|
Actualidade CIG-Comunicación-
Susana, técnica de radioterapia, foi apartada do traballo cos compañeiros e compañeiras e da atención ao paciente por coller horas sindicais, xa que é membro do Comité de Empresa e delegada da CIG desde hai máis de cinco anos. Todo comezaba a finais de outubro cando a dirección de Povisa comunicaba á técnica de radioterapia que por facer uso das horas sindicais pasaría a traballar soa, nunha habitación insonorizada, sen xanelas, e á que se lle prohibía entrar aos compañeiros. A dirección de Povisa alegaba o impacto emocional dos pacientes ao non ter a mesma persoa atendéndoos, pero desde a CIG reclamaban o lexítimo dereito á libre escolla destas horas sindicais, así como que o paciente tería que contar co persoal preciso para dar unha boa asistencia médica, pero non sería unha cuestión de ver “á mesma persoa”, senón ter os e aos profesionais numericamente precisos nesta asistencia médica de radioterapia. Susana asumía como técnica de radioterapia con este novo emprazamento as funcións que non quere ninguén, illada durante toda a xornada laboral cinco días á semana, o que provocou que collera unha baixa por depresión, coa que continúa na actualidade. O luns 21 de xaneiro tiña lugar o xuízo no Xulgado do Social de Vigo por este caso de acoso laboral, no que a empresa propuña como acordo que a delegada da CIG fixera como membros do Comité doutros sindicatos, que collen todos os xoves as horas sindicais, ou que collera outro día fixo para dispor destas horas, ou que as comunicara cun mes de antelación. A CIG reclama a liberdade das traballadoras e traballadoras para que “segundo o traballo sindical que haxa no centro de traballo os delegados e delegadas podan escoller en que data dispoñen destas horas, xa que o que quere a empresa é ter atado ao persoal, e que colla estas horas para pasear ou para calquera cousa que non sexa loitar polos nosos dereitos laborais e sociais”. O xuízo quedou visto para sentenza, despois da sesión deste luns. Desde as dez e media da mañá numerosos compañeiros e compañeiras da delegada de Povisa, así como membros doutras Federacións da Comarca da CIG de Vigo acompañaban á delegada da CIG diante do Xulgado. Berros como “Povisa aprende, a CIG non se vende”, “Povisa explotadora, cicateira e represora”, ou “Liberdade sindical para este hospital” foron seguidos polos asistentes, como mostra de solidariedade coa compañeira acosada. |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 22/01/2008 |
||||
|