|
Actualidade CIG-Comunicación-
Pastoriza nin foi identificado, nin moito menos detido, o día no que supostamente se produciron os feitos. A acusación e a Fiscalía pretenden incriminar o responsábel do Transporte da CIG porque alguén afirmou que vira o seu vehículo nas proximidades do lugar onde estaba estacionado o autobús, no polígono de Bértoa, en Carballo. A Pastoriza impútanlle a comisión de dous delitos: de danos e contra a liberdade dos traballadores. Resulta absurdo que lle atribúan este último, pois a Empresa Monforte non se atopaba en folga. Por tanto, é ridículo forzar un traballador dunha compañía a secundar un paro laboral que non lle afecta. A CIG entende este proceso xudicial como un intento máis do Grupo Monbús, ao que pertence a Empresa Monforte, de amedrentar os sindicalistas da central nacionalista. Trátase pois dunha nova represalia contra a CIG de Raúl López, propietario do Grupo Monbús, pois na altura na que se produciron os feitos que lle imputan a Pastoriza estaba en folga Transportes La Unión, unha das compañías que conforman o Grupo. Raúl López e Juan Gómez Piña, outro directivo de Monbús, son ben coñecidos no sector do Transporte polo seu comportamento antisindical. Ambos están procesados por coaccionar os traballadores de Luber, unha empresa filial, nunha causa que actualmente está levando o Xulgado de Instrución número 2 de A Coruña. A CIG amosa o seu apoio total a Xesús Pastoriza e enmarca este xuízo dentro da campaña de persecución que sofren habitualmente os seus membros polo desempeño da súa actividade sindical, que sempre está, inequivocamente, ao servizo da clase traballadora. A vista contra Xesús Pastoriza celebrarase o xoves 20 de decembro, ás 10:00 horas, no Xulgado do Penal número 5 de A Coruña. |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 19/12/2007 |
||||
|