|
Actualidade CIG-Comunicación-
Os datos oficiais serán publicados o 15 de xaneiro, mais a CIG realiza un seguimento “moi exhaustivo”, contrastado sempre cos datos oficiais, e o que se comunicou nesta rolda de prensa é que sobre estes datos feitos públicos “pode existir unha diferencia de once delegados e delegadas, que están suxeitos a procesos de impugnacións, que non varía porcentaxes, e polo tanto podemos falar de resultados definitivos”.
Despois das eleccións políticas, as eleccións sindicais son as que moven máis electores e electoras con moita diferenza. Nestas eleccións sindicais na Comarca de Vigo en concreto tiñan posibilidade de votar 107.975 traballadores e traballadoras, das que votaron 93.310. Facendo unha porcentaxe destes datos, subliñouse que a porcentaxe de traballadores e traballadoras que participaron votando a opcións sindicais foi do 86,41%. Xerardo Abraldes, secretario comarcal da CIG de Vigo, realizou unha reflexión sobre este dato porque “hai opinións por aí que coinciden con intereses patronais, que din que os traballadores e traballadoras xa non cren nos sindicatos, que están pasados de moda, e esta participación altísima demostra que si que se continúa a confiar nos sindicatos para que leven a representación do persoal nas empresas”. Outro dato feito público é que se elixiron neste proceso electoral 5.097 delegados e delegadas na Comarca de Vigo (Vigo, Baixomiño, Val Miñor, O Condado e O Morrazo), que son 645 representantes máis que no proceso anterior. Este incremento no número de delegados e delegadas ven motivado polo momento económico e a puxanza do sur da provincia de Pontevedra, mais tamén afirma Abraldes “porque a nosa zona é con diferenza a máis sindicalizada do país e posibelmente do Estado, e que os sindicatos, e especialmente o noso, temos feito un traballo importantísimo, que se demostra tamén no nivel de afiliación”.
A CIG acada o 36,1% de representatividade e 1.841 delegados e delegadas. Houbo un incremento bruto de 2,9 puntos porcentuais respecto ao anterior proceso, no que a CIG tiña o 33,2% e 1.478 delegados/as. CCOO rematou este ano co 27,6%, mentres o ano anterior rematara co 30,2%, así que baixou 2,6 puntos a súa representación. UGT rematou o proceso co 26,2%, e o anterior finalizouno co 28,2%, asi que baixou 2 puntos porcentuais.
Por sectores, para a CIG, en palabras do seu secretario comarcal “a avaliación é moi positiva porque a CIG medra, e nalgúns con maioría folgada, nos sectores fundamentais para a economía da comarca viguesa e tamén nos sectores fundamentais dos servizos tanto públicos como privados da comarca”. Por exemplo, no sector da Alimentación e do Téxtil a CIG acada o 36,3%, cunha importante suba respecto ao anterior período. No sector do Metal a CIG sitúase no 43,7%, e aquí só sube unhas décimas, pero xa se estaba nun alto nivel. Na Construción chegouse a contar co 54,8% da representatividade, cun incremento de máis de catro puntos. En Servizos, aínda estando moi preto de UGT, houbo un incremento moi importante. Nas federacións da área pública os resultados son importantísimos: na Administración a CIG é primeira forza sindical co 33,8%, con especial incidencia na Administración local; no Ensino público tanto universitario como non universitario a CIG é a primeira forza, e na Universidade de Vigo a CIG é a primeira forza sindical en canto a persoal docente, e no Ensino non universitario na provincia de Pontevedra a CIG acada o 46,3% de toda a representación do Ensino público non universitario; e en Saúde a CIG é tamén primeira forza co 29,2%.
Desde a Comarca da CIG de Vigo incidiron nos datos de dous convenios concretos pola problemática laboral que tiveron no último ano: no Convenio do Metal a nivel provincial a CIG ten 579 delegados/as aos que se lles aplica este convenio, e o 48,2%, CCOO 345 delegados/as e o 28,7% e UGT 258 delegados/as, que supón o 21,5%. No Convenio da Construción a CIG ten 347 delegados/as, que supón o 53,2%, CCOO 171 delegados/as e o 26,2% de representación, e UGT 132 delegados/as e o 20,2% de representación. A CIG continúa a ter maioría absoluta no Convenio da Construción. Para Xerardo Abraldes “os datos destes dous convenios danlle un apoio fortísimo á liña sindical e de mobilización da CIG porque foron os traballadores e traballadoras destes dous convenios durante a negociación e con posterioridade á negociación dos mesmos os que máis apoiaron a nosa opción sindical”.
Por unións locais, a CIG gaña nos tres grandes territorios nos que está dividida a Comarca de Vigo. Na Unión Local de Vigo (Vigo, Redondela, Nigrán, Gondomar, Mos) a CIG gaña co 33,8%, CCOO o 29,2% e UGT o 25,8%. Na Unión Local de O Porriño (Baixomiño, O Condado, Paradanta e Louriña) a CIG obtén o 42,9% de representación nesta zona tan industrial. Na Unión Local de O Morrazo a CIG ostenta o 40,7% de representatividade. A CIG gaña en 17 dos concellos da comarca, nos máis importantes, por ampla maioría (agás Redondela que está a CIG en segundo lugar, preto do primeiro), UGT en 5 (concellos rurais) e CCOO gaña en tres. Na provincia de Pontevedra, na zona norte a CIG quedou en segundo lugar, pero no conxunto da provincia de Pontevedra a CIG ten maioría ampla: a CIG ten 2.049 delegados/as e o 34,3%, medrando dous puntos.
Abraldes avaliaba estes resultados engadindo que “entendemos que este triunfo ten dous factores fundamentais: un factor interno, pola boa colaboración e o traballo en equipo de todas as persoas que representamos e temos algún tipo de función neste sindicato; e por outro lado o triunfo do modelo sindical da CIG, modelo reivindicativo que está demostrando, e os traballadores e traballadoras así o recoñecen, que a CIG é un sindicato que está ao seu lado, que reivindica melloras nas súas condicións de vida e de traballo, que é coherente nesta defensa, que ten presenza cando a ten que ter, e iso neste momento non o poden dicir todas as opcións sindicais”.
Por último o secretario comarcal da CIG de Vigo, Xerardo Abraldes, lembrou a represión sindical existente neste proceso electoral: “tivemos candidatos a delegados/as despedidas durante este proceso, e é que a democracia non chegou aínda ao ámbito laboral”. Neste proceso aproximadamente doce candidatos/as da CIG no sur da provincia de Pontevedra foron despedidas por presentarse ou organizar candidaturas da CIG. Abraldes rematou sinalando que “afortunadamente todos e cada un dos xuízos por represión sindical e despedimento que conlevaron esa actitude represiva patronal foron gañados pola CIG a través da súa asesoría xurídica”. A continuación anexamos táboas e gráficos que dan conta máis polo miúdo dos avances da central sindical nesta Comarca no proceso de eleccións sindicais.
|
|||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 11/01/2008 |
|||||||||||||
|