|
Actualidade CIG-Comunicación-
Mércores 19 de decembro, xoves 20 e venres 21 son as datas de tres concentracións dos funcionarios e funcionarias da Administración xeral do Estado contra a perda de poder adquisitivo, nunha convocatoria realizada pola Federación da Administración Pública da CIG. Os orzamentos do Estado recollen un incremento retributivo para os anos 2007 e 2008 dun 3% que, con carácter xeral, aplicarase a todo o persoal das distintas administracións públicas (estatal, autonómicas e locais). Así mesmo, permítese ás distintas administracións complementar estes incrementos cos acordos que en cada ámbito se pacten. No caso da Administración xeral do Estado, durante o mes de novembro de 2007 acadáronse acordos de incrementos retributivos complementarios, consistentes en: 1. Establecemento dun sistema de Carreira Profesional para o persoal da Axencia Estatal Tributaria. 2. Reparto dun 0,3% adicional, destinado a incrementar as retribucións complementarias de determinados colectivos. Segundo o rexistro de persoal, dependen da Administración xeral do Estado un total de 230.000 empregados/as, e o número de postos de traballo afectados polos incrementos retributivos selectivos alcanza un total de 40.000, polo que os salarios dos restantes 190.000 funcionarios/as (máis do 75% do persoal) quedan afectados unicamente polo incremento xeral (3%).
Isto sucede nun momento no que, segundo declaracións do ministro de Economía “os orzamentos para 2008 culminan a lexislatura cos mellores resultados económicos da democracia; o Estado rexistrou até outubro un superávit de 28.218 millóns de euros, o 2,68% do PIB”. A pesares das promesas feitas por Zapatero durante a campaña electoral ao respecto de recuperar o poder adquisitivo na función pública, os traballadores da Administración denuncian “como na actual lexislatura os incrementos retributivos incluídos nos orzamentos sitúanse un punto porcentual por baixo do alza do IPC”.
Neste contexto, os funcionarios/as da Administración xeral do Estado iniciaron un proceso de mobilizacións, que comezaron con concentracións diante da Delegación e Subdelegacións do Goberno na terceira semana de decembro. O lema destas mobilizacións foi “Acordos pata todos/as”, co que “pretendemos demandar o establecemento dun sistema de carreira administrativa para todo o persoal da Administración xeral do Estado, a extensión dos acordos de reparto de fondos adicionais a todo este persoal e o establecemento de medidas que compensen a perda de poder adquisitivo”. |
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 21/12/2007 |
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||