|
Actualidade CIG-Comunicación-
En A Coruña, a Xunta de Galicia e a Deputación chegaron a un acordo para incrementar os salarios 230 euros ao mes para os bombeiros, 300 euros para os cabos e 100 euros para os xefes de servizo desde outubro de 2007. Esta suba de A Coruña foi consecuencia dun acordo a nivel galego entre sindicatos e Xunta para dignificar os salarios nos consorcios privatizados. A intención da Consellaría de Presidencia de promover estas subas en toda Galiza chocou coa negativa da Deputación de Pontevedra. Nas outras provincias o acordo está ben avanzado.
O pasado luns 14 os representantes dos traballadores do Consorcio de Bombeiros de O Salnés reuníronse con Rafael Louzán para reclamar esta suba salarial para os tres Consorcios privatizados da provincia (O Morrazo, O Salnés e Baixo Miño). Aínda que o presidente da Deputación se mostrou receptivo ás súas demandas, aínda non obtiveron resposta. Os traballadores reclámanlle á Deputación de Pontevedra unha suba igual á dos Consorcios de A Coruña con efectos retroactivos desde outubro de 2007 no camiño da substitución dos actuais Consorcios Comarcais por un único Consorcio Provincial con xestión pública directa, tal como recolle a disposición adicional 3ª da Lei de Emerxencias de Galiza do ano 2007. De non obter unha resposta inmediata, os traballadores dos tres Consorcios Comarcais (O Morrazo, O Salnés e Baixo Miño) teñen previstas accións reivindicativas comezando por un peche nos propios parques de bombeiros xa na seguinte semana. |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 18/01/2008 |
||||
|