García: E politicamente?

Uxío-Breogán Diéguez: Aliás, Bóveda foi quen ideou, degrao a degrao, a estrutura organizativa do primeiro partido soberanista de ámbito nacional no noso país: o Partido Galeguista. Neste sentido, hai que lembrar que como secretario xeral e de organización procurou que o partido tivera unha introdución social que significou a integración, como axentes principais, de labregos, obreiros, mariñeiros...

Zélia García: Que representa esta responsabilidade nova para ti?

Uxío-Breogán Diéguez: Desde logo mentiría se dixese que non representa para min unha satisfacción. En grande medida significa o recoñecemento e querenza polo traballo que realizo como historiador, nomeadamente na miña adicación á historia do nacionalismo.

 
 


Zélia García,
membro de CIG-Comunicación.
(Máis artigos/entrevistas...)

  Zélia García
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 30/11/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta