|
Actualidade / Artigo O paraíso fiscal español Carolina do Olmo-
Que está facendo, en troca, o goberno español en materia fiscal? En termos xerais, baixar os impostos ou mesmo suprimilos, como ocorre co de patrimonio. O argumento principal que esgrimen os partidarios de suprimir o imposto de patrimonio (IP) é que hai xa tempo que quedou desfasado, e que non grava as rendas máis altas, senón as medias e, en particular, o principal activo das familias españolas: a casa. Con todo, os datos amosan que en 2005 só declararon patrimonio un total de 920.000 cidadáns, e que o 70% do recadado procede de bens distintos da vivenda (contas bancarias, accións, plans de pensións, fondos de investimento...). Doutra banda, que un imposto quedase desfasado non parece razón para defender a súa eliminación, senón para emprender a súa reforma e actualización. Os adversarios do IP sosteñen tamén que apenas grava os ricos máis ricos, que adoitan xestionar as súas fortunas e ingresos a través de sociedades, como a coñecida Famaztella, da familia Aznar-Botella. De novo, o razoamento non ten por que conducir á supresión do IP, senón cara a unha reforma fiscal en profundidade. Durante anos, os gobernos do PSOE e do PP asistiron impasíbeis ás constantes innovacións en enxeñaría fiscal. Non se trata só de falta de inspeccións ou da vergoñenta debilidade da loita contra a fraude e o branqueo de diñeiro. As distintas administracións negáronse de forma sistemática a reformar os impostos para que graven o que deben gravar, devolvéndolles a súa función redistributiva orixinal. Un exemplo sangrante é o das Sociedades de Investimento de Capital Variable (Sicav), que as rendas máis altas empregan para xestionar as súas fortunas. As Sicav preséntanse como institucións de investimento colectivo para, así, cotizar só o 1% dos seus beneficios, en lugar do 30% do Imposto de Sociedades. As empresas españolas levan anos acumulando cifras marca de beneficio e repartindo inxentes dividendos, mentres os soldos dos seus principais executivos crecen de media un 33%, sen que ese incremento pareza repercutir na facenda pública. Como lemdraba recentemente Daniel Raventós, se nos tivésemos que fiar das declaracións da renda, un catedrático de universidade catalán que cobra un soldo bruto anual de 47.500 euros atoparíase entre o 5% máis rico de Catalunya. Pero o máis grave é que a distancia entre ricos e pobres se incrementou nos últimos cinco anos sen que a estrutura impositiva faga nada por remediar esa crecente polarización. España presenta unha das taxas de desigualdade máis altas da UE-15, así como un das porcentaxes máis altas de risco de pobreza logo das transferencias sociais. Os datos son teimudos: o peso dos salarios no total da riqueza nacional reduciuse 3 puntos entre 2000 e 2006, alcanzando o seu mínimo histórico: un 46,6% do PIB. É dicir, a pesar de que o número de asalariados crece cada ano, a parte da riqueza nacional que corresponde aos soldos diminúe de forma radical -3 puntos nun indicador deste tipo, que tende a permanecer estábel, é unha cantidade moi significativa-, mentres se incrementa a parte da riqueza que corresponde a beneficios empresariais, rendementos mobiliarios e inmobiliarios, ganancias patrimoniais, etc. Con todo, do total de impostos directos recadados en 2005, a meirande parte non procede das empresas, senón da renda sobre as persoas físicas, que supón un 61,3% do total. E se deste total excluímos dividendos, xuros bancarios, fondos de investimento, capital inmobiliario, ganancias patrimoniais e demais, descubrimos que o 90,15% do recadado procede dos salarios. É dicir, que aínda que os traballadores quedan cunha parte cada vez menor do pastel, seguen sendo os que máis achegan, e con moitísima diferenza, ás arcas públicas. En definitiva, non é só o IP o que está desfasado. Toda a estrutura fiscal fai augas. Nesta paisaxe de crecente desigualdade, o goberno presentou o pasado ano unha reforma fiscal que, aínda que beneficia nalgúns aspectos ás rendas máis baixas, tamén diminúe o imposto de sociedades do 35% ao 30%, reduce o tipo máximo do IRPF do 45% ao 43% e fixa un tipo único para ganancias non salariais -é dicir, dividendos, xuros e plusvalías- no 18%, bastante por baixo do 24% que constitúe o tipo mínimo para as rendas do traballo, e ao que se espera que tributen máis da metade dos contribuíntes. Agora, ademais da supresión do IP, o goberno anuncia unha nova rebaixa fiscal para 2008 de 2.300 millóns que, segundo din, beneficiará ás rendas máis baixas. Pero a cifra agocha unha trampa: deses 2.300 millóns, 1.000 están dedicados a financiar o chamado cheque bebé (unha axuda regresiva, é dicir, independente da renda, que beneficia por igual a Ana Patricia Botín e á súa asistenta); outros 950 millóns será o que o Estado deixe de ingresar por elevar un 2% os mínimos persoais e familiares, así como a dedución por traballo, para axustalos á inflación prevista. Os 350 millóns restantes son para a nova dedución por alugueiro de vivenda para o inquilino con rendas baixas, unha bagatela cando se compara coa cantidade que anualmente se devolve en concepto de deducións por merca de vivenda (estimada en 4.000 millóns de euros para 2007), outro sistema enormemente regresivo, xa que beneficia a todo o que pode acceder a unha vivenda en propiedade, con independencia dos seus ingresos ou rendas. En definitiva, aínda que o discurso público do goberno español insista en que os seus orzamentos parten do consenso socialdemócrata favorábel á redistribución da riqueza a través do sistema fiscal, o certo é que o á liberal do PSOE, dominante en materia económica, impuxo a ortodoxia neoliberal que sostén que os recortes de impostos dinamizan a economía e acaban tendo un efecto positivo na recadación e na riqueza xeral da poboación. Un auténtico dogma de fe que causou xa inconmensurábeis danos por todo o mundo, e que se mantén abraiantemente inmune á teima coa que os datos económicos o desmenten unha e outra vez.
|
||||
| As opinións vertidas nos artigos de opinión, enviados polos nosos colaboradores ou tiradas doutros meios, non teñen porque ser necesariamente compartidas pola CIG. | ||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 21/12/2007 |
||||
|