|
Actualidade CIG-Comunicación-
O mércores 16 de xaneiro tiña lugar ás once da mañá unha rolda de prensa no local da CIG de Pontevedra da FGAMT sobre os accidentes mortais no mar que tiveron lugar nesta semana. Xabier Aboi, secretario nacional da FGAMT da CIG, manifestou en primeiro lugar “as nosas condolencias por esta nova traxedia que acontece a oito mariñeiros galegos nun barco que non se pode dicir que incumprira as normas, e se non tiña algúns medios de protección para os tripulantes é porque non eran obrigatorios”. Este país está a sufrir nos últimos quince anos unha media de 1.700 accidentes anuais individuais, nos que máis do oitenta por cento son leves. Desde o ano 91 até agora van 378 mortos ou desaparecidos en Galiza, e sinalaba Aboi que “non hai sector laboral que teña iso”, ademais hai que ter en conta que na actualidade hai a metade de traballadores no mar que hai uns anos. No ano 2004 houbo 22 mortos, no ano 2005 17, no ano 2006 10, no ano 2007 10 e agora nun mes 12 mortos, polo que Xabier Aboi se preguntaba “é culpa da neglixencia, da fame, das malas condicións económicas ou é que a culpa sempre vai ser dos mortos que son uns ineptos ou uns loucos?”. Aboi denunciou o problema que existe co sistema satelitario de socorro, que se denuncia desde o sector que saltan numerosas alarmas accidentais, o que supón perda de tempo e numeroso gasto material. Neste sinistro, Xabier Aboi denuncia que houbo mentiras no cronograma que facilitou Fernando Palau, de Salvamento Marítimo. Segundo Aboi, á 1:10 minutos, unha hora e oito minutos antes da versión oficial, salta a radio baliza. Desde o momento que salta e polo cansazo que teñen por tantas falsas alarmas empezase co proceso de chamar ao barco, armador, até o momento que dan o sinal de alarma porque pode ser que sexa real. Á 1:55 avísase á Torre de Control de A Coruña para que dea o Mayday, con 45 minutos de demora. Aboi lembra que neste tipo de sinistros “os minutos son sempre valiosos e neste perdéronse moitos”. O secretario nacional da Federación do Mar da CIG felicitou a todos os medios que participaron do rescate, porque “xogaron a vida, mesmo os barcos pesqueiros que estiveron aí”. Aboi criticou a falta de medios aeronáuticos e “afirmou que estamos peor dotados que hai cinco anos”. Denunciou a avaría das cámaras térmicas nos helicópteros e os fallos continuos dos novos helicópteros da Xunta, que aínda que foron moi caros, no día a día “son uns medios inutilizábeis”. Aboi recordou tamén que todas as competencias no tema de Salvamento son da Dirección Xeral da Mariña Mercante e do Ministerio de Fomento, e das Capitanías Marítimas polo que “desde a CIG reclamamos que se traslade aquí esta competencia para poder abordar este tema desde a nosa realidade”. Respecto ao porque da saída deste barco co temporal, Xabier Aboi engadiu que “moitas veces se publicitan alertas laranxas para terra que non teñen o mesmo resultado para o mar”. Ademais, desde o ano 1999, cun famoso decreto do daquelas ministro de Fomento Álvarez Cascos que ten o nome de “Condicións meteorolóxicas previsíbeis”, deixa en mans do armador decidir cun aviso de temporal se sae ao mar ou non sae, e se volta a terra ou non. Aboi comparou esta situación coa dos cortes de estradas por mor das nevaradas, que se realizan porque poden estar en perigo vidas humanas polo estado do firme, e apostou porque tamén existiran este tipo de ordes de non poder saír faenar con condicións meteorolóxicas perigosas para os mariñeiros. Aboi subliñou que “se un dos tripulantes se chega a negar a saír ao mar sería despedido porque se estaría a negar a traballar”. Aboi insistía así na importante cuestión de perda de vidas humanas e é que “non podemos seguir con esta sangría e hai que parala”. Criticou o propio material de protección que é homologado en terra e “non se pensa na xente que vai traballar con el no mar, que acontece o mesmo coas inspeccións, que se realizan no peirao, e as veces con presa”. No Estado español non é obrigatorio o traxe de supervivencia, que permite unha protección maior polo tema da temperatura, así como leva unha radio baliza, e si que é obrigatorio na náutica deportiva ou co transporte de mercancías, pero na pesca non. Para Xabier Aboi “aquí hai moitas responsabilidades, e o peor é que seguramente dentro de dous días xa non se fale disto pero aquí temos que tomar medidas, e é urxente que se reúna a Comisión de Seguridade do Consello Galego de Pesca. O problema é que non se cumpren as leis”. O secretario nacional reclamou a actuación de oficio da Fiscalía, e que “haxa unha investigación decente onde non se oculte o que aconteceu, e que se saiba a verdade publicamente do que está a pasar con estes accidentes, porque a culpa non pode ser sempre dos que morren”. Tamén demandou que se fale co sector do que está a pasar, “que nos sentemos nunha mesa todas as partes afectadas, que deixemos de mirar a formación e a prevención como un negocio para financiarse determinados sindicatos e determinada patronal, e que a Administración deixe de pagar favores por formación”. |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/01/2008 |
||||
|