ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 15 de decembro de 2007

O material educativo será enviado a todos os centros de ensino secundario de Galiza
A CIG-Ensino e o MpDC presentan unha Unidade Didáctica sobre os Dereitos Humanos

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Os dereitos humanos; clic para aumentar
“Os dereitos humanos (algúns momentos do seu percorrido galego)”, unidade didáctica coordinada por Xoán Carlos Garrido.

pdfDescarga a unidade didáctica
 
O pasado luns día 10 de decembro, a CIG-Ensino e o Movemento polos Dereitos Civís conmemoraron o día dos Dereitos Humanos presentando unha Unidade Didáctica sobre os dereitos das persoas. Este material educativo será enviado a todos os centros de ensino secundario de Galiza. Ao acto asistiron o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, o voceiro do MpDC, Renato Núñez, e o autor da Unidade Didáctica, Xoán Carlos Garrido.

O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, sinalou que a escola “ten unha función primordial no que se refire á educación en valores”, en definitiva, en “formar cidadáns/cidadás libres, activos/as e comprometidos/as que velen por unha sociedade máis igual e máis xusta”. Ademais, destacou que no día dedicado aos Dereitos Humanos “é preciso ter en conta os dereitos e liberdades das persoas nos centros escolares”.

Para Louzao, os dereitos humanos deben ser un elemento transversal todos os días e en todas as materias impartidas no ensino, como unha materia interdisciplinar. Ademais, destacou, dende o ámbito do ensino, a importancia de dotar de recursos aos centros para pór en valor estes dereitos humanos que reforcen a nosa lingua, a nosa cultura e a nosa tradición.

Por último, o representante da CIG-Ensino quixo facer un chamamento a todo o profesorado para que teña en conta esta data e se implique na defensa destes dereitos tan primordiais na actualidade.

Pola súa banda, o voceiro do Movemento polos Dereitos Civís, Renato Núñez, destacou o labor desta asociación dende o seu nacemento no que se refire á súa actividade de monotorización do comportamento das institucións na defensa dos dereitos e liberdades dos cidadáns e cidadás. A este respecto, subliñou que en Galiza existen un gran número de dereitos recoñecidos pero que é moi difícil de poñer en práctica.

Segundo sinalou Núñez, existen catro dereitos recollidos na Constitución que ao longo dos últimos anos foron os máis vulnerados como é o que se refire ao dereito das persoas, sobre todo nas actuacións policiais desproporcionadas; o dereito á intimidade e á propia imaxe, coa proliferación de cámaras de videovixilancia; o dereito á liberdade de expresión, con expulsións de plenos municipais ou xuízos e, por último, ás garantías xudiciais, como se puido observar na recente condena aos veciños do Eixo.

Por último, o autor desta Unidade Didáctica, Xoan Carlos Garrido, indicou que este material vai ser enviado a todos os centros de secundaria do país “coa idea de que se traballe con materiais que respecten os propios dereitos que teoricamente sostén”. A este respecto, Garrido fixo referencia a outros materiais enviados polo Ministerio de Educación onde se recoñece o dereito á ‘identidade’, á propia lingua e á tradición, pero redactados en español, unha contradición en si mesma.

Na súa opinión, este material fai un tratamento dos Dereitos Humanos como algo alleo a Galiza, desprestixiando a súa lingua propia e a súa identidade, en definitiva, a súa historia pero tamén o seu presente.

Garrido quixo destacar tamén os dereitos de terceira xeración referidos á igualdade na diversidade, como poden ser os dereitos da muller, o medio ambiente, a paz e a autodeterminación dos pobos ou dereitos de colectivos. Este tipo de dereitos “trata de rachar coa visión etnocentrista e androcéntrica existente para incorporar outras concrecións históricas e naturais nas que se determina o ser humano”.

 
Descarga en .pdf
 
pdfOs dereitos humanos (algúns momentos do seu percorrido galego)

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/12/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta