Actualidade / EntrevistaVolver a Actualidade


Vigo, 4 de decembro de 2007

Xurxo Martínez, escritor
“Fuco Gómez é ante todo tamén un proscrito dentro do nacionalismo”

 

Zélia García-

zelia@galizacig.net


  Xurxo Martínez; clic para aumentar
Xurxo Martínez: “Fuco Gómez é ante todo tamén un proscrito dentro do nacionalismo; el discutiu abertamente a Castelao todo e a todo en que xiraba ao redor do Partido Galeguista. El non cría nin na República, nin no Estatuto. El era un independentista e o que cría era que había que rachar, esgazar totalmente co Estado e a partir de aí crear unha confederación ibérica pero só a partir da nosa propia determinación como pobo”. (Foto: ©galizacig.com).
 
A Asociación Galega de Emigrantes Retornados (AGER) editou en colaboración coa CIG un libro sobre a figura de Fuco Gómez. O escritor deste libro, Xurxo Martínez, explícanos nesta entrevista e dá a coñecer polo miúdo a figura deste histórico nacionalista galego.

Xurxo Martínez naceu en Vigo en 1984. Estudante do último ciclo de Filoloxía Galega, prepara a tese sobre a figura de Ramón Villar Ponte, sobre a importancia da lingua como factor de configuración da nación. Publicou un traballo na revista Murguía, no número 7/8 que ían dedicados a Ánxel Casal, titulado “Ramón Villar Ponte: unha biografía posíbel”, que achegaba novos datos. Publicou tamén na Trabe de Ouro unha carta inédita de Castelao a Ramón Villar Ponte, sobre a marcha de Bóveda a Cádiz. Publicou un traballo na revista portuguesa Primeira Prova da Universidade de Porto sobre Rosalía de Castro. Escrebe artigos de opinión en Vieiros, no Novas da Galiza, e n’A Peneira.

Na actualidade está a realizar un traballo de investigación sobre o xornal rexionalista “La Oliva”, editado entre 1856 e 1857, que foi prohibido, onde se recupera a memoria dos Mártires de Carral, e a súa continuidade foi o xornal “El Miño”, famoso porque aí é onde se nuclea toda a xeración rexionalista.


Zélia García: Por que escolliches a Fuco Gómez para escribir este libro?

Xurxo Martínez: Isto vén todo por un traballo que propuxeran en terceiro de carreira, que era facer un estudo sobre algunha persoa ou entidade relacionada co primeiro terzo do século XX, do 1900 ao 1936, que era o período que andabamos a estudar da literatura. E eu coñecía a Fuco Gómez, por ser o fundador do Comité Arredista galego, e foi unha escolla por simpatía ideolóxica. Fixen unha primeira aproximación á súa figura, baseándome sobre todo en traballos de Pérez Leira e dunha homenaxe que lle fixera a CIG en Becerreá; esta foi a primeira base documental. Despois cando AGER me propuxo facer o libro, xa tiña contacto con Antón Bao, que me achegou un feixe de epístolas ben importantes, unhas cen cartas, que foi moi importante para enfiar tramos da súa vida. E a partir de aí, e a través de diferente información que fun atopando en fondos documentais, na Penzol, na Academia Galega, no Parlamento galego, na Deputación de Pontevedra... nos distintos artigos que escribía, para poder enfiar así a súa vida.

  Xurxo Martínez; clic para aumentar
Xurxo Martínez: “Foi defensor da muller desde o principio, que é algo a ter en conta. É importante pero tampouco está tan desligado do que é o movemento nacionalista porque no ano 1918 as asembleas das Irmandades da Fala no primeiro Manifesto de Lugo xa defendía o sufraxio universal e o dereito a voto da muller. Fuco destacábase por facer unha exaltación das mulleres, do valor das mulleres, da valentía, da capacidade para ser o mesmo que podía ser un home”. (Foto: ©galizacig.com).
 
Zélia García: Que valoración fas ti da súa obra?

Xurxo Martínez: Foi un escritor prolífico ante todo. Nun dos seus últimos libros, un libro de Historia que se titulaba “Ensaios de crítica e historia de Galicia”, no ano 61, fai unha relación de todos os libros que tiña publicado e recolle un total de preto de 50 obras. Hai obras de poesía, (“Pastorelas”). Hai un poema traducido e escollido como mellor poema de certo ano pola Revista The Ajax, unha revista americana (teño o dato pero non confirmado que aparecese ali). Ten un libro de homenaxe a José Martí, xa que era devoto deste home así como dos líderes independentistas cubanos. Ten un libro moi importante que era “Grafía galega” do ano 1926, que é unha das primeiras gramáticas que se vai preocupar pola ortofonía do galego, pola representación gráfica da lingua galega. Tivo moita polémica porque o seu xeito de escribir era moi particular, dun xeito pouco filolóxico. Está por un lado a vontade de querer chegar á xente de Fuco Gómez que contrastaba coas limitacións que ten pola súa formación, xa que Fuco é un autodidacta. El unicamente recebe estudos cando chega a Cuba, xa con 18 anos, no Centro Galego.

Logo hai tamén novelas e tratados filosóficos tirados de escolmas.

Zélia García: E que papel xoga a súa parte como pensador político?

Xurxo Martínez: O pensamento político de Fuco Gómez vai estar recollido sobre todo nun libro que se titula “Nacións ibéricas”, que é do ano 1931, e aquí recolle a maioría da súa articulística desde o ano 1923 até o 1931, aqueles artigos que lle deixaron publicar e aqueles que non lle deixaron publicar, e aí xa se pode tomar conciencia de por onde ían os seus tiros. Este é o primeiro libro e a primeira parte. A segunda parte que sería tamén moi importante son os artigos publicados n´A Fouce, moi poucos, que é curioso a pouca relación que existiu entre Fuco Gómez e o arredismo arxentino. Eu sei que el coñecía Manuel Oliveira, que era o responsábel da Sociedade Nacionalista Pondal, pero, por exemplo, Fuco nunha das súas cartas anos despois, nos anos 50, laiábase de que A Fouce deixara escribir aos galeguistas, porque el estaba en contra dos galeguistas por non apoiar o Estado galego do 31. Fuco Gómez é ante todo tamén un proscrito dentro do nacionalismo; el discutiu abertamente a Castelao todo e a todo en que xiraba ao redor do Partido Galeguista. El non cría nin na República, nin no Estatuto. El era un independentista e o que cría era que había que rachar, esgazar totalmente co Estado e a partir de aí crear unha confederación ibérica pero só a partir da nosa propia determinación como pobo. Os postulados do Partido Galeguista facían referencia ao dereito de autodeterminación, pero eles tamén, penso eu, xogaban coas limitacións que lles daba a República e de aí que o Estatuto non fose o Estatuto de máximos que quixera o Partido Galeguista, pero Fuco non o entendía asi.

Cando a Castelao lle dan o posto de ministro no Goberno do exilio, Fuco critícao e chámao algo así como peseteiro, xa que para el iso significaba unha nova traizón a Galiza.

  “Fuco Gómez”, por Xurxo Martínez; clic para aumentar
Capa do libro “Fuco Gómez”, de Xurxo Martínez, editado pola Asociación Galega de Emigrantes Retornados (AGER) en colaboración coa CIG.
 
E despois da guerra podemos seguir a traxectoria de Fuco Gómez a través de “Patria Galega” (1941-1961), que son vinte anos dun xornal exclusivamente feito case por el.

O que podemos enfiar do seu pensamento de principio ao fin é que el sempre foi independentista, que morreu sendo independentista, que para el Galiza tiña que ser independente. A súa visión era esgazar con España, montar unha república independente e a partir de aí establecer relacións cos demais pobos, cara a unha posíbel confederación ibérica. Como ideólogo nacionalista vai continuar coas teorías de Risco. El era un grande lector, e hai unha definición que el fai de nación a finais dos anos 20 e que está recollido en “Nacións ibéricas” e vese que todo o que el define como unha nación ten que ver coas teorías risquianas ao respecto. Ten unhas limitacións, porque se cadra podía ter superado esta visión, pero ao mesmo tempo foi un home que inventou bandeiras e un himno, algo que pode chocar, pero hai que encadralo no seu momento porque nos movementos de liberación latinoamericanos os símbolos eran fundamentais, que se configuraban como mecanismos de resposta contra os invasores coloniais. Nesa liña é onde hai que meter as accións e inventivas de Fuco.

El tamén tivo relacións con Maciá, que foi o primeiro presidente da Generalitat catalana, e foi fundador de Esquerra Republicana de Catalunya.

El declárase marxista, comunista, que está por unha república independente proletaria, aplaude a URSS, as nacionalizacións, as bancas únicas, é dicir, as medidas propias do que é a xustiza social. Pero cando chega no 1959 a Revolución a Cuba hai un período escuro onde non sabemos moi ben o que pasa. Eu teño dúas versións: a de Neira Vilas que o coñeceu en vida en Cuba, que foi moitas veces visitar a Fuco Gómez, e ten algúns textos del na súa Fundación. El di que Fuco non tivo problemas coa revolución, que estivo a ben con eles, que apoiaba a Fidel Castro. E a outra versión é unha señora de Becerreá, que é a filla dun amigo de Fuco que se carteaba durante moitos anos, e segundo ela, Fuco mandáballe nas cartas ao seu pai unha especie de claves que era preguntarlle pola sogra, para saber de Franco e de Fidel mediante esta expresión. Son dúas versións contraditorias e como non temos datos que clarifiquen, quedan aí as dúas teorías para que a xente coñeza.

Foi defensor da muller desde o principio, que é algo a ter en conta. É importante pero tampouco está tan desligado do que é o movemento nacionalista porque no ano 1918 as asembleas das Irmandades da Fala no primeiro Manifesto de Lugo xa defendía o sufraxio universal e o dereito a voto da muller. Fuco destacábase por facer unha exaltación das mulleres, do valor das mulleres, da valentía, da capacidade para ser o mesmo que podía ser un home.

Está moi preocupado polo tema do analfabetismo. El era analfabeto cando chegou a Cuba (marcha como polisón desde Bilbao, era de familia labrega e humilde). Cando veu a Galiza no 1932 dedicouse a dar clases en Becerreá aos pequenos, de balde, da historia de Galiza, de lingua, e dedicouse a recoller palabras galegas por todo Becerreá adiante. O pai desta señora de Becerreá ía recoller con el estas palabras, e iso tamén o conta Neira Vilas como tiña un armario cheo de andeis, con feixes de tarxetas pequeniñas onde recollía as palabras. Todo este traballo de recollida de palabras reflíctese nunha novela que publicou “O idioma dos animas”, que literariamente é un libro pésimo, pero lingüisticamente é un libro moi importante porque hai unha recolleita de vocabulario e de léxico da zona de Becerreá impresionante.

Zélia García: Fálanos un pouco da presenza de Fuco Gómez nos anos 30 cando volve a Galiza e as repercusións que tivo este retorno.

Xurxo Martínez: El volta contra o 1932. No 1931 publica o libro de “Nacións Ibéricas” desde Cuba, e temos rexistrado un primeiro artigo del en Galiza no ano 1932. Marcharía en 1935 de volta a Cuba. Dá un mitin en Becerreá no 19 xullo do ano 1932 que se vai titular "De la actitud de los gallegos ante las necesidades de Galicia". Foi feita en galego a conferencia, e ía ser na casa do pobo do PSOE de Becerreá, pero un grupo de militantes do PSOE se negou a que se falara de autonomía no seu local. O xuíz de Becerreá, Fernando Bolaño, díxolle que se non podía dala aí que fora ao balcón da súa casa, do que despois foi Hotel Bolaño, e este home mantivo unha longa relación epistolar con Fuco Gómez. Desde este balcón soltou un mitin a favor da autonomía, polos dereitos nacionais de Galiza, e o importante é que este discurso pequeniño de cinco páxinas foi publicado pola editorial Nós de Ánxel Casal. Tamén aquí hai que preguntarse: que influencia tiña el para sacar este texto, que relación había entre eles?

No ano 1933 fundase a Vangarda Nacionalista Galega de Álvaro de las Casas. Non temos datos de que participe pero tamén é curioso, un partido independentista, rebotado do Partido Galeguista, pero non temos ningún dato de que existise relación entre eles.

Funda unha banda de musica en Becerreá que se chamaba "Rompecotelos". Quería fundar unha biblioteca pero non lle deu tempo. E quería facer unha especie de labor humanista e encher Becerreá de fábricas, que producise enerxía para Becerreá, fábrica de tixolos, cun sentido humanista, para que a xente puidera vivir de algo.

No ano 1933 saca un panfleto que se titulaba "A independencia absoluta, única salvación de Galicia". Foi publicado en outubro do 1933 na Coruña. Hai un dato que me deu Encarna, que o seu pai lle contaba que Fuco xa mercara un terreo na Coruña para alí edificar o Parlamento galego. Ese terreo continua a ser propiedade da familia lonxana de Fuco Gómez.

Saca este manifesto na Coruña e é requisado. A intencionalidade política deste panfleto era proclamar a república galega o 17 de nadal do 1933, coincidindo a data coa decapitación de Pardo de Cela. Hai unha orde de apresar a Fuco, e acusábaselle de ir en contra da forma de goberno. Marcha a Portugal e tiña uns problemas de saúde enormes, era un asmático profundo, e ten que volver, e é apresado. Está en Compostela non sabemos canto tempo e é liberado.

No ano 1934 volvemos saber del en Becerreá. Neste tramo é cando se dedica a dar clases, buscar palabras, e descoñecemos que contactos e relacións políticas tiña, se trataba co Partido Galeguista, que tiña un núcleo importante en Lugo.

Na revolución de outubro do 34 de Asturias marcha a participar nela e é outra etapa escura porque non sabemos que fai nin a que se dedica nin nada. A revolución de outubro fracasa e é reprimida, e no ano 1935 volta. Chega preto do Nadal a Becerreá, despídese da xente e ao día seguinte marcha. E isto está datado por un poema recollido nun libro e que se titula “Adeus Galiza”.

A partir de aquí el marcha a Cuba. El traballou nunha botica durante moito tempo até que foi botado por problemas políticos, e despois montou e viviu durante moito tempo dunha tenda de xarutos, que son unha especie de estancos pero que en Latinoamérica son algo máis que iso porque son bastante grandes. El viviu diso durante moitísimo tempo. Encarna, a muller esta de Becerreá, fala de que ten dúas imprentas. Non o temos corroborado. Os seus libros están publicados a maioría na Editorial Rambla, Bouza e compañía na Habana. Quen lle vai servir moito de axuda nos temas políticos na Habana vai ser Josep Pineda, que era o presidente do Centre Catalá da Habana. O comité arredista fundase no Salón do Centro Catalán, e supoño que vai ser alí o seu grande apoio político.

Despois decae o proxecto nacionalista en Cuba, pero é curioso porque cando Castelao fai no Consello de Galiza do 1945 un informe fala de Fuco, chámalle fanático pero fala del. Así que existía, había referencias de que Fuco continuaba a estar por aí.

Zélia García: Que engadirías sobre a proclamación do Estado Galego no 1931?

Xurxo Martínez: Hai un dato curioso que a proclamación do Estado Galego que se produciu en xuño de 1931, vai capitaneada por xente da emigración galega arxentina, Suárez Picallo, Antón Alonso Ríos, todos viñan da Federación de Sociedades Galegas; aproveitan unha folga xeral convocada en Ourense polo ferrocarril e proclaman a república galega primeiro en Ourense e despois van até Compostela. En Ourense até ondearon unha bandeira comunista, e en Compostela proclamaron o Estado Galego, do que Antón Alonso Ríos era presidente dunha especie de xestora que dirixiría o Estado Galego. Durou sete ou oito horas. Non debemos infravalorizar este feito, aínda que sexa mínimo, pola repercusión política que ten. A curiosidade é que Fuco promove unha constitución da república galega, promove un himno, unha bandeira e fúndase no ano 1931 un colectivo que se chamaba Acción Nacionalista Galega, que se declara abertamente contraria á República e chama á unión dos nacionalismos periféricos para loitar contra a república, e curiosamente neses anos é cando se funda Acción Nacionalista Vasca e Acción Nacionalista Catalá. Tres grupos co mesmo nome coas tres nacións periféricas.

Parece ter todo bastante relación aínda que non temos datos que así o verifiquen.


Valor como humanista

Zélia García: Cres que o pensamento de Fuco Gómez pode ter vigor na actualidade?

Xurxo Martínez: O que hai que facer con este tipo de persoas é non tomalas polo negación do que el fai se non polo positivo que el ten, afirmar o que el fixo ben. Non se trata dun home que se dedicase a promover ditaduras nin asasinatos, senón que eu o que máis destacaría sería o seu valor como humanista, característica de calquera persoa que aspira a unha sociedade mellor, a fraternidade, a igualdade e a xustiza social.

Choca moito por isto que o propio concello de Becerreá nunca fixera unha homenaxe a Fuco. Eu non digo que lle poñan unha rúa, que eu son defensor da toponimia tradicional, pero que o concello debería ter un pequeno xesto para un paisano seu que marchou analfabeto e que chegou a ter un control cultural enorme, unha importancia lingüística inmensa, e que estivo sempre aí no debate, que mesmo chegou a dirixir xornais, participou na fundación de organizacións nacionalistas, que tiña un sentimento de axudar aos demais.

Para Fuco José Martí, líder da independencia cubana e autor intelectual da Moncada, era a súa luz, e hai uns versos de José Martí que resumen moi ben a idea que mantiña Fuco que era: “Dame el yugo, oh mi madre, de manera que/ puesto en el de pie, luzca en mi frente/ la estrella que ilumina y mata”; é dicir, o xugo que é o símbolo da explotación, do asoballamento, abaixo, e a estrela vermella na fronte reclamando a liberdade dos pobos e das persoas. Son tres versos de José Martí que penso que poderían resumir ben o pensamento de Fuco Gómez.

Zélia García: Destacarías algo máis da biografía de Fuco Gómez e as súas aportacións ao nacionalismo galego?

Xurxo Martínez: Nos seus inicios no nacionalismo galego é confundador da Xuntanza Nacionalista Galega da Habana, que chegou a ser en numero de militantes a segunda das Irmandades da Fala, detrás de A Coruña. Hai un documento que está na Biblioteca Penzol, dun listado da militancia que tiñan, e eran máis de cen persoas no 1921. Fuco foi membro da redacción do seu primeiro voceiro que se chamaba “Nós”, e aparecía na portada a palabra “independencia”, síntoma do pensamento político desta xente.

Despois a revista é pechada pola censura e sacan outra que é “Terra Gallega” da que Fuco é administrador, e introdúcese unha crise grave na XNG (todo isto sabémolo por un documento importantísimo no que contan que na IV Asemblea Nacionalista das Irmandades se lle encarga a Ramón Villar Ponte o contacto dos grupos da Habana para establecer relacións formais). Fuco Gómez denunciou a Fernández Doallo, que era un impulsor xornalístico da Habana, por traficar con mulleres galegas. Isto provocou un forte enfrontamento interno na XNG brutal, até que parte e morre no ano 1925. E o comité arredista que se formaría no ano 1932, continua, que é Fuco e a xente que está detrás del. O comité arredista era unha estrutura secreta. A súa intención era que en Cuba estivera o aparato loxístico e en Galiza existirían grupos de acción, con accións puntuais, estilo o que acontecía cos grupos irlandeses nos Estados Unidos. Este era o obxectivo. El tiña contacto con Fermín Penzol, que naquela época formaba parte da Mocidade Céltica de Madrid, da que formaban parte entre outros Rof Carballo, Carlos Maside e outra xente importante da cultura galega en tempos posteriores, e era un grupo independentista en Madrid; que no ano 1929 reformulouse na Asociación Galega República Autónoma (AGRA), que propuña métodos violentos para acadar os obxectivos de Galiza, que era o Estado Galego.

 
 


Zélia García,
membro de CIG-Comunicación.
(Máis artigos/entrevistas...)

  Zélia García
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/12/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta