|
Actualidade CIG-Comunicación-
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, e o coordenador de Zonas, Fran Rei, foron os encargados de entregar no servizo de atención ao cliente un documento no que se recollen as principais queixas e reivindicacións da asociación en defensa da lingua. A primeira delas atinxe ao dereito do cidadán de ser atendido en galego, recollido no artigo 54.11 da lei 7/07, do estatuto básico do empregado público. O persoal que traballa cara ao público en RENFE e ADIF, ao igual que en FEVE, non recibiu instrucións nin formación neste sentido, ni se deu a coñecer entre os usuarios e usuarias dos camiños de ferro a existencia deste dereito.
No prego de queixas entregado pola Mesa pola Normalización Lingüística tamén se denuncia o incumprimento da lei no teléfono de atención ao cliente, 902 240 202, no cal se impón o uso do castelán a todas as persoas que o utilizaren. Tal e como denuncia a Mesa, na renovación da páxina web de RENFE o galego ficou máis secundarizado. A opción de mudanza de lingua, que antes estaba nun espazo visíbel a calquera usuario ou usuaria, agora mudouse para a marxe inferior esquerda, sendo necesaria unha procura por parte de quen desexe poder ter a información na lingua propia de Galiza, pois non está entre os menús visíbeis nun primeiro momento na páxina de entrada. Porén, o web dispoñíbel en “gallego” é moi rudimentario, limitándose á posibilidade de consultar “Horarios e prezos”. En varias estacións do tren do país, os sinais luminosos exclúen o galego, en información como “Antes de situarse en los puntos de venta, si necesita información solicítela en atención al cliente. Gracias”, “Larga distancia”, “Atención al cliente”, etc. O galego está ausente de documentación e sinalizacións básicas que deberían estar en galego, tal e como sinalou o Consello de Europa no seu informe de 2005 sobre a aplicación en Galiza da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias: 1. Os billetes do tren. 2. Sinalización interna dos trens: “Plazas”, “Asientos”, “No abrir con el tren en marcha”, “Llave anulación puerta”, “Prohibido usar la palanca sin causa justificada”, etc. 3. Cartaces asinados por RENFE dentro de todos os seus trens de pasaxeiros: “Estaciones de origen y destino de los Servicios de Media Distancia”, “Derechos de los viajeros”, etc. 4. Os recibos para pagamento con cartón de crédito ou débito. 5. Os “plans de evacuación” das estacións. 6. A maioría da cartelaría, que exclúe o uso do galego, por exemplo:
O presidente da Mesa pola Normalización asegura que “o desleixo pola lingua é tal que, na actualización parcial das sinalizacións da estación de Santiago de Compostela, substituíse información que anteriormente estaba en galego por outra só en castelán e inglés”. Para Callón, “resulta tamén inconcibíbel que a estas alturas poida haber na rede ferroviaria do Estado algunhas estacións nas que se continúe a utilizar arbitrariamente toponimia galega que non é oficial desde hai un cuarto de século, como é o caso por exemplo da estación de Chamartín (Madrid), onde en parte das sinalizacións e na megafonía se pode ver e ouvir La Coruña”. |
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 16/01/2008 |
|||||||
|