|
Actualidade
A Coruña, 6 de decembro de 2007
O colectivo de afectados polas obras do Porto
exterior coruñés segue sen cobrar as indemnizacións
A policía reprime mariñeiros
mentres Touriño celebra a Constitución española
| |
 |
| A policía española desaloxou pola
forza unha protesta de mariñeiros afectados pola construción do Porto exterior de A Coruña. (Fotos: ©galizacig.com 05/12/2007). |
 |
 |
 |
| Descarga
o vídeo. (Formato do vídeo: Windows Media Video [wmv], duración: 2'38'',
espazo en disco: 13.862.522 bytes [13,2 Mb]). Realización: Antón Álvarez Sanz. |
| |
A policía española desaloxou pola
forza unha protesta de mariñeiros afectados pola construción do Porto exterior de A Coruña.
Simultaneamente á carga, que se produciu na tardiña do 5 de decembro, na Delegación do Goberno
celebrábase un acto solemne en honra á Constitución española, no que participaron,
ademais do presidente da Xunta, outros representantes das institucións galegas e do Estado.
Paulo Carril, representante legal destes mariñeiros
e secretario comarcal da CIG, cualificou o ocorrido como “intolerábel” e “propio dun réxime fascista”.
Denunciou novamente os intentos de criminalizar este colectivo de afectados.
Unha hora antes de se celebrar este acto de enaltecemento
da Carta magna española, axentes da UIP comezaron a identificar mariñeiros e membros da CIG que se
ían achegando á zona. Ao pouco, os manifestantes foron conducidos cara unha das beirarrúas
situadas fronte á Delegación do Goberno, onde estiveron concentrados até que empezaron a chegar
as autoridades e líderes políticos, entre eles Pérez Touriño, Dolores Villarino ou
Alberto Núñez Feijoo. Tamén se deixaron ver na celebración institucional representes
das tres forzas da Corporación municipal coruñesa.
Posteriormente, os mariñeiros e percebeiros
burlaron o cerco policial e cortaron momentaneamente a confluencia da Praza de Ourense coa rúa Sánchez
Bregua. A protesta foi curta, pois os axentes da UIP comezaron a empurrar violentamente os manifestantes. A actuación
policial saldouse con varios mariñeiros contusionados.
Acentúanse as protestas
Este colectivo de afectados botouse á rúa
en varias ocasións nos últimos días. Os mariñeiros bloquearon o 3 de decembro as instalacións
da Autoridade portuaria coruñesa e exhibiron unha porca en cuxos lombos estaba pintado o nome de Macario,
en referencia ao presidente do ente. O día posterior ocuparon durante unha mañá as oficinas
da Delegación provincial de Pesca e realizaron, ademais, varios cortes de tráfico na Avenida do Exército.
“Agora ofrécennos 2,6 millóns de
euros de indemnización para todos os afectados (que son arredor de 200)”, di Luís Dopico, portavoz
do colectivo de afectados. No entanto, un informe elaborado por expertos da Universidade de Santiago de Compostela
e avalado pola Consellaría de Pesca estima en 27 millóns de euros as perdas polo cesamento da actividade
desde o inicio das obras, en 2005.
|