ActualidadeVolver a Actualidade


A Coruña, 26 de xaneiro de 2008

Eduardo Álvarez fora condenado a pagarlle 5.000 euros ao xuíz decano da cidade por unhas presuntas inxurias contra este
A Audiencia Provincial de A Coruña declara a nulidade do xuízo contra o secretario comarcal da CIG-Ensino

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Paulo Carril, Eduardo Álvarez e Pilar García Negro; clic para aumentar
A sentenza foi dada a coñecer o 25 de xaneiro nunha roda de prensa á que asistiron, á parte de Eduardo Álvarez (centro), Paulo Carril, secretario comarcal da CIG de A Coruña, e Pilar García Negro, profesora titular do Departamento de Galego-Portugués da UDC e experta en Dereito Sociolingúistico. Carril e García Negro coincidiron en reclamarlles a diferentes organismos autonómicos, desde o Parlamento até a Secretaría Xeral de Política Lingüística, unha defensa activa dos dereitos lingüísticos dos galegofalantes, especialmente no ámbito xudicial. (Foto: ©galizacig.com 25/01/2008).
 
A Audiencia Provincial de A Coruña declarou a nulidade radical de actuacións do xuízo de faltas no que Eduardo Álvarez, secretario comarcal da CIG-Ensino de A Coruña, fora condenado a pagar unha multa de 200 euros e a indemnizar con 5.000 ao xuíz decano da cidade, Antonio Fraga Mandián, en concepto de danos morais por unhas presuntas inxurias. A vista oral terase que repetir.

A Audiencia Provincial, sen entrar no fondo da cuestión, outórgalle a Eduardo Álvarez practicamente a razón en todas os fundamentos xurídicos de contido procesual que sustentaba no seu recurso de apelación.

O fallo recoñece que, na celebración da vista oral, o denunciado foi privado do dereito fundamental á defensa ao non serlle permitido interrogar nin o denunciante nin a única testemuña de cargo. A sentenza indica que non se lle permitiu tampouco a Eduardo Álvarez o exercicio da última palabra, principio proclamado en todos os procesos penais que se precen de democráticos. O fallo da Audiencia Provincial recoñece tamén que Eduardo Álvarez, ao non ser convocado ao remate da vista oral a asinar a acta tal e como prescriben as normas procesuais, foi privado contra legem das formalidades que garanten o control da documentación xudicial.

O fallo centra a súa atención tamén na posición do Ministerio Fiscal, que impugnou o recurso de apelación, máis preocupado por manter a resolución de condena a Eduardo Álvarez que por defender a legalidade como constitucional e legalmente se lle encomenda.

A sentenza tamén recolle que o denunciado ficou limitado practicamente no xuízo a entregar á xulgadora fotocopias de normas xurídicas e de xurisprudencia, por outro lado totalmente innecesarias e mesmo “impertinentes” porque se presupón que os administradores da Xustiza teñen o deber de coñecer por eles mesmos o ordenamento xurídico (iura novit curia).

Por isto, ao concorrer o quebrantamento de normas procesuais que conducen á efectiva indefensión de Eduardo Álvarez, a Audiencia Provincial declara a nulidade de actuacións, tal e como se pedía no recurso de apelación, e indica que o xuízo oral debe volver celebrarse con todas as garantías propias dun Estado de dereito.

A sentenza foi dada a coñecer o 25 de xaneiro nunha roda de prensa á que asistiron, á parte de Eduardo Álvarez, Paulo Carril, secretario comarcal da CIG de A Coruña, e Pilar García Negro, profesora titular do Departamento de Galego-Portugués da UDC e experta en Dereito Sociolingúistico. Carril e García Negro coincidiron en reclamarlles a diferentes organismos autonómicos, desde o Parlamento até a Secretaría Xeral de Política Lingüística, unha defensa activa dos dereitos lingüísticos dos galegofalantes, especialmente no ámbito xudicial.

“Temos en A Coruña xuíces cunha dubidosa capacidade de xulgar e de aplicar a Lei, cando son eles os primeiros en eludir o seu cumprimento”, asegurou Carril en referencia ao caso de Eduardo Álvarez.


Denunciado por defender os seus dereitos lingüísticos

Eduardo Álvarez fora acusado polo xuíz decano de A Coruña de “inxurias” por unhas declaracións que realizara na prensa o sindicalista, nas que denunciaba a negativa dun xulgado da cidade a notificarlle en galego un auto xudicial, en cuxo selo fedatario figuraba ademais o topónimo ilegal “La Coruña”. Previamente, Fraga Mandián, alén de negarlle os dereitos lingüísticos ao sindicalista, chegara mesmo a manifestar que o emprego de “La Coruña” constituía un mero “erro ortográfico”.

“Din os dicionarios que cínico é quen mente para xustificar unha ilegalidade. Isto é o que está a facer o xuíz decano”. Estas foron as frases literais que lle expresou Eduardo Álvarez a un xornal coruñés na entrevista que orixinou a denuncia de Fraga Mandián contra o sindicalista.

 
 
Informacións relacionadas
13/08/2007 O secretario comarcal da CIG-Ensino recorre esta sentenza por entender que se conculcaron dereitos fundamentais
Eduardo Álvarez é condenado a pagar 200 euros de multa e 5.000 de indemnización
19/07/2007 A xuíza negou as probas testificais propostas polo sindicalista e a posibilidade deste de interrogar a testemuña da acusación
Eduardo Álvarez denuncia indefensión e parcialidade da Xustiza española no seu caso
14/07/2007 A Mesa convoca un acto público de apoio ao denunciado o 18 de xullo ás 11:30 da mañá na entrada do edificio dos Xulgados
Novo enxuizamento en A Coruña a un cidadán por defender os seus dereitos lingüísticos
15/02/2007 Dúas persoas discriminadas polo uso do idioma denuncian os seus casos ante o Consejo General del Poder Judicial
Órganos xudiciais coruñeses conculcan os dereitos lingüísticos dos galegofalantes
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 26/01/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta