ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 25 de xaneiro de 2008

Solicita que se reclame a transferencia de competencias na materia
A CIG demanda a derrogación do RD que permite deixar de repartir o correo no rural

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  A CIG promoverá unha Plataforma en Defensa do Correo Rural; clic para aumentar
Xosé Blanco (segundo pola esquerda) afirma que “este RD provoca unha discriminación enorme porque o cambio de modalidade no reparto vaise dar só no rural, non se vai dar en ámbitos urbanos, onde se vai seguir repartindo como até o de agora” e considera que mesmo podería ser anticonstitucional “ou se non debe estar raiando a anticonstitucionalidade porque discrimina ao que vive no rural respecto do que vive na cidade”. (Foto: ©galizacig.com 24/01/2008).
 
O Real Decreto 503/07 estabelece que nos “contornos especiais a entrega dos envíos postais ordinarios realizarase a través de buzóns individuais non domiciliarios e de casilleiros concentrados”. Isto afectaría ao reparto postal ordinario de grande parte do rural galego e para a CIG podería ser anticonstitucional e atentar contra a Lei de Protección de Datos, ademais de pór en risco 400 postos de traballo.

Ante isto, a CIG vén de anunciar a súa intención de promover unha Plataforma en Defensa do Correo Rural e a convocatoria dunha concentración para o vindeiro día 14 de febreiro, ás 11:30 horas diante do Parlamento de Galiza. O obxectivo é demandar a derrogación do Real Decreto ou cando menos do artigo 37, defender o dereito de todas e todos os cidadáns a gozar desta prestación e preservar o servizo de Correos como un servizo público e universal. Ademais, a CIG instará aos grupos parlamentarios para que se pidan as transferencias de Correos para a Xunta de Galiza.

Cando se coñeceu o contido deste RD, CIG-Correos puxo en marcha unha campaña informativa e de sensibilización. No seo desta, hai aproximadamente tres meses, dirixiuse aos grupos parlamentarios para dar a coñecer as graves repercusións que a súa aplicación tería para o reparto postal ordinario no país e remitiu un escrito aos grupos municipais dos concellos para que adoptaran medidas. Isto traduciuse, polo momento, na presentación, por parte do BNG, dunha pregunta no Parlamento de Galiza e o compromiso de presentar unha iniciativa no Congreso dos Deputados.

Alén diso, CIG-Correos contactou con diversas asociacións de veciños e, dada a gravidade do tema, ten a intención de ampliar estes contactos a todo tipo de organizacións sociais do país.


Os contidos do Real Decreto 503/07

Até o de agora e segundo explicou en rolda de prensa Xosé Blanco, secretario nacional de CIG-Correos, a entidade estaba obrigada pola Lei Postal e pola Directiva Comunitaria a repartir todos os días laborábeis, como mínimo cinco días á semana, nos domicilios particulares. “Este Real Decreto o que fai é reducir e eliminar ese reparto domiciliario, porque crea os chamados ‘contornos especiais’ obrigando, alí onde eles consideren que é un contorno especial, a recoller a correspondencia nuns buzóns colocados en cruces de camiños ou nas oficinas de Correos, que no caso dalgunhas aldeas están a até catro ou cinco quilómetros de distancia”.


Contornos especiais

O RD modifica o artigo 37 do Regulamento polo que se rexe a prestación dos servizos postais estabelecendo o que denominan como contornos especiais. A creación deses ‘contornos’ afectaría especialmente a Galiza pola dispersión territorial da poboación.

Como contorno especial considéranse aqueles que estean nos seguintes supostos:

a. Cando se trate de vivendas illadas ou situadas en contornos cualificados como diseminados e estean situadas a máis de 250 metros da vía pública habitualmente utilizada por calquera dos servizos públicos.

O reparto realizarase mediante buzóns individuais ou agrupados ubicados ao paso ou nun punto de aproximación entre as vivendas e a circulación.

b. En contornos de grande desenvolvemento de construción e mínima densidade de poboación, entendendo por tales desenvolvementos de construción horizontal, que sexan vivendas individuais ou agrupadas, naves industriais ou calquera outro tipo de edificación individualizada.

Nestes contornos o reparto realizarase mediante casilleiros concentrados publidomiciliarios cando concorran cando menos dúas das seguintes condicións.

1. O número de habitantes censados sexa igual ou inferior a 25 por hectárea, considerando a estes efectos a superficie urbana.

2. O número de vivendas ou locais sexa igual ou inferior a 10 por hectárea, considerando a estes efectos a superficie urbana.

3. O volume de envíos ordinarios no contorno non exceda de 5 envíos semanais, de media por domicilio e en cómputo anual.

No caso de contornos de nova construción onde non sexa posíbel determinar algunhas das condicións anteriores, adoptarase de forma provisional e por un prazo máximo de dous anos, o sistema de reparto que previsibelmente puidera corresponderlle por analoxía con contornos similares da zona, dando conta diso ao regulador postal no prazo de tres meses desde o inicio do reparto.

c. Noutros contornos especiais, considerando a efectos postais os seguintes:

1. Mercados, centros comerciais e de servizos, entendendo por estes aqueles contornos caracterizados por unha concentración de estabelecementos independentes de carácter comercial ou de servizos.

2. Conxunto residencial de inmóbeis que sexan vivendas unifamiliares cun único número de policía e sen identificación oficial individualizada de cada unha das vivendas ou áreas industriais no que as súas naves teñan, así mesmo un único número de policía e sen identificación oficial de cada unha delas.


Vulneración da Lei de Protección de Datos e anticonstitucionalidade

Blanco afirma que “este RD provoca unha discriminación enorme porque o cambio de modalidade no reparto vaise dar só no rural, non se vai dar en ámbitos urbanos, onde se vai seguir repartindo como até o de agora” e considera que mesmo podería ser anticonstitucional “ou se non debe estar raiando a anticonstitucionalidade porque discrimina ao que vive no rural respecto do que vive na cidade”.

Alén diso non se garante a protección de datos porque calquera podería acceder a cartas -nas que aparecen datos persoais como números de conta e outros- que antes eran depositadas no buzón do domicilio particular e agora van estar nun buzón publidomiciliario.


Cara a privatización do servizo

Para a CIG, de fondo, con esta reconversión do servizo o que prevalece e a redución de custos, entre outros na partida de persoal e, en consecuencia, o incremento de beneficios. De feito segundo os cálculos realizados por CIG-Correos, o cadro de persoal, que neste intre é de 1.300 carteiros rurais, poderíase reducir nuns 400 carteiros.

Prepárase así á entidade, cos seus diferentes servizos cada vez máis fragmentados, para a liberalización do sector, prevista para o 2011 e para a súa inminente privatización.

Para a CIG, segundo explicaba o secretario Xeral, Suso Seixo, o tema é de especial gravidade e é imprescindíbel adoptar, con urxencia medidas. “Non sabemos se para outras partes do Estado estas medidas poden ter algún tipo de xustificación, pero desde logo para Galiza, do punto de vista social e laboral parécenos unha barbaridade”.

 
Descarga en .pdf
 
pdfCarta de CIG-Correos ao Grupo Municipal do BNG nos concellos
pdfRD 503-2007 polo que se modifica a prestación dos servizos postais

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/01/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta