|
Actualidade CIG-Comunicación-
Rafa Iglesias, secretario comarcal da CIG de Pontevedra, e Delmiro Durán, secretario de Organización da comarca, deron unha rolda de prensa no local sindical de Pontevedra para dar a coñecer os resultados case que definitivos das eleccións sindicais na zona de Pontevedra (nos concellos de Pontevedra, A Lama, Barro, Cotobade, Marín, Poio, Pontecaldelas, Vilaboa). Nesta zona a CIG gaña as eleccións sindicais na comarca de Pontevedra con 52 delegados e delegadas máis que CCOO e 68 máis que UGT, o que equivale a un 4,17% máis que CCOO e un 5,47% que UGT. No conxunto da provincia de Pontevedra a CIG gaña contundentemente con 449 delegados/as sobre UGT e 445 sobre CCOO, o que supón estar por diante de CCOO e UGT en máis do 6% do total de delegados e delegadas elixidos. En canto a federacións salientaron os óptimos resultados de Metal, Construción, FGAMT, Banca e Químicas. Rafa Iglesias, secretario comarcal da CIG de Pontevedra, avaliou estes resultados “moi positivamente” e engadiu que ”a CIG se converteu nun referente para o conxunto dos traballadores e traballadoras, xa que é o sindicato que defende os seus intereses e con moi boa imaxe”. Ademais Iglesias subliñou que “a CIG está moi ben situada para facer un bo traballo sindical, tanto nos convenios colectivos como de empresa, así como en conflitos máis puntuais”. O secretario comarcal puxo como exemplo o Convenio da Construción, no que a CIG conta coa maioría absoluta da representación, “e que foi por esa maioría polo que se conseguiu un convenio tan bo para este sector”. Aínda destacando o positivo destes resultados, Rafa Iglesias tamén realizou autocrítica nesta rolda de prensa e apostou por “mellorar a organización e no traballo sindical en federacións como a Administración -na que o PP ten como forza sindical a CCOO e presiona moito, sobre todo na Administración local- ou Servizos, que aínda que hai unha mellora habería que continuar a afondar neste sector”.
|
|||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 16/01/2008 |
|||||||||
|