|
Actualidade CIG-Comunicación-
O sindicalista fora acusado de ter ocasionado uns danos nos cristais dun autobús da Empresa Monforte o 3 de marzo de 2001. A Fiscalía e a acusación particular, que representa o condutor do vehículo e a compañía, atribuíanlle a Pastoriza un delito “contra o dereito dos traballadores” e outro de “danos”. Xesús Pastoriza manifestou en roda de prensa a súa satisfacción polo fallo xudicial. Do mesmo xeito, amosou a súa estrañeza pola actuación da Fiscalía no seu caso. O Ministerio Público imputáralle, tanto na fase de instrución como no xuízo oral, a comisión do “delito contra os traballadores”, pese a que o fiscal era coñecedor de que o día no que se produciron os feitos que lle atribuían a Pastoriza a Empresa Monforte non estaba en folga. O responsábel do Transporte da CIG non dubida que detrás da actuación da Fiscalía houbo motivacións políticas para criminalizar a CIG. Pastoriza reprochoulle a Raúl López, presidente do Grupo Monbús (ao que pertence a Empresa Monforte), as acusacións falsas que verteu contra el durante todo este caso. O sindicalista criticou a protección da que goza o empresario por parte da Xunta de Galiza, pois Raúl López depende das concesións públicas das liñas de transporte que outorga o Goberno autonómico: “A Xunta de Galiza ten que tomar nota e coñecer do que é capaz de inventar Raúl López para sacarse de diante aqueles que se interpoñen no seu camiño”. De maneira semellante expresouse Ernesto López Rei, responsábel comarcal coruñés da CIG-Transporte, que tamén censurou o amparo que lle conceden o presidente da Xunta e a conselleira de Política Territorial a Raúl López: “É incríbel que unha persoa que acusa en falso siga obtendo beneficios da Xunta”. López Rei cualificou o propietario do Grupo Monbús como “un xestor desastroso do transporte” e recordou as múltiples queixas que recibe o empresario dos veciños polo continuo empeoramento do servizo e pola redución de liñas e horarios. O responsábel comarcal da CIG-Transporte lembrou que Raúl López e Juan Gómez Piña, outro directivo de Monbús, están procesados por coaccionar os traballadores de Luber, unha empresa filial do grupo, nunha causa na que o Xulgado de Instrución número 2 de A Coruña abriu dilixencias previas. |
||||
Informacións relacionadas
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 29/01/2008 |
||||
|