|
Actualidade / Entrevista Zélia García-
Manuel González Moreira traballa no centro de saúde Atención Primaria de Filgueira, da comarca de Vigo, e é representante da CIG en Atención Primaria e portavoz da Agrupación Médica da CIG Saúde. A continuación, explica máis polo miúdo as razóns da folga que terá lugar o venres 21 de decembro, así como a situación do conflito galego na Atención Primaria.
Manuel González Moreira: A folga enmárcase nun proceso negociador co Sergas, no que hai asuntos que levan xa un longo percorrido e que se foi demorando a súa negociación, deixando todo para o último trimestre deste ano, e agora ao presentaren unha proposta negociadora desde o Sergas, os traballadores consideraron esta proposta unha provocación e inaceptábel. Ante esa proposta, pedíuselle ao Sergas que fixera unha proposta alternativa e demorou tamén a convocatoria da mesa. Convocamos mobilizacións, despois se convocou a mesa do día 18, e nesa mesa non fixo ningunha proposta. Estivo demorando o tema para alongar a reunión e dividir á plataforma unitaria, polo que decidimos manter a convocatoria da folga.
Zélia García: Que táboa reivindicativa tedes nesta folga? Manuel González Moreira: Son temas que algúns deles están comprometidos para falar desde o 2001. Outros temas, como, por exemplo, as condicións de traballo dos PAC's é un acordo que finaliza o 31 de decembro deste ano, e o compromiso do Sergas era negocialo no último trimestre. A estas alturas está sen negociar. Hai outras cuestións que veñen derivadas do Plan de Mellora, que deixaba abertos á negociacións certos temas que tiñan que negociarse na mesa sectorial obrigatoriamente, e que reclamamos que así sexa. Estamos a falar de condicións de traballo dos PAC's, xornada de 1.430 horas, complemento de turnicidade, festividade, nocturnidade, e ademais de temas de formación, materiais e outras cousas, pero fundamentalmente eses. Contra iso o Sergas o que ofrece é incrementarlles a xornada no lugar de rebaixala, e se hai que facer xornada a maiores, que tanto os de PAC como os de atención ordinaria esteamos nas mesmas condicións. Se temos que traballar máis porque non hai médicos, no caso dos médicos, e hai que facer máis xornada pois que se faga de xeito voluntario e que o Sergas o contemple do mesmo xeito para todos. Resulta que para os de ordinaria o Sergas propón incentivar a voluntariedade, e para os do PAC propón a obrigatoriedade a facer máis horas, e é unha inxustiza. A xente de ordinaria o plan de mellora contempla que hai que adaptar o pago en función das tarxetas sanitarias individuais, e nós pedimos que esa adaptación se faga tendo en conta a carga de traballo que supón cada grupo de idade, xa que non é o mesmo unha persoa de 20 anos que unha de 80, e que esa adaptación se faga tamén para outras categorías profesionais que tiñan que estar a cobrar co mesmo modelo e non están cobrando. Para o persoal non sanitario, persoal administrativo dos centros, pedimos que (ademais está así comprometido desde o 2001 renegociar o modelo retributivo do persoal de servizos xerais) en función do traballo que teñen que facer que se revise o modelo retributivo.
Zélia García: Esta folga conta con mobilizacións e concentracións anteriores. Que avaliación realizades das mesmas? Manuel González Moreira: Houbo mobilizacións, houbo concentracións, que foron o día 12 de decembro e que se fixeron nos centros e tamén con concentracións diante das Xerencias de Primaria. A repercusión foi desigual. A xente de PAC's está moi mobilizada porque a súa situación é desesperada e así o viven, mais a xente de atención ordinaria está menos mobilizada, e iso reflectiuse, pero foi unha mobilización bastante boa que serviu para mover un pouco o tema e para que o Sergas vise que a plataforma sindical unitaria que a convocaba tiña a xente detrás. Zélia García: Por que se realiza esta convocatoria de folga desde unha plataforma sindical unitaria? Manuel González Moreira: A unidade sindical sempre é difícil pero é demandada polos traballadores, e desde a CIG se pensou que este era o momento para tentalo e, de feito, convocar esta plataforma unitaria xurdiu da iniciativa da CIG Saúde. Polos traballadores e traballadoras é entendido como algo moi positivo e pode ser moi bo para levar adiante as reivindicacións. Na plataforma están presentes todas as organizacións maioritarias presentes na Mesa sectorial. Zélia García: Que obxectivos agardades cumprir con esta convocatoria? Manuel González Moreira: Primeiro, que o Sergas convoque unha nova mesa e que faga unha nova proposta e logo negociar esa proposta. A plataforma non retirou ningún punto da táboa. O Sergas non quere falar de xornadas, e unha das reivindicacións que non comentei antes é a das 35 horas semanais. O Sergas non quere nin falar destas 35 horas, e quere que retiremos iso da táboa para negociar. Nós dicimos que non, que o Sergas faga unha proposta e con esa proposta negociaremos. Un dos acordos do Plan de Mellora era que os sábados pola mañá que son atención ordinaria pois deixen de ser atención ordinaria e que se traten doutra maneira. Nós dicimos que os sábados non sexan de atención ordinaria son así as 35 horas semanais, traballando de luns a venres, e o Sergas non quere entrar por aí. Non retiramos nada da táboa reivindicativa inicial, aínda que entendemos que hai cousas máis urxentes pero mantemos todos os puntos. |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 20/12/2007 |
||||
|