|
Actualidade CIG-Comunicación-
A petición da retirada baséase en que a proposta presentada pola Consellaría é aínda máis restritiva que a regulamentación actual, pois vincula a aprobación da implantación desta xornada a que sexa aprobada polo servizo de transporte e esixe os 3/5 dos votos favorábeis, computando nai e pai ou os dous titores legais. Ao non acceder a Consellaría a aceptar a proposta presentada pola CIG-Ensino, rompeuse a negociación, emprazándoa (á Consellaría) a que presente, para despois de Nadal, un novo documento. Do contrario, CIG-Ensino anuncia que actuará en consecuencia. Ademais, ante a proximidade das posturas, as organizacións sindicais acordaron manter unha reunión proximamente para acordar unha proposta conxunta baseada nos criterios antes recollidos. A CIG-Ensino, ademais da concentración levada a cabo o pasado 19 de decembro, está a desenvolver unha campaña de recollida de sinaturas esixindo criterios menos restritivos para a implantación da xornada única, entre outros os seguintes: • Que para proceder á modificación da xornada se requira a participación do 50% do censo e o voto afirmativo dos 2/3 dos participantes, entendendo un voto por unidade familiar. • Que a implantación da xornada única non estea condicionada polo transporte escolar, que se supriman as dobraxes do transporte, nin ao custe deste servizo e do comedor escolar. • Que a Administración educativa garanta a todos os centros os servizos complementarios e as actividades extraescolares, independentemente do tipo de xornada. A campaña está tendo grande acollida nos centros, pois a maioría deles xa lle enviaron á Consellaría o prego de sinaturas coas reivindicacións. A CIG-Ensino manifestou na Mesa que emprenderá mobilizacións en prol da negociación duns criterios que flexibilicen a implantación da xornada única, que é o que esta organización sindical e o conxunto do profesorado veñen demandando. Na mesma Mesa negociáronse tamén as condicións de traballo do profesorado itinerante (o que imparte clase en máis dun centro), chegando a un documento que recolle a maioría das propostas feitas pola CIG-Ensino (establecemento de reducións horarias en función dos quilómetros percorridos, pagamento desde o 1 de setembro de 2007 dos gastos de desprazamento, redución das itinerancias para as profesoras xestantes...). En consecuencia a CIG-Ensino está en disposición de asinar este acordo co que o profesorado afectado vería moi melloradas as súas condicións de traballo.
Por que a proposta da Consellaría é aínda máis restritiva? A proposta da Consellaría dificulta aínda máis a posibilidade de acollerse a xornada única pois até o de agora só se emitía un voto por unidade familiar, agora poderán ser dous votos, o do pai e o da nai ou, de ser o caso, dos dous titores legais. A modo de exemplo: nun centro de 156 alumnos e alumnas, antes eran necesarios 104 votos favorables (dous terzos), agora o censo multiplícase por dous (312) e os votos necesarios (tres quintos) serían 188 para implantar a xornada única. A proposta da Consellaría, aparentemente, reduce un pouco a porcentaxe de dous terzos de votos favorables do censo de familias que agora pasa a ser de tres quintos, é dicir, un 6% menos. Mais esta insignificante redución nin sequera é tal, xa que agora votaría pai e nai e, polo tanto, duplícase o censo. Todos e todas sabemos da dificultade que isto supón, fundamentalmente no medio rural e mariñeiro onde hai máis centros con xornada partida, pois se está a requerir unha participación mínima nun proceso en que non está garantido que poidan participar todos os pais e nais con dereito a voto. Por outro lado entendemos que cunha medida deste tipo, estase entrando en contradición co réxime legal de exercicio da patria potestade que recolle o artigo 156 do Código civil, de acordo co cal a patria potestade exércese conxuntamente polo pai e a nai. Extracto do documento presentado pola Consellaría de Educación “Requisitos As escolas de educación infantil, os centros de educación primaria, educación infantil e primaria e centros públicos integrados poderán tramitar a autorización da implantación da xornada lectiva en sesión única de mañá, sempre que o soliciten: a) O Consello Escolar, por maioría dos tres quintos dos seus compoñentes. b) O Claustro de profesores e profesoras, por maioría dos tres quintos dos seus integrantes. c) Se é o caso, informe favorable do Servizo de Transportes da Delegación Provincial, conforme ao previsto no epígrafe sétimo da presente orde. d) Acordo favorable dos tres quintos do total do censo dos pais e nais ou titores do alumnado. Para os efectos de establecer o total do censo computaranse a nai e máis o pai ou os dous titores. Sétimo.- Centros con transporte escolar. Despois das votacións do Consello Escolar e do Claustro de Profesorado e con carácter previo ás votacións das nais, pais e titores legais, as direccións dos centros con transporte escolar solicitarán ao Servizo de Transportes da Delegación Provincial da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria un informe referido á viabilidade ou non do horario proposto polo centro solicitante, en relación cos servizos complementarios de transporte e comedor, no modelo que se publica como anexo II á presente orde. O informe do Servizo de Transportes será favorable cando a modificación horaria proposta polo centro non supoña incremento de custo tanto a nivel de transporte como de comedor escolar. Se o informe emitido polo Servizo de Transportes é favorable o centro procederá a convocar e realizar as votacións das nais, pais e titores legais conforme ao previsto na presente orde. No suposto de que o informe fose desfavorable, o centro educativo procederá ao arquivo das actuacións”.
|
|||||||||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 22/12/2007 |
|||||||||||||
|