Actualidade / EntrevistaVolver a Actualidade


Vigo, 21 de decembro de 2007

Clodomiro Montero, secretario nacional de CIG Banca
“A CIG é un referente no Telemárketing como demostra a folga do día 21”

 

Zélia García-

zelia@galizacig.net


  Clodomiro Montero; clic para aumentar
Clodomiro Montero: “O de Telemárketing é un sector difícil no que a CIG chegou tarde. Cando desde a Federación nos fixemos cargo do Telemárketing había 120 delegados/as elixidos na Galiza e ningún era da CIG. Pero en dous anos a CIG ten constituídas seccións sindicais nas maiores empresas de Galiza, a afiliación medra mes a mes e temos detrás noso loitas importantes polo mantemento do emprego e contra a deslocalización. En dous anos a CIG é un referente no sector como demostra a folga que vimos de convocar para o día 21”. (Foto: ©galizacig.com).
 
Continuamos coas entrevistas aos secretarios nacionais das federacións da CIG, e desta volta falamos con Clodomiro Montero, secretario nacional da Federación de Banca da CIG, de máxima actualidade pola folga no sector de Telemárketing que a CIG convocou para este venres 21 de decembro.

Clodomiro Montero, traballador de Caixa Galicia e secretario nacional da Federación de Banca da CIG, fala nesta entrevista da actualidade da Federación realizando un percorrido polo conflito de Telemárketing, a situación en bancos e caixas, e mesmo avalía o último período postcongresual da Federación desde que fora reelixido secretario nacional.


Zélia García: Fálase moito da crise financeira, pode incidir en Galiza?

Clodomiro Montero: Esta crise é froito da especulación feroz dos mercados financeiros. Para entendernos os bancos cada vez que daban un crédito titulizaban esa débeda e negociaban con ela nun mercado semellante á bolsa. Deste xeito conseguían liquidez e volvían a prestar indefinidamente o mesmo diñeiro. Coa crise das hipotecas en USA estoupa o sistema, ninguén quere os “títulos de préstamos” e non hai liquidez.

Os bancos centrais acaban de aprobar inxectar diñeiro ao sistema para evitar a quebra xeneralizada do sistema financeiro, os estados interveñen na economía co beneplácito dos neoliberais! Os bancos prestaron máis do que podían e a receita é darlles diñeiro para que siga prestando. No capitalismo se a máquina se para, rebenta.

Galiza sufrirá as consecuencias desta crise. Tradicionalmente as entidades galegas captaban recursos aquí e prestábanllo a outras entidades, nun momento dan o salto e deciden expandirse fora de Galiza evitar intermediarios, colocando directamente os préstamos. Pero houbo un exceso de euforia.

A expansión das entidades galegas estivo asociada ao bóom inmobiliario nas costas do Mediterráneo e houbo moita alegría concedendo préstamos. Ante a falta de liquidez nos mercados financeiros as entidades galegas tiveron que restrinxir a financiación a empresas e particulares o que debilitará a economía galega. As finanzas son a vitamina “F” en calquera economía.

Algunhas entidades galegas actuaron irresponsablemente e as consecuencias verémolas ao longo do 2008. En todo caso para a CIG a Consellería de Economía é corresponsábel desta situación.

  Clodomiro Montero; clic para aumentar
Clodomiro Montero: “As catro maiores empresas de Telemárketing que operan en Galiza teñen Planos de deslocalización cara América Latina. Falamos de 3.700 postos de traballo directos afectados. Non podemos agardar a que os despedimentos estean por riba da mesa para mobilizarnos, temos que dar a batalla antes de que as empresas teñan montada toda a infraestrutura alá, porque entón sería tarde”. (Foto: ©galizacig.com).
 
Zélia García: Como é a situación da CIG no sector de Telemárketing?

Clodomiro Montero: O Telemárketing é un sector emerxente, as grandes empresas terciarizaron os servizos de atención aos clientes a través de subcontratas de Telemárketing. Como en calquera sector terciarizado temos unhas taxas de temporalidade moi altas (o Convenio estatal contempla que un 70% do persoal ten contrato temporal e considérase o contrato por obra como un contrato estable), os salarios son moi baixos e abondan os contratos a tempo parcial.

Agora estamos nunha segunda fase na que as empresas principais están deslocalizando a países de América Latina a procura de man de obra máis barata e semiescrava. E cando nun país de América Latina os traballadores e traballadoras se organizan en sindicatos as empresas de Telemárketing marchan a outros países. Agora apostan por países con sistemas políticos represivos e antisindicais como é o caso de Colombia.

O sector de Telemárketing é polo tanto un sector difícil no que a CIG chegou tarde. Cando desde a Federación nos fixemos cargo do Telemárketing había 120 delegados/as elixidos na Galiza e ningún era da CIG. Pero en dous anos a CIG ten constituídas seccións sindicais nas maiores empresas de Galiza, a afiliación medra mes a mes e temos detrás noso loitas importantes polo mantemento do emprego e contra a deslocalización. En dous anos a CIG é un referente no sector como demostra a folga que vimos de convocar para o día 21.

Zélia García: Cales son as razóns para esta folga?

Clodomiro Montero: CCOO e UGT veñen de asinar o Convenio estatal do sector, un Convenio que nos rexeitamos xa que amplía os contratos eventuais, os salario só suben 2 euros ao mes por riba do IPC e non hai compromiso de mantemento dos postos de traballo cando existe a ameaza da deslocalización.

As catro maiores empresas de Telemárketing que operan en Galiza teñen Planos de deslocalización cara América Latina. Falamos de 3.700 postos de traballo directos afectados. Non podemos agardar a que os despedimentos estean por riba da mesa para mobilizarnos, temos que dar a batalla antes de que as empresas teñan montada toda a infraestrutura alá, porque entón sería tarde.

Queremos que a Administración galega se implique no mantemento do Telemárketing, que utilice as competencias que ten para tratar de manter os postos de traballo. Entre outras cuestións solicitamos que se cree unha Axencia Galega de Protección de Dados para que as grandes empresas non podan traficar cos dados dos seus clientes por todo o mundo sen control. E solicitamos que se obrigue ás empresas a establecer a opción do galego nos servizos de atención telefónica. O noso idioma ten un valor engadido na loita contra a deslocalización no sector de Telemárketing.


  Non á persecución, a presión e o acoso en Caixa Galicia; clic para aumentar
Clodomiro Montero: “Hai un fenómeno que para nós é gravísimo que é a extensión ilegal da xornada laboral. Son horas extra que non se pagan nin se cotizan na Seguridade Social. Nestes momentos a media está en torno a dúas horas e media ou tres horas diarias por persoa. Ese é o maior problema do sector: a sobrecarga de traballo, a extensión ilegal da xornada e a presión á que está sometida o cadro de persoal para que cumpra os obxectivos comerciais que impón a dirección”. (Foto: ©galizacig.com).
 
A desgaleguización das caixas

Zélia García: Cal é a situación das Caixas de Aforro?

Clodomiro Montero: Un país non pode ser soberano económica sen un sistema financeiro propio. Galiza está perdendo os instrumentos para ter unha política financeira propia. Grupos de interese están usurpando as Caixas de Aforros á sociedade galega que é a súa autentica propietaria e temos que dicir que esta apropiación indebida faise coa complicidade do bipartito.

Coa expansión das Caixas Galegas fóra de Galiza os concellos galegos, os clientes galegos e o cadro de persoal galego cada día teñen unha menor presenza nos órganos de goberno. Están desgaleguizando as Caixas a marchas forzadas ante a pasividade da Xunta. O transfundo destas dúas estratexias é a privatización das Caixas de Aforros.

Para levar adiante esa privatización é preciso un cambio de modelo empresarial que, claro está, afecta ás relacións laborais. As caixas de aforro a partir do Convenio asinado en 2004 están a sufrir unha fonda transformación. Foi un Convenio que abre paso a un novo modo de relacións laborais, pero tamén a un novo modelo de empresa. Nese sentido, as Caixas de Aforro abandonan o seu modelo tradicional, que era un modelo máis social e máis respectuoso cos dereitos persoal, da clientela e do país, para implantar un modelo neoliberal.

Por primeira vez no sector financeiro estamos asistindo a un incremento da conflitividade, incluso con folgas, que non se da na Banca. De feito a conflitividade trasladouse ás Caixas de Aforros.

Zélia García: Como valorou a CIG o Convenio de Aforro?

Clodomiro Montero: Establece que poderanse negociar a nivel de empresa horarios distintos do xeral para determinadas oficinas. A CIG anunciou que esta posibilidade abría unha guerra dos horarios no sector financeiro e así foi, hoxe Bancos e Caixas Rurais téñense sumado a unha guerra de horarios nas que o persoal ten as de perder.

Por outra banda a valoración é semellante ao Convenio de Banca, non aporta solución para os problemas existentes e crea un novo: a guerra de horarios. E todo nun momento no que as empresas queren Paz Social para poder continuar coa súa expansión irracional fóra dos territorios de orixe.


“A máis acordos menos dereitos”

Zélia García: Que foi o que aconteceu coa negociación do Convenio estatal de Banca?

Clodomiro Montero: Foi un convenio na liña dos anteriores, penso que o que pasa na Banca pasa en todos os sectores: a máis acordos, menos dereitos. É un Convenio para 4 anos, pero que sen embargo é de trámite, exclusivamente unha cativa suba salarial e punto. Introduciron a cláusula de revisión despois de 10 anos seguidos de subas por baixo do IPC. Tamén algún persoal terá dereito a cobrar un cuarto de paga máis ao ano. Nese sentido é un convenio que aposta pola moderación salarial nun momento en que os beneficios das entidades son históricos e escandalosos.

O que si que se ve é que a Banca española ten unha intención de dar o salto a nivel europeo, e este Convenio o que lles facilita é esa acumulación de capital, esa paz social necesaria para maior gloria dos grandes directores da Banca.

Zélia García: En que contexto do sector da Banca se da a aparición deste novo Convenio?

Clodomiro Montero: Hai unha serie de problemas que se veñen arrastrando desde hai anos e cun convenio a catro anos serán imposibles de abordar. A Banca sufriu unha fonda reconversión, amortizáronse o 25% dos postos de traballo, a falta de persoal asumiuse incrementando a carga de traballo, sometendo a un sobreesforzo ao cadro de persoal, e por outra parte hai un fenómeno que para nós é gravísimo que é a extensión ilegal da xornada laboral. Son horas extra que non se pagan nin se cotizan na Seguridade Social. Nestes momentos a media está en torno a dúas horas e media ou tres horas diarias por persoa. Ese é o maior problema do sector: a sobrecarga de traballo, a extensión ilegal da xornada e a presión á que está sometida o cadro de persoal para que cumpra os obxectivos comerciais que impón a dirección.


Proceso electoral e afiliación

Zélia García: Que avaliación realizades do proceso de eleccións sindicais?

Clodomiro Montero: Nos sectores nos que a Federación era historicamente maioritaria seguímolo sendo, pero están os sectores emerxentes nos que a CIG non estaba representada e que están no ámbito da Federación onde estamos comezando un traballo e os resultados viran a medio e curto prazo.

Cando entramos no Telemárketing había 120 delegados/as elixidos neste país e ningún era da CIG. Foi algo que asumimos conscientemente, pero foi a mellor decisión que puidemos tomar, o persoal máis precario é o que máis precisa do noso modelo sindical.

Por outra banda sectores ata o de agora considerados tradicionalmente privilexiados estanse vendo sometidos ao modelo neoliberal aparecendo bolsas de precariedade, iso fai que comecen a sindicalizarse. Iso implica que a CIG esté presente nun maior número de convenios colectivos co esforzo que implica dar cobertura a sectores novos. Os resultados electorais verémolos a curto e medio prazo.

Zélia García: Cal é a situación no ámbito da afiliación?

Clodomiro Montero: Estamos tendo un medre sostido moi importante. Témonos marcado como reto interno tentar chegar a 5.000 afiliados neste mandato. Nos últimos cinco anos pegamos un salto moi importante en afiliación, en todas as comarcas e empresas. Estamos sentando as bases para o que poden ser futuros procesos electorais, en sectores novos como o do Telemárketing, Rexistros, Servizos de Prevención, etc.

Zélia García: Que avaliación realizarías da situación da Federación desde o último período congresual?

Clodomiro Montero: A situación da Federación é unha situación difícil, historicamente pivotou sobre dous sectores, Banca e Caixas, e na Banca temos un problema de renovación, pero tamén en moitas empresas os candidatos nas últimas eleccións foron xente nova. Houbo empresas que ofertaron prexubilacións exclusivamente aos delegados históricos da CIG durante o ano electoral co obxectivo de deixarnos fora.

Tamén foi habitual que onde a CIG era maioritaria as empresas impulsaran moitas candidaturas. Atopámonos con Comités de 5 nos que había ata 6 candidaturas distintas.

Por outra banda estámonos abrindo aos sectores emerxentes que requiren un gran esforzo en detrimento da atención que poderían levar Bancos ou Caixas. Pero entendemos é unha aposta como Federación e de interese xeral. Temos que estar presentes en sectores como o Telemárketing que son o primeiro contacto co mundo laboral para milleiros e milleiros de traballadores e traballadoras, é fundamental.

Zélia García: Notouse no que respecta á vosa Federación as mudanzas nas distintas administracións?

Clodomiro Montero: A maior parte dos sectores da Federación e das empresas son de ámbito estatal e o cambio non tivo repercusión. Como xa comentamos a respecto das Caixas os cambios foron a peor. O PSOE só se preocupou de relevar ao PP nos órganos de goberno destas entidades, penso que é imprescindible unha reforma da Lei de Caixas de Aforros si queremos que sigan sendo Caixas e galegas.

Zélia García: Tamén se realizou unha campaña a prol da utilización da lingua nos bancos, como se desenvolveu?

Clodomiro Montero: Hoxe é doado que o caixeiro automático estea en galego, recibir a correspondencia en galego, ou incluso asinar os contratos en galego. Hai entidades que ofertan esa opción pero iso foi unha conquista social. Foi grazas a actuación da Mesa en colaboración coa CIG.

Zélia García: Por último a CIG ven traballando polo recoñecemento do atraco como risco laboral, hai avances neste tema?

Clodomiro Montero: As Entidades néganse a recoñecer o atraco como un risco laboral, e retiran unilateralmente medidas de seguridade por entender que son unha molestia para os clientes.

Trasladamos esta cuestión ao Consello Galego de Saúde Laboral e este recoñeceu o atraco como un risco e comezou a elaborar unha guía preventiva, pero todo está parado. Daquela tamén houbo un cambio nas direccións das empresas. Antes chamaban só para preguntar canto levaran os atracadores, hoxe en moitas empresas hai unha maior atención ás vítimas dos atracos.

 
 


Zélia García,
membro de CIG-Comunicación.
(Máis artigos/entrevistas...)

  Zélia García
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 21/12/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta