|
Actualidade CIG-Comunicación-
Porque considera que a dedicación exclusiva dos médicos é un elemento fundamental para que poida existir un sistema sanitario público de calidade, a Federación de Sanidade da CIG defende que todos os médicos da sanidade pública, empezando polos Xefes de Servizo, deben traballar en réxime de exclusiva, e oponse abertamente a que no noso país trunfe tamén a opción neoliberal de ignorar o importante conflito de intereses que se establece cando os médicos do sector público tamén traballan no privado, que adoita ter como consecuencia a parasitación da pública pola privada. En contra do que afirman os promotores da actual campaña contra a exclusividade dos médicos, retribuír dun xeito especial o compromiso dos seus traballadores máis cualificados de traballar en exclusiva para a empresa é algo plenamente legal, e hai clara xurisprudencia no sentido de que non se poida cualificar de discriminatoria unha retribución especial ligada a exclusividade, incluso cando se realice o mesmo traballo, co mesmo horario e coas mesmas responsabilidades. Por outra banda, existen datos na literatura científica de que, no sistema público, a dedicación dos facultativos que traballan en réxime de exclusiva é maior que a de aqueles que, ademais, tamén traballan na privada. Ademais, esa mesma literatura alerta contra o feito de que o pluriemprego médico actúa como un estímulo para facer máis probábeis os denominados “comportamentos oportunistas potenciais da práctica médica”. Estes comportamentos oportunistas son basicamente os seguintes: 1) O absentismo e o “escaqueo”; 2) O desvío de pacientes ao sector privado; 3) A demanda inducida e a selección de pacientes; e 4) A apropiación indebida e uso dos recursos públicos para fines privados. Malia que calquera facultativo pode ter este tipo de comportamentos oportunistas, existe evidencia de que a súa aparición é máis probábel, e a súa gravidade maior, entre os médicos pluriempregados. Para a CIG Saúde “cómpre ter en conta que o actual sistema de exclusividade dos médicos da sanidade pública debe ser modificado despois de que, nos 20 anos transcorridos desde que se estableceu, as administracións sanitarias de diferentes cores políticos non fixeran nada para actualizalo”. CIG-Saúde oponse a eliminación da exclusividade dos médicos da sanidade pública, e defende “a necesidade de que as súas condicións sexan renegociadas na Mesa Sectorial, de xeito que se proceda a súa actualización e posta en concordancia coas actuais necesidades do sistema sanitario público galego”. |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 29/01/2008 |
||||
|