|
Actualidade
A Coruña, 29 de xaneiro de 2008
Unha representación do sindicato e
traballadores entrevistouse con membros dos grupos parlamentarios do PSOE, BNG e PP
A CIG pídelle firmeza aos partidos políticos na defensa dos dereitos do persoal das auxiliares do
carbón
| |
 |
| A CIG e os representantes dos mineiros instaron
os partidos políticos, en especial ao PSOE pois é o partido gobernante no Estado, a que atopen de
inmediato solucións satisfactorias para os traballadores das auxiliares. (Foto: Manifestación do 11 de abril de 2007 en A Coruña en demanda
de solucións ao futuro laboral do persoal das auxiliares do carbón. ©galizacig.com). |
| |
A CIG e unha representación dos traballadores
das auxiliares das minas de Meirama e As Pontes pedíronlle firmeza aos tres grupos parlamentarios galegos
para que fagan valer ante o Ministerio de Industria as resolución da Cámara autonómica en
defensa dos dereitos destes operarios a incorporárense as empresas principais.
A delegación da CIG e dos traballadores
entrevistouse esta mañá en Compostela con membros do PSOE, BNG e PP. Solicitóuselles que unha
representación da Comisión de Industria do Parlamento galego se traslade a Madrid para entrevistarse
con representantes do Ministerio de Industria para que, dunha vez por todas, faga valer as diferentes resolucións
adoptadas pola Cámara galega e polo Congreso dos Deputados que apoian as incorporacións e prexubilacións
dos traballadores das auxiliares das minas galegas.
A CIG e os representantes dos mineiros instaron
os partidos políticos, en especial ao PSOE pois é o partido gobernante no Estado, a que atopen de
inmediato solucións satisfactorias para os traballadores das auxiliares. Este conflito alóngase xa
case dous anos, xa que UGT, CCOO, o Ministerio de Industria e a patronal Carbunión firmaron o Plan Miner
II en marzo de 2006, discriminando o persoal das auxiliares das minas de lignito pardo de Galiza.
Paulo Carril, representante da CIG na Mesa da
Industria Auxiliar do Carbón da Xunta, lembra a inxustiza e discriminación que neste tempo levan
padecendo estes mineiros. En Meirama, actualmente non hai prevista incorporación algunha a Limeisa, mentres
que as 80 que se efectuaron en Endesa, en As Pontes, á parte de seren insuficientes pois hai 60 traballadores
que foron excluídos pese a que reúnen os requisitos para beneficiárense delas, producíronse
de maneira caciquil xa que se primou a afinidade política e sindical dos empregados incluídos, en
detrimento doutros que, mesmo, contan con décadas de traballo no xacemento.
|