|
Actualidade CIG-Comunicación-
A distribución e promoción realizouna a Federación Galega de Asociacións de Emigrantes Retornados coa colaboración da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galiza. “Galegos en Bizkaia / Galizaiarrak Bizkaian”, en edición bilingüe en galego e éuscaro, contén unha recompilación de cartas entre dous grandes amigos e poetas como Manuel María e Gabriel Aresti, e recolle tamén poemas inéditos dirixidos ás e os traballadores galegos e vascos. Xurxo Martínez Crespo explica que, nesta obra, ambos autores abordan “unha preocupación compartida, como eran as malas relacións entre a poboación inmigrada galega e a poboación vasca en Bizkaia na década dos 60”. O libro é “unha xoia literaria tanto polo seu contido inédito como polo nivel dos seus autores, Manuel María e Gabriel Aresti, que asumen o compromiso de axudar ao reencontro e comprensión mutua das e dos traballadores galegos e vascos”. A presentación do libro, mediante un sinxelo e emotivo acto, contou coa participación da familia de Gabriel Aresti e de diversas persoas que participaron e fixeron posíbel o proxecto como a secretaria confederal de Afiliación, Servizos e Migración da CIG, Elvira Patiño, ademais dun representante da Federación Galega de Asociacións de Emigrantes Retornados.
Raúl Río, sindicalista, galego inmigrado fai anos en Bizkaia e grande amigo de Manuel María, puxo a disposición deste proxecto as cartas e poemas publicados, que coñeceu por ser responsábel da Secretaría de Cultura nos anos oitenta da Casa de Galicia en Santurtzi (Bizkaia). A súa grande amizade con Manuel María fixo posíbel que na presentación compartise cos asistentes detalles da orixe e demais anécdotas do poeta. Pola súa banda, Xurxo Martínez Crespo, integrante do Departamento de Migración da CIG en A Coruña, realizou no libro e na presentación un estudo sobre Gabriel Aresti dedicado ao público lector galego. O escrito parte da defensa da mítica “Casa do pai” (Nire aitaren etxea) como a defensa da identidade e desenvolve unha liña paralela na que Gabriel Aresti nace, se desenvolve e morre prematuramente, aprendendo e defendendo a lingua e cultura vascas, prohibidas e aldraxadas por séculos de prepotencia e incomprensión. Xurxo Martínez Crespo fixo, asemade, fincapé no labor de difusión da cultura galega por parte do poeta Gabriel Aresti. Así, a primeira tradución ao español do “Catecismo do labrego” débese a Aresti, que tamén realizou as traducións ao éuscaro dos poemas galegos de Federico García Lorca, de “Nós” de Castelao, da obra de Valentín Paz-Andrade “Pranto matricial” e tamén colaborou con Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane no traballo “Homenaxe ao Che / Lauda Txe-ari”. Gabriel Aresti, namorado da obra de Curros e colaborador habitual do Centro Galego de Barakaldo, morreu prematuramente en 1975, aos 42 anos. Como membro da Academia da Lingua Vasca, “Euskaltzaindia”, impulsou decididamente a normativización do éuscaro no que se chama hoxe o “euskara batua”, unificado ou normativo. Previamente á presentación de “Galegos en Bizkaia / Galiziarrak Bizkaian” na Feira do libro e disco vasco de Durango, houbo unha reunión da comunidade galega en Bizkaia con Raúl Río, Xurxo Martínez Crespo, Elvira Patiño, Meli Esteban, viúva de Aresti, a súa filla, Andere Aresti, no Centro Galego de Barakaldo, o segundo máis antigo do mundo da Diáspora galega. |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 18/12/2007 |
||||
|