ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 17 de decembro de 2007

Adiantan que impedirán o paso das máquinas á mina cando comecen as obras do tren nos terreos do xacemento
Se non se cambia o trazado do TAV, os traballadores de Serrabal e Ferroatlántica endurecerán as mobilizacións

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Os representantes da CIG e UGT e os presidentes dos Comités de Empresa de Ramsa e Ferroatlántica; clic para aumentar
Suso Seixo (segundo pola dereita) adiantou a decisión acordada polos traballadores e os sindicatos de iniciar mobilizacións máis contundentes. Unhas mobilizacións que se estenderán tamén á campaña electoral. Ademais, os traballadores de Serrabal anunciaron que, se o ADIF finalmente intenta iniciar as obras do TAV impediran o paso das máquinas ao xacemento. (Foto: ©galizacig.com 14/12/2007).
 
Os representantes da CIG e UGT e os presidentes dos Comités de Empresa de Ramsa e Ferroatlántica en Sabón, Cee e Dumbría anunciaron, en rolda de prensa, que non lles queda máis opción que endurecer as mobilizacións, realizándoas mesmo na campaña electoral, en resposta á pasividade amosada polo Goberno galego no conflito. Os traballadores da mina de Serrabal afirman, ademais, que non permitirán que as máquinas comecen as obras do trazado do TAV ao seu paso polos terreos afectados da mina.

O próximo día 7 de xaneiro remata a concesión para a explotación da mina de Serrabal. A prórroga á empresa de Villar Mir, Ramsa, parece incuestionábel, co que o empresario poderá continuar coa actividade. Para os traballadores a situación é ben distinta.

Na última xuntanza celebrada con representantes da Administración, de RAMSA, dos traballadores e da CIG e da UGT, a empresa anunciaba que a continuidade da explotación e dos postos de traballo dependería do tipo de actividade mineira que se puidera realizar.

No suposto de poder continuar coa minería interior (ou sexa subterránea), a carga de traballo está garantida. Porén, se só se pode manter a explotación a ceo aberto, transcorridos 14 anos, Serrabal non podería seguir enviando mineral a Cee e Sabón, co que estarían en perigo, ademais dos postos de traballo directos, os desas dúas factorías.

A explotación a ceo aberto ou interior depende do trazado definitivo do Tren de Alta Velocidade. Se este se mantén tal e como está previsto, o principal filón de silicio solar quedará soterrado e a explotación subterránea será imposíbel.

O Ministerio de Fomento e o ADIF reiteran, malia as afirmacións da empresa, que a explotación se seguirá mantendo e, con ela, o cadro de persoal. Para xustificar estas previsións recorren aos resultados dun estudo realizado pola Universidade de Oviedo, segundo o que o trazado actual do TAV non afectaría á explotación. Un estudo que, tal e como explicaba na rolda de prensa o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, nunca chegou a mans dos traballadores a pesar de levalo solicitando desde o momento en que se mencionou a súa existencia.

Coa negativa de Fomento a realizar calquera posíbel modificación no trazado, aos traballadores só lles queda unha alternativa: que tanto o Parlamento como o Goberno galego se posicionen para garantir a viabilidade da mina e dos postos de traballo, apoiando ademais o desenvolvemento dunha industria punteira –a solar fotovoltaica- para mellorar, así, a competitividade de Galiza e mesmo para favorecer a creación de novos postos de traballo nun sector en alza.

Suso Seixo denuncia que, lonxe de apoiar as demandas dos traballadores, “o Goberno galego non lle dá importancia e mira para outro lado”. De feito, nin o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, para quen Serrabal é unha “dor de cabeza”, nin a conselleira de Política Territorial, María José Caride, semellan dispostos a apoiar a esixencia dun cambio de trazado, e repiten a mensaxe oficial emitida desde o Ministerio.

Pero tampouco parece interesado en defender esas demandas o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, a quen, segundo Seixo, se lle solicitou unha entrevista hai meses sen obter a día de hoxe resposta algunha. “Isto denota o desprezo de determinados cargos do Goberno galego polos problemas dos traballadores”, afirmaba o secretario xeral da CIG.

Por iso o propio Seixo adiantou a decisión acordada polos traballadores e os sindicatos de iniciar mobilizacións máis contundentes. Unhas mobilizacións que se estenderán tamén á campaña electoral e que, de seguro, deslucirán o deseño de márketing americano, con globiños e todo, ao que as forzas políticas galegas teñen acostumado ao electorado nos últimos tempos.

Ademais, os traballadores de Serrabal anunciaron que, se o ADIF finalmente intenta iniciar as obras do TAV nos terreos que quere expropiar na mina, impediran o paso das máquinas ao xacemento.



Comunicado dos traballadores da Mina de Serrabal e das factorías de Ferroatlantica en Cee e Dumbría

De non variarse, perigan investimentos multimillonarios en proxectos solares e no emprego presente e futuro
Os traballadores afectados insisten no cambio de trazado do Tren de Alta Velocidade ao paso pola Mina de Serrabal


Compostela, 14 de decembro de 2007.

Os Comités de Empresa de Ferroatlántica, Ramsa e as Centrais Sindicais CIG e UGT insisten en que a mellor situación ao conflito de Serrabal é, sen dúbida, variar o trazado ao seu paso pola mina.

Segundo os informes elaborados pola Cátedra e Laboratorio de Metalurxia da escola de Minas, e pola Cátedra de Prospección e Investigación Mineira do Departamento de Explotación e Prospección Mineira, ambas pertencentes á Universidade de Oviedo, ponse de manifesto, por unha banda, o “alto interese tecnolóxico do material de mina de Serrabal que Ferroatlántica denomina cuarzo solar para o desenvolvemento dunha importante industria de fabricación de materia prima para as obleas fotovoltaicas” e por outra que “os distintos tipos de cuarzo estudados ao longo da mina non son irmáns xemelgos, senón de moi diferente idade, e polo tanto,que a composición xeolóxica da mina non é un todo un, senón que existen diferentes calidades, en canto á súa composición química”.

Estes informes contrapóñense claramente aos manexados, tamén da Universidade de Oviedo, polas diferentes administracións, tanto estatal como autonómica, onde non se reflicten as diferentes calidades tan necesarias para a obtención de produtos con alto valor engadido, entre eles, o Silicio Solar Fotovoltaico. Os devanditos informes veñen unha vez máis a corroborar as teses dos traballadores, que desde un principio, sempre dixeron que o problema da afección non era de cantidades, senón de calidades do cuarzo.

Así mesmo, hai que engadir que precisamente porque a mina de Serrabal é especial en canto ás súas calidades, para a obtención de Silicio Solar, está a aparecer empresarios galegos e do exterior, que oficialmente xa anunciaron grandes investimentos dirixidos á fabricación, nunha segunda fase, de obleas necesarias para os paneis solares. Por pór un exemplo, o anuncio do Grupo Campo (compañía de Epifanio Campo) de investimentos para a creación dunha empresa de crecemento e corte de silicio previa á colocación de células nas placas solares; o que suporía pechar o ciclo solar en Galiza. Isto implicaría un investimento de aproximadamente 60 millóns de euros e a creación de preto de 500 postos de traballo, na zona de Laracha (A Coruña), onde o empresario conta cos terreos necesarios.

Por outra banda, tamén existen empresas de capital estranxeiro interesadas en formalizar relacións comerciais co Grupo Ferroatlántica ante a inminente obtención do Silicio Solar Fotovoltaico de xeito industrial. Todos estes investimentos pasan por poder explotar o filón que o paso do ABE pretende soterrar. Neste sentido, o Grupo Ferroatlántica anunciou ante as Consellarías de Industria e Traballo, o abandono do proxecto de Silicio Solar en Galiza, trasladándose o mesmo, presumibelmente a Sudáfrica ou Francia,, desbotándose deste xeito, un investimento inicial de 50 millóns de euros e a creación de 100 postos de traballo a maiores dos xa existentes.

A preocupación dos representantes dos traballadores radica en que se non se fan estes investimentos, as fábricas veranse abocadas a competir con produtos de baixo valor engadido e exportar aos avatares do mercado; tal e como así manifestou o seu Director Xeral ante as devanditas Consellarías.

Esta preocupación foi transmitida ao longo desta semana aos tres grupos parlamentarios con representación na Cámara, entregándolles a estes os informes anteriormente mencionados e concluíndo que a mellor solución para o conflito é, sen dúbida, o cambio de trazado do AVE, entendendo que o posíbel atraso non pode seguir sendo desculpa, xa que desde a chegada do bipartito ao goberno, os traballadores non deixaron de amosas a súa preocupación nas múltiples reunións coas consellarías implicadas; e desde aquela xa pasaron máis de 18 meses. Tamén se lles trasladou aos grupos parlamentares a necesidade de dar saída urxente á Iniciativa Parlamentaria, aprobada por unanimidade o 27 de xuño de 2007 así como facer as xestións necesarias ante o Ministerio de Fomento, para que paralicen a entrega das actas de expropiación en tanto o Parlamento de Galiza non resolva en todos os sets termos a devandita Iniciativa.

Neste sentido entendemos tamén que as repetidas declaracións do Presidente da Xunta en nada contribúen a solucionar o problema xa que sen ter o Parlamento resolta a Iniciativa, afirma de xeito tallante que o trazado non se vai variar, máxime cando aínda, e logo dun ano, estamos agardando que cumpra as promesas e compromisos adquiridos cos traballadores, na única reunión mantida por ambas as partes.

Esta preocupación agravouse máis, se cabe, logo das declaracións da Directora Xeral de Transportes da Consellaría de Política Territorial o pasado mércores na Comisión Parlamentaria de Obras Públicas, onde manifestou, ao noso entender, cun enorme descoñecemento, que a “afección é mínima e sen repercusión para os traballadores”.

 
 
Informacións relacionadas
28/11/2007 Concentráronse unha vez máis diante da Casa Consistorial de Vedra
Traballadores de Serrabal frustran de novo a sinatura da expropiación da mina
26/10/2007 A folga foi seguida masivamente nas distintas plantas
Os traballadores de Serrabal e Ferroatlántica colapsan Compostela demandando garantía dos postos de traballo
24/10/2007 Celebrarán unha manifestación con saída ás 11:00 horas da estación de tren de Compostela
Folga en Serrabal e Ferroatlántica o próximo xoves, día 25 de outubro
12/10/2007 Colgaron unha nota informativa na entrada do Centro Sociocultural de Sergude
O ADIF anula os actos de sinatura das actas de expropiación de terreos para construír o trazado do TAV
10/10/2007 Os operarios concentraranse o 10 e 11 de outubro diante do Centro Sociocultural de Sergude, en Boqueixón
Impiden novamente a entrega das actas de expropiación dos terreos da mina de Serrabal
06/10/2007 Trescentos operarios esixen a paralización das expropiacións ante a Delegación do Goberno español
Os traballadores de Serrabal e Ferroatlántica irán a folga o 25 de outubro
03/10/2007 Denuncian que o ADIF pretende expropiar máis terreo do previsto inicialmente
Os traballadores impiden a entrega das actas de expropiación de terreos da mina de Serrabal
27/07/2007 Recibiron á presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, á entrada da Catedral
Os traballadores de Serrabal reivindican no Día da Patria o cambio de trazado do Tren de Alta Velocidade
24/07/2007 Os comités de empresa, CIG e UGT denuncian que ADIF rise deles e do Parlamento
Os postos de traballo presentes e futuros de Ferroatlántica e Serrabal non están garantidos
13/07/2007 Camiñaron desde Redondela até Vigo para visbilizar a súa protesta
Zapatero non recolle o informe preparado polos traballadores de Serrabal e Ferroatlántica
11/07/2007 O xoves 12 de xullo desde Redondela
Os Comités de Empresa de Serrabal e Ferroatlántica irán a pé até Vigo en demanda dunha xuntanza con Zapatero
29/06/2007 Aproban por unanimidade a iniciativa para saber cal é a afectación real do trazado do TAV sobre a mina de Serrabal e o emprego
O Parlamento apoia a celebración dunha xuntanza entre Administración, Grupo Villar Mir e organizacións sindicais
26/06/2007 Queren saber a afectación real da mina, senón pararán os tres centros de traballo
Os traballadores de Serrabal e Ferroatlántica exixen unha xuntanza con Industria, Traballo e Villar Mir
21/06/2007 A reunión entre sindicatos, traballadores, ADIF, técnicos e Xunta remata sen acordo
Sen avances no conflito de Serrabal
06/06/2007 Os traballadores afectados polo trazado do tren de alta velocidade desconvocan temporalmente as medidas de presión
ADIF comprométese a presentar nunha semana un novo informe sobre o impacto do AVE na mina de Serrabal
05/06/2007 Anuncian accións sorpresa para presionar á Administración galega e a Fomento
Os traballadores de Serrabal exixen o posicionamento da Xunta sobre o trazado do TAV “sen ambigüidades”
28/04/2007 Comprometeuse a respostar en 15-20 días e se non é así adoptaranse medidas
Touriño acepta estudar o cambio de trazado do TAV ao seu paso por Serrabal
24/04/2007 Arredor de 2.000 persoas participaron na manifestación celebrada en Compostela
Demandan o cambio de trazado do TAV para garantir os postos de traballo de Serrabal e Ferroatlántica
14/04/2007 Demandan o cambio de trazado do TAV para garantir os postos de traballo
Os Comités de Ramsa e Ferroatlántica en Cee e Sabón convocan unha manifestación para o sábado 21
21/03/2007 Desde o 2003 piden á Administración un cambio de trazado do TAV que posibilite a explotación e garanta os postos de traballo
O conselleiro de Industria, Fernando Blanco, apoia ás demandas dos traballadores da mina de Serrabal
15/03/2007 Os conselleiros de Industria e Traballo confirman que recibirán aos comités de Empresa
Traballadores de Ferroatlática cortan o tráfico diante da Xunta en demanda dun cambio de trazado
25/11/2006 Demandan un trazado alternativo do Tren de Alta Velocidade
Os traballadores da Mina de Serrabal cortan o tráfico na estrada entre Santiago e Ourense
06/10/2006 Os traballadores da mina do Serrabal paralizan as obras do TAV en demanda dun cambio do trazado
18/08/2006 CIG-Metal manifesta a súa oposición ao trazado do TAV ao seu paso por Vedra e Boqueixón
09/08/2006 Para garantir a viabilidade da explotación mineira e o mantemento da totalidade dos postos de traballo
Os traballadores da mina de Serrabal seguen a mobilizarse por unha modificación do trazado do TAV
29/07/2006 Critica que se centre o problema nos cartos ao empresario e non nos postos de traballo
CIG-Químicas cuestiona a indemnización de 325 millóns a Villar Mir polo peche da mina de Serrabal
14/07/2006 Demandan un cambio de trazado do AVE para que se manteñan os postos de traballo
Os traballadores de Ramsa e Ferroatlántica en Sabón e Cee concéntranse en San Caetano
07/04/2006 Os traballadores de RAMSA preocupados polas informacións publicadas a respecto do trazado do AVE
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/12/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta