|
Actualidade / Artigo Bali: O día despois Walden Bello-
A mención das cifras cuantitativas foi reducida a unha nota de pé de páxina, que fai referencia a algunhas páxinas do Informe 2007 do Panel Intergobernamental sobre o Cambio Climático (IPCC polas súas siglas en inglés), que se limita a enumerar varios escenarios da estabilización do clima. Os escenarios alternativos van desde un aumento de 2.0 a 2.4 graos de temperatura, até un de 4.9 a 6.1 graos. Isto incitou a un participante da sociedade civil a comentar que "A Folla de Ruta de Bali é un mapa para chegar a calquera lugar". Sería mellor deixar simplemente que EEUU se vaia, permitindo así que o resto do mundo forxe un acordo potente que conteña unha profunda obrigatoriedade de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro por parte dos países desenvolvidos? Coa expectativa de que un/a novo/a presidente/a de EEUU, cunha nova política en materia do cambio climático, estará en funcións a inicios de 2009, ese país tería que se sumar a un proceso que xa estaría progresando con metas fortes e obrigatorias. En cambio o que temos agora é que, sendo parte do consenso de Bali, os negociadores da administración Bush -segundo os escépticos-, poderán continuar coas súas tácticas obstrucionistas, diluíndo a acción global durante as negociacións de 2008. Ben nos poderiamos preguntar o que sucedería se Washington, permanecendo fiel ás súas inclinacións ideolóxicas, decidise marchar da sala, cando o delegado de Papua Nova Guinea destapou a reprimida frustración colectiva da conferencia, ao emitir o seu -agora histórico- desafío: "Pedimos e buscamos o seu liderado. Se vostedes non están dispostos a conducir, por favor quítense do medio". Como todo o mundo agora sabe, logo de consultas de última hora con Washington, o negociador norteamericano abrandou a posición de liña dura que o seu país mantivera respecto da emenda proposta pola India, que buscaba que a conferencia recoñeza a diversidade de capacidades dos países en vías de desenvolvemento para abordar o cambio climático, e dixo que Washington "procederá a unirse ao consenso". O obxectivo único de conseguir a participación de Washington traduciuse nos escasos acordos na reunión respecto de obrigas firmes, salvo polo prazo dado ao grupo de negociación, o "Grupo de Traballo Ad hoc sobre a Acción cooperativa a longo prazo baixo esta Convención," para que teña o seu traballo listo para a adopción na Conferencia de Partes en Copenhague en 2009 (COP 15). Moitos delegados tamén se sentían ambivalentes fronte aos arranxos institucionais acordados logo dunha semana de duras negociacións Norte-Sur. Creouse un Fondo de Adaptación, mais foi posto baixo administración da Facilidade Ambiental Global (GEF) do Banco Mundial -ente dominado por EEUU-. É máis, estímase que os fondos semente dos países desenvolvidos sumarán apenas entre $18.6 e USS37.2 millóns -montos que se estiman seriamente inadecuados para apoiar os esforzos de urxencia orientados a tratar os estragos que xa está causando o cambio climático nos pequenos estados insulares e noutros situados na "primeira liña" do cambio climático. Oxfam estima que será necesario un mínimo de US$ 50 mil millóns anuais para asistir a todos os países en vías de desenvolvemento a adaptarse ao cambio climático. Aprobouse, así mesmo, un "programa estratéxico" de desenvolvemento e transferencia de tecnoloxía, que tamén significou ceder posicións. Os países en vías de desenvolvemento defenderan inicialmente que o mecanismo sexa unha "facilidade" específica, pero finalmente tiveron que aceptar a caracterización esvaída da iniciativa como un "programa", debido á intransixencia estadounidense. É máis, o programa foi asignado ao GEF sen asignacións claras de financiamento, para unha empresa que se espera que vaia custar centenares de billóns de dólares. Adoptouse a iniciativa REDD (Redución de Emisións da Deforestación e Degradación), impulsada polo anfitrión Indonesia e varios outros países en desenvolvemento con grandes bosques en vías de rápida eliminación. A idea é conseguir que o mundo desenvolvido canalice diñeiro a estes países, vía mecanismos de axuda ou de mercado, para manter estes bosques como sumidoiros de carbón. Con todo, moitos activistas temen que as comunidades indíxenas sexan vitimizadas polos depredadores intereses privados, que se situarán para ser os principais recipientes dos fondos recadados. No entanto, moitos sentían que estes resultados, aínda que pobres e mixtos, eran mellor que nada. Se cadra a mellor indicación de se a conferencia tivo razón de dar un xiro de case 180 graos para acomodar a EEUU virá o próximo mes en Honolulu, durante a Reunión das Maiores Economías, unha conferencia impulsada por Wáshington que foi deseñada orixinalmente para subverter o proceso de Nacións Unidas. A pregunta na punta da lingua é: A administración de Bush regresará aos seus costumes e utilizará a conferencia para lanzar un proceso distinto, para facer descarrilar a Folla de Ruta de Bali?
|
||||
| As opinións vertidas nos artigos de opinión, enviados polos nosos colaboradores ou tiradas doutros meios, non teñen porque ser necesariamente compartidas pola CIG. | ||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 20/12/2007 |
||||
|