ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 20 de decembro de 2007

Os delegados sindicais de CIG, CCOO e UGT anuncian que adoptarán medidas
Tragsega prescinde de 75 traballadores para a campaña de saneamento gandeiro de 2008

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Asemblea dos traballadores/as de Tragsega; clic para aumentar
O pasado 30 de setembro 75 veterinarios e administrativos deixaron de prestar servizos en Tragsega Galicia e non volverán a ser contratados ata maio de 2008 para así evitar que sexan indefinidos, ao transcorrer un intervalo maior a 6 meses sen traballar na empresa. (Foto: Asemblea dos traballadores/as de Tragsega. ©galizacig.com).
 
Os representantes sindicais da CIG, CCOO e UGT veñen de denunciar que a empresa pública Tragsega en Galicia, pertencente ao Grupo TRAGSA, prescinde de 75 traballadores (veterinarios e administrativos) para efectuar as campañas de saneamento gandeiro do ano 2008.

Con esta decisión adoptada pola empresa, consideran que se está a incumprir o RD Lei 5/2006 e a lei 43/2006 que obriga a facer indefinido ao persoal que leva traballando dende xaneiro de 2006, porque en xuño de 2008 cumpriría dous o máis contratos encadeados cunha duración de 24 meses nun intervalo de 30 meses.

Edu Ramos, delegada de persoal da CIG, explica que o pasado 30 de setembro estes veterinarios deixaron de prestar servizos na empresa e non volverán a ser contratados ata maio de 2008 para así evitar que sexan indefinidos, ao transcorrer un intervalo maior a 6 meses sen traballar na empresa.

“Estes compañeiros levan traballando unha media de 5 anos nas campañas de saneamento, aparte dos administrativos que levan entre 10 e 12 anos”, sinala.

Tragsega pertence ao Grupo Empresarial Público Tragsa, que obtivo neste ano uns beneficios netos de 52 millóns de euros, é a empresa máis rentable da SEPI. Aínda así non vai contratar a este colectivo de traballadores a principios de 2008, como viña facendo de forma ininterrumpida dende o ano 2002.

Diante desta situación, a totalidade de delegados sindicais de CCOO, CIG e UGT manifestan enérxicamente “a nosa repulsa e indignación pola actuación de TRAGSEGA, empresa estatal de capital público que, como tal empresa pública, debería de dar exemplo en materia de contratación de persoal, loita contra a precariedade laboral, estabilidade no emprego e cumprimento da lexislación vixente, seguindo así as directrices marcadas dende o Ministerio de Traballo”.

Os catro Comités Provincias de Empresa de Tragsega Galicia anuncian que se reservan o dereito de tomar cantas medidas consideren oportunas “na salvagarda dos nosos dereitos laborais, entre os cales se inclúen a posibilidade de futuros paros e mobilizacións”.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 20/12/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta