|
Actualidade CIG-Comunicación-
A lexislación arxentina obriga aos sindicatos a realizar un congreso anual que, por norma xeral, limítase a discutir e aprobar o informe de xestión e a rendición de contas. Os congresos extraordinarios, realizados normalmente en coincidencia temporal cos ordinarios, acostuman a seren convocados para a discusión específica de temas de calado político-sindical ou organizativo. Este foi o esquema utilizado pola CTA, incorporando as modificacións estatutarias aprobadas no Congreso do ano pasado polas que se establece que os congresos se realicen por delegados e non por asistencia libre de calquera afiliado ou afiliada. O tema central do Congreso, e o único no que houbo discrepancias que chegaron ás sesións plenarias do último día, xirou arredor da ratificación da afiliación da CTA na CSI (Confederación Sindical Internacional). Despois dun debate extremadamente respectuoso coas opinións expresadas e totalmente correcto nas formas, o Congreso ratificou dita afiliación cos votos favorábeis do 90% dos congresistas. Xa en clave máis interna, os congresistas aprobaron por unanimidade convocar unha “Marcha Federal” para o mes de abril e unha “Constituínte Social Nacional” no próximo mes de agosto na provincia norteña de Jujuy. A destacar tamén a creación dunha Secretaría dos Pobos Orixinarios, co cometido de incorporar as reivindicacións das culturas indíxenas que ainda subsisten na Arxentina. Dentro das actividades congresuais realizouse unha homenaxe moi emotiva ás testemuñas que están declarando nos xuízos contra os xenocidas da ditadura militar arxentina que causante de numerosísimos asasinatos e que fixo desaparecer arredor de 30.000 militantes sociais, políticos, sindicais, culturais... Durante a estadía en Buenos Aires, a delegación da CIG participou en varios actos de carácter reivindicativo e ou sindical: 27ª marcha da resistencia das Nais da Praza de Maio, concentración de traballadores do INDEC, festival musical contra a impunidade, Seminario Sindical Internacional de Saúde Laboral, celebración dos 30 anos da fundación de ASUNATE... |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 11/12/2007 |
||||
|